En inverno descubrimos a CARA B

Actividades,Blog

Comezamos a semana presentando as actividades que vos imos presentar nos meses de febreiro e marzo na Biboioteca Rego da Balsa.

Este inverno queremos descubrir a cara B da cultura con actividades que destacan e difunden a labor de xéneros, artistas, creador@s, e ademais incentivar o debate sobre certos temas de gran interese e importancia, como o da muller e o concepto de igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade

cartaz-puntob

Por iso, ata finais de marzo prestaremos unha atención especial á figura da muller e a resaltar o seu papel nos ámbitos da cultura a ciencia e no progreso da sociedade en xeral. A muller será a protagonista das Xornadas Guerrilleiras, que se desenvolverán do 6 ao 11 de marzo, e que converterán a Biblio Rego da Balsa nun laboratorio de ideas, propostas e actividades feitas por mulleres pero que queren converterse nun reclamo tanto para mulleres coma para homes. A exposición colectiva “A muller a través da arte”, con obras de Alejandra Matínez, Laura Tova, Lara Pintos e Julia Aguiar; o obradoiro “Debuxando en igualdade”, o Faladoiro coas Guerrilleiras e un obradoiro de mural feminino son algunhas das propostas que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día da Muller.

Ademais, como buscamos coñecer a cara B en todos os aspectos, non podía faltar a da música, a aposta alternativa, que volverá a encher o noso auditorio cunha nova edición do Curruncho Pop, que arranca no inverno pero se prolongará durante a primavera. Nesta segunda edición contaremos con artistas coma Javier Colis e Psychofonía, o sábado 4 de marzo, e Víctor Coyote, o 18. Os convites estarán dispoñibles ao longo de toda a semana anterior e as reservas poden facerse, de balde, na biblioteca.

Contacontos, obradoiros, presentacións literarias, faladoiros, proxeccións e recitais completan a programación de inverno, na que continúan tamén o club de lectura, o club de lectura en francés en colaboración coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdain e a campaña #puntoB, a través das redes sociais, que xa vos presentamos na anterior entrada de blogue, e na que vos continuamos animando a participar.

ÚNETE Á CAMPAÑA #PUNTOB

Blog

Este mes de febreiro queremos difundir unha mensaxe importantísima e desexamos que colaboredes con nós na iniciativa para que todo o mundo vexa que desde Carballo reivindicamos a cultura, a  autenticidade e a loita contra as inxustizas.

Por iso, queremos que nos amosedes o voso Punto B. Non, non dicimos o G, dicimos o B!

Non sabedes o que é o #puntob? Pois o punto b non é senón esa cousa que te fai únic@ e especial, ese gusto, afección, libro, canción, frase ou pensamento… que outorga un matiz diferente á túa personalidade.

Co #puntob tamén queremos facer ver que o coñecemento nos fai sexys, deixando atrás a obxetivización coa que nos bombardean os medios de comunicación e as campañas de publicidade, e aproveitar incluso para denunciar aquilo da sociedade que non nos gusta ou vemos inxusto.

Así, a idea crave ou a mensaxe que queremos transmitir é que ler, pensar, cultivarnos é sexy. Outro dos obxectivos é fomentar o desenvolvemento da mente e o saber en contra do fomento do trivial, mundano e aparente, como podemos ver de forma cotiá nas redes sociais, internet e medios de comunicación.

16388049_1067034486763633_9043725325484535982_n

Nós pola nosa parte xa temos  o noso #puntob, e queremos compartilo con vós:

16387225_1065792090221206_607569693881006570_n

Lucía ten o seu #puntob en Bergantiños, a terra de Brañas, porque enriquece a súa vida e faina suspirar e soñar. Que che produce esa sensación? Comparte con nós o teu #puntob!

16387016_1068051786661903_7507490932489084492_n

Aprender a desfrutar de cada momento é o #puntob de Cristina. Tratar de vivir dunha forma sinxela, gozando coa brisa e o cheiro do mar, ou deleitarse co recendo da herba, escoitar como os ballóns das treboadas rompen no cristal nada máis deitarse a durmir… Cal é o teu #puntob? Compárteo con nós!

16425815_1066958846771197_6044984469758888084_n

O #puntob de Paula é a música, e síntese inspirada polas grandes figuras femininas da Historia que loitaron e seguen a loitar polos dereitos da muller e polas que poñen voz a aquelas que non a poden alzar. Cal é o teu #puntob? Compárteo con nós!

Como vedes, as nosas fotos están inspiradas na filosofía dos “Tres monos sabios” de «Non ver o Mal, non escoitar o Mal e non dicir o Mal». Con ela, renegamos da ignorancia, da censura. da superficialidade, do odio, das palabras ferintes, e apostamos polo respecto, a liberdade de expresión, a igualdade, as orixes, a vida sinxela, a fortaleza e a loita polas causas xustas. Estades dacordo cos nosos puntos B?

three-monkeys-1212621_1920

Queremos que vos sintades inspirad@s polas nosas aportacións e colaboredes compartindo o voso #puntob. Como facelo? Pois moi sinxelo:

Subide unha foto en branco e negro cunha frase que a acompañe ás vosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest), etiquetádenos e non esquezades poñer o hashtag #puntob.

**Lembrade que para que todo o mundo a poida ver deberedes facela pública na configuración de privacidade da rede social que empreguedes.

Ademais, para as mellores fotos temos preparados agasallos sorpresa. Non dubidedes e participade!

Porque o lado B das cousas non é sempre o raro, o negativo, o ilegal, o oculto, senón que pode ser o xusto, o especial, o que nos dá ledicia… Amosádenos o teu #puntob!

 

 

Entre nais

#ABiblioPréstame,#Blog,Infantil

Cada mes visítanos na biblioteca o grupo de “Nais e Lactancia” de Carballo. Este grupo de nais está a realizar un curso sobre lactancia e postparto no Centro de Saúde de Carballo. 

O grupo de “Nais e Lactancia” reúnese regularmente na zona de infantil da biblioteca. Un espazo onde os bebés e as nais que optan pola lactación materna ou que estan embarazadas e que pensan decantarse por esa opción reúnense para compartir experiencias, vivencias e resolver todas as dúbidas que van  xurdindo no amplo e ás veces difícil camiño da maternidade nun ambiente cálido e próximo.

Tamén é un espazo de intercambio onde as nais con máis experiencia aconsellan ás menos expertas para tentar resolver as súas dúbidas e servir de apoio nos bos e nos malos momentos. 

E, por suposto, os papás tamén son benvidos a acudir ás reunións!

foto1

No último encontro acompañounas Yoli, profesora de Pilates, a cal lle impartiu unha charla explicativa da importancia que ten facer determinados exercicios antes e despois do parto. 

img_0329

A realización de exercicios de Pilates antes do parto ten múltiples beneficios. Unha das grandes vantaxes da práctica de Pilates é que contribúe a mellorar a postura corporal, que vai cambiando en cada trimestre, ademáis fortalécese a musculatura necesaria para soportar o aumento de peso a medida que o bebé vai desenvolvéndose. 

Tamén a práctica de Pilates resulta enormemente eficaz na prevención de dores de costas, tonifica e reforza as zonas de interese para a muller embarazada, como o abdome (os primeiros meses), as mamas (pectorales), os brazos, a zona da pelvis e as cadeiras. Ademais, exercítanse as pernas, o que favorece a activación da circulación sanguínea, aliviando a incómoda pesadez nas pernas, tan habitual nas últimas semanas.

fullsizerender

Outro aspecto moi interesante é o traballo de concienciación, activación e fortalecemento dos músculos do chan pélvico mediante exercicios de contracción e relaxación. Nestes exercicios trabállase específicamente esa zona pélvica, preparándoa para o parto e facilitando unha mellor recuperación post-parto. Calquera embarazada pode facer Pilates, salvo contraindicación médica. 

Na biblioteca dispoñedes dunha sección na zona de infantil chamada “Medrar”. Aquí atoparedes libros sobre maternidade, lactancia e crianza.

A continuación presentámosvos 10 libros sobre esta temática que poden resultar de moita axuda e resolver moitas dúbidas. Elixe o teu e desfruta desta etapa lendo e aprendendo á vez.

  1. Guía esencial del embarazo” –  Shaoni Hattacharya.

img_0351

Unha guía imprescindible para os futuros pais que será o seu acompañante durante a asombrosa viaxe que vai dende a concepción ao parto, e mesmo máis aló. Detalla os progresos da nai e o bebé mes a mes, e ofrece listas, datos e consellos útiles sobre o mundo do embarazo e a maternidade. Inclúe unha guía básica para axudar aos pais para orientarse polo camiño descoñecido que teñen ante si. Información práctica, asesoramento específico e coñecementos de primeira man para os pais primeirizos.

 2. “Un regalo para toda la vida: guía de la lactancia materna” – Carlos González.

img_0350

Existe algo máis propio dunha nai que dar o peito? Dende hai tempo sábese que a lactación é a mellor garantía de evitar enfermidades futuras, tanto para a nai como para o fillo, pero é que ademais o momento da toma constitúe un momento de absoluta comuñón entre nai e fillo que fai que se cren uns lazos que proporcionan ao neno unha gran seguridade. Carlos González, o creador do exitoso “Bícame moito”, fálanos neste novo libro das bondades de dar o peito ao teu fillo, tantas veces como el queira, a demanda e todo o tempo que ambos poidades.

3. “Vamos a ser padres” – Carlota Basil e Elisenda Roca.

51cn0oxyq-l-_sx327_bo1204203200_

“Vamos a ser padres” abarca desde a planificación do embarazo e os meses de xestación ata o posparto, pero trátase dunha guía diferente das que atoparás no mercado. Porque a escribiron dúas nais: unha xornalista que, á parte da súa, coñeceu moitas historias de embarazo, e unha xinecóloga que achega máis de trinta anos de experiencia á profesión. Porque che propoñen un encontro entre amigas: fálanche de ti a ti, responden a todas as túas preguntas de forma clara e rigorosa pero tamén con humor, fanche confidencias e, sobre todo, entenden como sente unha futura nai.

4. “Qué se puede esperar cuando se está esperando” – Ed. Medici.

img_0341

Este libro converteuse na Biblia das embarazadas con millóns de exemplares vendidos en todo o mundo. Con todo, non é tan recomendado polos xinecólogos ao carecer dunha perspectiva máis médica. Preséntase o embarazo mes a mes, todo o relacionado coa xestación, desde o momento en que se decide ter un bebé, ata o parto. Máis que un libro pódese considerar unha guía ou manual de consulta. É unha obra publicada en Estados Unidos e traducida ao español. Por tanto, hai que ter en conta as diferenzas no sistema sanitario e a cultura, entre outras cousas.

5. “Bésame mucho” – Carlos González.

img_0345

Este autor defende que a educación dos fillos ten que estar baseada no amor, o respecto e a liberdade. Unha postura totalmente oposta ás teorías conductistas e ríxidas que se seguen nos últimos anos. Neste libro, o pediatra Carlos González explica o por qué de moitos comportamentos infantís e aconsella ás nais que esquezan os tabús e consellos ou recomendacións de amigos e familiares. De maneira que, se o neno chora cólleo en brazos; se ten sono, dúrmeo no teu colo ou na túa cama. Aos nenos failles falta o contacto físico cos seus proxenitores e nos últimos anos, estáselles privando diso con frases como: Si o colles cando chora, está a manipularche?, Se ten sono, dórmese só?, non o collas en brazos, non ten fame, o que ten é vicio de estar pegado ao peito?. Nesta obra, o seu autor non dá consellos, nin che di como tes que facer as cousas. Só aconsella que sigas o teu instinto e que eduques con amor aos teus fillos.

6. “Dietas para embarazadas” Marta Anguera.

img_0342

Marta Anguera é dietista e nutricionista e neste libro expón con fórmulas simples que convén comer e que debe evitarse en cada período da xestación. No libro pódense atopar menús equilibrados e que dieta seguir para combater algunhas molestias normais no embarazo como a acidez de estómago, o estreñimiento, a diabetes gestacional ou a anemia. Unha das cousas que máis preocupa ás embarazadas é a súa alimentación. Este libro é perfecto para aquelas mulleres que teñan dúbidas sobre o que deben e o que non deben comer durante a xestación.

7. “Mamá a los 40” – Margarita Puig.

img_0343

Margarita Puig é unha coñecida xornalista española. Este libro mostra como un embarazo aos 40 xa non é un problema e prepara á muller para os cambios que terá o seu corpo e os coidados en canto a alimentación, sexo, cosmética e consellos para recuperar a figura despois do parto. É unha lectura amena e divertida na que conta anécdotas. Pero tamén, podes atopar información detallada sobre os teus dereitos no traballo, baixas laborais, prestacións sociais, etc.

 8. “Se me hace bola” –  Julio Basulto.

img_0354

Un enfoque diferente da alimentación infantil para que a hora da comida sexa un momento feliz para nenos e adultos. Que facer cando o noso fillo come menos do que quereríamos? Debemos demorar a incorporación de alimentos potencialmente alerxénicos? Como lidar coa atractiva e omnipresente oferta de alimentos superfluos e procesados? Que facer para previr a cada vez máis frecuente obesidade infantil?

9. “La biblia del embarazo” – Dra. Anne Dean.

img_0359

A biblia do embarazo é o resultado dunha investigación exhaustiva levada a cabo por expertos de distintos ámbitos e que trata todos os aspectos e etapas do embarazo, o alumeamento e a nova paternidade, con consideración aos aspectos máis prácticos e sen esquecer os sentimentos e as emocións.

10. “Crío a mi hijo“- Laurence Pernoud.

img_0355

As respostas de hoxe ás preguntas de cada día. O bebe acaba de nacer. Enternecidos e impresionados, os pais fanse miles de preguntas. Despois, a medida que o neno vai crecendo, xorden novos interrogantes. “Crío a mi hijo” é o compañeiro ideal durante os primeiros anos da infancia, desde o nacemento ata o final da educacion infantil. Todos os temas da vida diaria estan contemplados neste libro para os pais de hoxe.

Estes son algúns dos libros que che recomendamos. Non é necesario que os leas todos, o exceso de información adoita acabar en novas dúbidas e o embarazo é unha etapa na que hay que evitar a tensión e as preocupacións.