11

Estamos de aniversario!

Blog

O vindeiro luns 24 de outubro é o Día da Biblioteca, unha festividade xa especial para as nosas instalacións, pero aínda máis sabendo que se cumprirán dous anos dende a nosa apertura. Dous anos cheos de situacións que nos fixeron medrar a nivel persoal e profesional e que queremos lembrar e compartir con vós cunha exposición que recollerá unha pequena mostra dos momentos que vivimos, só un anaquiño de todo aquilo que fixemos e desfrutamos na nosa querida biblioteca. Esta mesma exposición estará dispoñible para o público a partir deste luns, e poderedes ser partícipes da mesma anotando os vosos sentimentos, ideas, opinións… ou etiquetándovos nas fotos cun rotulador especial que vos deixaremos no mostrador. Pero para ir abrindo un pouco o apetito, deixámosvos a continuación un pequeno resumo de todo o que vivimos nestes dous anos e de como o vivimos as bibliotecarias…

A mediados do outono de 2014 abriamos as portas da Biblioteca Rego da Balsa, un tanto nerviosas, procurando que todo estivese organizado da mellor maneira posible para @s nos@s futur@s usuari@s, sen saber todo o que nos agardaba no tempo vindeiro. A xornada de apertura foi espectacular, a nosa querida biblioteca encheuse de xente que se sorprendía coa distribución dun espazo tan necesario no noso concello, coas baldas cheas de literatura e saber, preparado para ser emprestado para a casa.

Moit@s coñecían un novo modelo de biblioteca que antes non imaxinaban, un espazo diáfano, destinado a diferentes funcións, entre elas o estudo pero tamén o ocio, un lugar onde desfrutar c@s amig@s dunha boa lectura ou consultar algunhas das obras de coñecemento cando os traballos de clase o requerían. Tamén, aínda que xa era posible na outra biblioteca, era máis visible o servizo de préstamo de audiovisuais.

O público infantil quedaba abraiado coa nosa mascota, Sanxo, e cos sillóns colgantes para ler tranquilamente un bo conto. Os mozos e mozas atopaban un lugar onde consultar datos nos nosos ordenadores ou ben compartir a wifi pública para os seus intereses. Pouco a pouco, a biblioteca foi facéndose máis coñecida entre as persoas de todas as idades. Resta falar da afección pola lectura do xornal do día, máis apaixoada aínda por parte d@s máis maiores!

Pouco a pouco, a biblioteca foi medrando, pasamos a contar con máis de 1.000 usuari@s nos primeiros meses, cifra que se incrementaría en máis de 3.500 na actualidade. Pero todo isto non sería posible sen vós, por iso tentamos ofertarvos sempre actividades de lecer que poidesen ser do voso interese: conferencias, obradoiros, proxeccións, faladoiros… nos que tod@s coñecemos temas tan interesantes como a impresión en 3D, bloggers de moda ou de cociña, a problemática existente para visualizar a nosa lingua e tradición, os tattoos máis fermosos da nosa terra, concertos pop-rock, proxeccións de filmes de crítica social… E coñecemos asociacións como Asociación Amigos de los Perros de Carballo, Cruz Vermella ou a Asociación Cultural Arume. Tamén recibimos a escritor@s locais moi coñecid@s como Manuel Rivas ou Rosalía Fernández Rial, e a outr@s que se están labrando un futuro na literatura, como por exemplo Álvaro Antelo ou Miriam Beizana.

As nenas e nenos tamén gozaron con concertos coma os de MaxicoSons, Brinca Vai  ou Magín Blanco, por citar algúns, e con innumerables contacontos, como, por exemplo, Comechíns ou os dos famosos Ratos de Lonxedetodo, Fuco e Lili Gruyére, que conquistaron os ouvidos do público máis esixente da casa. Non debemos esquecer tampouco o esforzo de moitos pais e nais e algúns nenos e nenas que se atreveron a narrarnos as súas historias favoritas, así como os contos que A Biblio Conta trouxo ao recuncho de Sanxo para agradar ás familias que quixeron escoitarnos.

Por outra banda, tamén é preciso citar os obradoiros que se realizaron para todas as idades e para todos os gustos: marcapáxinas de scrapbooking, cadáver exquisito, bookfolding con libros reciclados… e todos os que realizou a Asociación Creaformas, unidos polo fio común das diferentes expresións artísticas, con artistas locais como, por exemplo, Mon Lendoiro ou Teresa Candal.

Con todo isto, realizamos algún que outro concurso para poder premiar @s usuari@s máis orixinais que se atreveron a participar neles, ben nas edicións de Biblionamórame, aló polos meses de febreiro, ou ben noutros literarios, coma o da Praza dos Libros. Sen esquecernos do premio @s mellores usuari@s do ano… Quen serán @s afortunad@s deste? Sen dúbida é un decisión ben difícil de tomar, pois todas nós estamos moi agradecid@s da cordialidade e respeto con que nos tratades, e de que sexades lector@s empedernid@s, de que nos suxirades libros e actividades para facer da nosa biblioteca un lugar máis acolledor para tod@s, un lugar onde se xunten persoas de todas as idades e ideoloxías, un lugar onde compartir máis que literatura, onde compartir momentos.

23864482466_8e2d9dff27_z

Por estes dous anos, e moitos outros máis e mellores aínda… SAÚDE!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s