Non sempre un ten unha sorte de ler e escoitar poesía á vez. Por iso quixemos que escoitárades o recital de poesía que realizou o IES Monte Neme na Biblioteca Rego da Balsa en conmemoración do Día do Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o vindeiro día 24 de febreiro.
Vos deixamos os versos elixidos polo instituto para recitar cos audios incluídos. Por iso falamos dun recital interactivo. Só tedes que premer no fragmento que está destacado en negriña para escoitar o audio pertinente.
“Nasín cando as prantas nasen” de Cantares Gallegos.
Nasin cand’ as prantas nasen,
No mes das froles nasin,
Nunh’ alborada mainíña,
Nunh’ alborada d’ abril.
Por eso me chaman Rosa
Mais á dó triste sorrir
Con espiñas para todos
Sin ningunha para tí.
Dés que te quixen, ingrato,
Tod’ acabou para min,
Qu’ eras tí para min todo
Miña groria e meu vivir.
De que pois te queixas, Mauro?
De que pois te queixas, di,
Cando sabes que morrera
Por te contemplar felis?
Duro crabo me encrabaches
Con ese teu maldesir,
Con ese teu pedir tolo
Que non sei que quer de min,
Pois dinche canto dar puden
Avariciosa de ti, O meu corason che mando C’ unha chave par’ ó abrir, Nin eu teño mais que darche, Nin ti mais que me pedir.
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm’a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás…
Ferve o pote… mais, meu caldo,
soíña t’hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai…
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond’está.
O día 6 de outubro as Bibliotecas de Carballo pasamos a formar parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, un conxunto organizado de bibliotecas e servizos bibliotecarios públicos de Galicia para o desenvolvemento e a planificación da oferta bibliotecaria pública.A nosa incorporación á rede está chea de novidades en canto ao funcionamento dos servizos bibliotecarios, que serán de gran interese para tod@s @s usuari@s de calquera das bibliotecas membros.
En primeiro lugar, o servizo de préstamo veráse modificado, tanto no número de exemplares como nos prazos de préstamo, que como norma xeral se verán aumentados e poderedes ter un servizo máis completo.
Tamén poderedes facer trámites como reservas ou renovacións de materiais desde a vosa casa, iniciando sesión no portal da Rede, no que tamén poderedes acceder ao catálogo e mirar os fondos que temos aquí e tamén os das outras bibliotecas membros. Acedede á páxina e veredes todo o partido que podedes sacar dela!
Ademais, teremos para vós un novo carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que servirá para as Bibliotecas de Carballo e tamén para todas as demais dentro do territorio galego que formen parte dela. Informarémosvos na biblioteca cando estean dispoñibles.
Así, preparamos para vós un documento explicativo para vexades cales son as novidades:
Xa vedes que hai moitos cambios, verdade? Pois xa sabedes, a partir de agora somos parte dunha Rede, e por iso funcionaremos de forma conxunta coas demais.
Non dubidedes en facernos todas as preguntas que teñades con respecto a estas novas condicións, estaremos felices de poder contestalas!
Comeza setembro e con el chega o cheiro a libros e material escolar, o novo curso para nen@s e moz@s e a volta das vacacións de moit@s adult@s. Por iso, na biblioteca Rego da Balsa tamén recargamos pilas e traemos novidades para tod@s os públicos, para renovar o voso ocio literario e sorprendervos coas adquisicións que nos pedistes e que pensamos que tamén vos poderían gustar. Seguide lendo!
Renovamos a zona infantil con libros duros e de texturas, para que soporten o ritmo d@s pequen@s da casa. Así, algunhas das novidades que atoparedes nesta sección poden ser “La granja al dedillo”, para cativ@s de 0-3 anos e con texturas; “Wonder”, un libro de valores de 4-7 anos, ou “Manual para soñar”, para @s máis maiores de 7-12 anos, que invita a conseguir as metas e soños que nos propoñamos!
Na zona xuvenil continuamos a completar sagas, como a de “As Crónicas de Landereina” ou o manga “Evangelion”. Pero non nos olvidamos de traer novos títulos, como pode ser a novela apocalíptica “La quinta ola”, que manterá á nosa mocidade moi entretida desde a primeira páxina!
O público adulto poderá sorprenderse con novos títulos coma “Ser feliz en Alaska”, para traballar en nós mesmos cos consellos de Rafael Santandreu, ou “El azul es un color cálido” e “Normal”, libros que afondan nos valores de igualdade e tolerancia. Tamén recibimos novelas de diferentes autorías, algúnhas máis coñecidas que outras, como o caso da escritora de intriga Mary Higgins Clark ou a famosa Isabel Allende.
Lembrade que todo isto é soamente un bocadiño de todo o que podedes atopar na nosa biblioteca, entre novidades e materiais xa existentes desde que abrimos… Por iso non deixedes de visitarnos, seguro que atoparedes algo co que sorprendervos en cada visita! Agardámosvos 😀
Nestes derradeiros días de xuño, e antes de dar comezo ás festas de San Xoán dámoslle a benvida á nova estación estival con novidades literarias fresquiñas para todos os públicos.
Este mes incorporamos aos nosos fondos múltiples opcións que farán que as vindeiras xornadas de praia, festas e descanso adquiran un valor engadido grazas á lecturas que vos acompañarán.
Entre os novos títulos podemos contar con libros de temática feminista, que engrosan o noso recuncho “Debuxando a Igualdade”, o punto máis reivindicativo de guerrilleiro da biblioteca, no que atoparedes historias de grandes mulleres que loitaron e continúan loitando por acadar a igualdade de dereitos para todos e todas e adaptacións de contos clásicos nas que por vez primeira veremos ás princesas máis independientes, aos príncipes máis libres para expresar os seus sentimentos e ás madrastras máis humanas e boas que nunca.
Teremos tamén adaptacións de grandes obras de literatura universal para público infantil traducidas ao galego, da man da colección Mini Clásicos, publicada por Embora. O Quixote, O Chepudo de Notre Dame, ata A Odisea de Homero son algún dos títulos que @s máis pequen@s poderán coñecer de primeira man!
A rapazada adolescente verá reflectido o seu espírito rebelde en novelas como “”Marxinados” ou “Nunca seré tu héroe”, e poderán comprobar que a historia está chea de inconformistas como el@s que chegaron ben lonxe e cambiaron o mundo para mellor na “Enciclopedia de rebeldes, insumisos e demás revolucionarios” ou “Enciclopedia de malos alumnos y rebeldes que llegaron a genios”.
Os adultos poderán atopar nas baldas de “Novidades” as novelas de Elena Ferrante, a enigmática autora de identidade descoñecida tan alabada pola crítica como polo público, cuxa saga “La amiga estupenda” (tamén dispoñible na biblioteca) será levada á pantalla pola prestixiosa canle HBO. Non podemos agardar! O título recentemente incorporado á nosa colección é “Crónicas del desamor”, unha recopilación das tres primeiras novelas da autora.
Temos tamén para vós o fantástico “El libro de Gloria fuertes”, de Blackie Books, que conta a vida e a obra dunha poeta xenial que viu a súa literatura ensombrecida primeiro por ser muller, despois pola súa clase social e finalmente pola súa fama, e á que lembramos no ano do centenario do seu nacemento.
Como podedes ver, a temos moitas cousas interesantes que ofrecervos, pero lembrade sempre que na biblioteca tedes moito máis, e que descubriredes máis sorpresas botándolle un ollo ás nosas baldas de novidades.
Porque non é o mesmo que cho conten que velo por ti mesm@!
Estas aprendendo algún idioma? Gustaríache ver películas en versión orixinal? Na biblioteca dispoñemos dunha sección, chamada Idiomas, na cal podedes atopar libros en inglés, francés, italiano e portugués, cos cais desfrutarás leendo e ao mesmo tempo che axudarán a mellorar o idioma.
A continuación recomendámosvos algúns libros moi interesantes en idioma inglés e que podedes levar en préstamo na biblio.
Romeo And Juliet, William Shakespeare.
“The Most Excellent and Lamentable Tragedie of Romeo and Juliet” é o título orixinal desta obra que sen dúbida é un clásico da literatura universal e a obra de teatro máis representada na historia. Se por algo se distinguiu Shakespeare no seu momento, foi pola elegancia da súa pluma, non había poeta que puidese compararse con él. Esta obra pode motivarche a perfeccionar o teu inglés e así recitar os diálogos dunhas das mellores historias de amor de todos os tempos. Con esta obra podedes lograr unha maior aprendizaxe e unha mellor comprensión en inglés. Na biblio podedes levar en préstamo o filme Romeo&Julieta na versión máis moderna, do director Baz Luhrmann.
Alicia in wonderland, Lewis Carrol.
Lewis Carrol, cuxo nome verdadeiro era Charles Lutwidge Dodgson, escribiu esta obra pensando principalmente en pequenos lectores, pero o certo é que desde un obxectivo punto de vista literario, a historia é complexa e sofisticada. A linguaxe fantástica e os xogos de palabra que inventou Carrol son díficiles de traducir, así que o mellor é lela no seu idioma orixinal para que teñas unha nova perspectiva sobre os escenarios e personaxes. Na biblio tamén podedes levar en préstamo a película Alicia en el país de las maravillas, a cal podedes ver en version orixinal.
The Secret Garden, Frances Hogdson Burnett.
O xardín secreto é un deses libros clásicos que sempre apetece ler. Como podería ser doutra forma? A pesar de ser un libro infantil a literatura de Hogdson Burnett non ten idade. Case todos coñecemos esta obra. Lémolo ou vimos as adaptacións para o cinema. Atopamos neste libro un amor infinito á natureza, esa capacidade innata en cada un de nós para superar os malos momentos e atopar unha paixón coa que crecer. Porque diso trata este libro, do amor, da amizade, da superación persoal, de reencontrarnos. The secret garden
The boy in the streped pyjamas, John Boyle.
Un libro con grandes valores, non só por contar o que conta senón, por como o conta. Berlín. 1942. Bruno ten oito anos e descoñece o significado da Solución Final e do Holocausto. Non é consciente das crueldades que o seu país, en plena guerra mundial, está a facer aos pobos de Europa. Todo o que sabe é que o seu pai -recentemente nomeado comandante dun campo de concentración- ascendeu no escalafón, e que pasou de vivir nunha confortable casa de Berlín a unha zona illada. Todo cambia cando coñece a Shmuel, un neno xudeu que vive nunha estraña existencia paralela alén da alambrada. Na biblio podedes levar en préstamo a película, a cal podedes desfrutar en versión orixinal subtitulada ou noutros idiomas, selecionando previamente o idioma antes de reproducila. Aquí vos deixamos un adelanto para aqueles que aínda non tivestes a oportunidade de ver esta gran película! The boy in a streped pyjamas
Colección Inglés: Cambridge Reading Club.
Historias orixinais clasificadas en cinco niveis, de Satarted a Advanced. Con tramas interesantes e unha variedade de xéneros que satisfará todos os gustos, os Cambridge English Club ofrecen ficción orixinal moi ben escrita. Inclúen audio CD, de modo que gozaredes dunha proveitosa experiencia didáctica, e estaredes desexosos de acabar un libro para empezar co seguinte.
Colección versión galego e inglés, Enric Lluch.
Fantástica coleción para que os máis pequenos da casa vaian familiarizándose co idioma inglés.
Parécenvos interesantes os libros que vos recomendamos? Cales son os vosos favoritos para ler en inglés? Non vos perdades ésta sección da biblio!
“Cuanto más leas, más cosas sabrás. Cuanto más aprendas, a más lugares irás.” – doctor Seuss.
Hoxe en día, as tecnoloxías permítennos comunicarnos a tempo real con persoas da outra punta do mundo, coñecer en todo momento o que están a facer os nosos ídolos a través das redes sociais, descargar música e levar con nós centos de cancións nun dispositivo de pequenas dimensións e tamén acceder a información e tutoriais sobre calquera tema, en calquera idioma e en calquera formato, gracias ás telecomunicacións e a conexión a Internet, tanto desde teléfonos móbiles como desde ordenadores, tablets e demais instrumentos deseñados para manternos ao día na nos vida cotiá.
Tamén os hábitos de lectura experimentaron un cambio sustancial, xa que, anque aínda moitos prefiren o cheiro da follas de papel, cada vez son máis os que caemos rendidos ante as vantaxes dos ebooks, xa que nos proporcionan comodidade, espazo de almacenaxe case ilimitado e utilidades engadidas á experiencia da lectura. Ademais, unha cousa non exclúe á outra, e segundo as circunstancias podemos alternar entre formato tradicional e electrónico!
Cada vez máis, as tecnoloxías vanse abrindo oco nas nosas vidas, e desde a Biblioteca Rego da Balsa queremos aproveitar este tipo de recursos ao noso alcance para o desenvolvemento persoal e profesional das persoas que gozan dos servizos que lles ofertamos.
Por este motivo, e para que vos vaiades familiarizando con todas as oportunidades que vos ofrecemos, queremos poñer en marcha o concurso Conéctat-e, un concurso no que, ademais de participar e poder levar agasallos ben interesantes, coñeceredes outra forma de utilizar a información e novas plataformas onde abastecervos de lecer ou coñecemento.
Así, desde o 24 de abril ata o 3 de xuño, todas as persoas que sexades socias da nosa biblioteca (ou vos deades de alta durante este período de tempo) e solicitedes a alta nas plataformas de préstamo de libros electrónicos GaliciaLe e en eBook DiCoruña nas nosas instalacións, entraredes no sorteo de diversos premios relacionados coa lectura dixital e dispositivos electrónicos.
Por outra banda, se compartides nas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram…) as vosas recomendacións de ebooks citando algunha das súas pasaxes , se nos contades cales son os dispositivos electrónicos que máis utilizades para ler, escoitar música… ou mesmo nos dicides que é o que máis vos gusta do uso da tecnoloxía para consumir contidos informacionais e culturais (música, materiais con fins académicos, cine…), tamén participaredes no concurso, xa que as aportacións máis orixinais terán premio. Para iso, soamente tedes que subir o contido que queirades ás vosas redes sociais, etiquetarnos (en Facebook @Bibliotecas de Carballo, e nas demais rr.ss. @bibliocarballo), e utilizar o cancelo ou hashtag#ABiblioConéctate. Lembrade poñer en aberto a configuración de privacidade das vosas publicacións para que as poidamos ver!
Atrévete a Conectart-e coa Biblioteca Rego da Balsa, coñece novas formas de autoabastecerte de novos coñecementos e sorpréndenos cos teus aportes online! Participar pode ter premio!
ACTUALIZACIÓN: O prazo para participar no concurso será prorrogado ata o día 20 de xuño. Non perdas a oportunidade!
Contacontos, concertos, obradoiros, presentacións literarias, exposicións, faladoiros e actividades de carácter social agárdanvos na biblioteca estes vindeiros meses.
PRESENTACIÓNS LITERARIAS
O martes 18 de abril comeza o ciclo de presentacións literarias da Semana do Libro e a Lectura coa última obra do autor malpicán Xelucho Abella “Fuxiron por mar“. O autor recupera neste libro as historias de “Ciudad de Montevideo” , “San Adrián” e “Rocío”, tres motoras que fuxiron para Francia durante a Guerra Civil.
O mércores 19 de abril terá lugar a presentación da obra de Manuel Núñez Singala “Sacar a lingua é de mala educación”, libro no cal se expoñen dunha forma sinxela ideas e argumentos para transmitir e aprender o galego, de xeito que, tanto nen@s como adultos sexamos competentes nas dúas linguas oficiais.
O venres 21 de abril o carballés Fernando Cabeza presentarános o seu libro “Proyecto Exitium Z”. O autor cóntanos neste libro a historia de Juan, un mozo que descubre como a liberación dun virus desencadea unha pandemia mundial e supón unha seria ameaza para o planeta. Ademais, falarános do proceso que seguiu para autoeditar a súa obra e nos dará consellos e trucos para tomar nós esa iniciativa. É máis sinxelo do que semella!
Pecharemos a Semana do Libro con outra autora carballesa, Rosalía Fernández Rial, que nos visitará o sábado 22 de abril para presentar “Aulas sen paredes”, un estudio teórico-práctico derivado da súa tese doutoral sobre o uso da expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para as aulas de linguas.
O mércores 10 de maio, Xose Henrique Monteagudo visitáranos para falarnos da súa experiencia como biógrafo e autor da obra “Carlos Casares. Un contador de historias”, un percorrido biográfico dese gran xenio da palabra como foi Carlos Casares e que presta especial atención entre as vivencias e a creación literaria do autor ao que homenaxeamos este ano coas Letras Galegas.
VISITAS ESCOLARES
Do 19 ao 21 de abril faremos visitas aos institutos de Carballo para falarlle a nosa mocidade de todos os recursos existentes na rede para os seus traballos e dos servizos que nos proporciona Internet á hora de traballar con diversa información, facilitando así a lectura e interactividade a través da rede.
CONTACONTOS
O mércores 19 de abril a compañía de teatro Trinke Trinke preséntanos o espectáculo “Os ratiños da caixa”, última sesión da temporada cos ratiños bibliotecarios máis listos do mundo. A actividade vai dirixida a nen@s de 3 a 8 anos. Imprescincible recoller convite, de balde, na biblioteca dende unha semana antes.
O vindeiro venres 21 de abril, o mago Antón visitarános na biblioteca para ofrecernos diferentes historias coas que desfrutar no seu autobús máxico! Espectáculo do programa Apego, para nen@s de 3 a 8 anos. É necesario recoller convite, de balde, na biblioteca.
O Xoves 11 de maio a compañía Bandullo Azul composta por Fran Ameixeiras e Fran Campos e dirixida por Evaristo Calvo presentarános o espectáculo “Filipa cos contos”, unha viaxe polos contos tradicionais e o repertorio infantil de Carlos Casares, amenizados con música e canción en directo.
O Martes 16 de maio, Luis Vallecillo presentarános “O mundo de Carliños”, contacontos musical para contarnos as historias e máxicos personaxes cos que soñaba Carlos Casares cando era neno e que facían voar a súa imaxinación: unha galiña azul, as laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou un can chamado Rin…
OBRADOIROS
O vindeiro sábado 22 de abril, terá lugar o obradoiro creativo “Caderno de lectura con Zentangle” impartido por Elisabet Hillerud. Neste obradoiro utilizarase o método Zentangle para decorar un caderno de lectura. Unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos creando velas imaxes e fomentando a tranquilidade, creatividade e a concentración. Será necesario inscripción previa na biblioteca.
O sábado 6 de maio, comeza a primeira sesión do obradoiro “Cómics, teoría e práctica”. Se es fan da banda deseñada, agora tes a oportunidade de aprender a realizala ti mesm@ coa axuda de Mon Lendoiro. A partir de 8 anos. Será necesario inscripción previa na biblioteca.
O Luns 22 de maio, Giovanna Pose, guía Montessori en Aura Carballo impartirá o “Obradoiro de Método educativo Montessori“. Obradoiro teórico -práctico dirixido a nais e pais no que se explicará o método educativo Montessori, os períodos sensibles e a mente absorbente, o adulto como guía e a preparación do ambiente na casa para a crianza.
EXPOSICIÓNS
Dende o 17 de abril ata o 4 de maio contaremos coa exposición “En familia, por dereito”, unha iniciativa da Cruz Vermella e Servicios Sociais de Carballo que amosa, a través de 8 paneis informativos, as experiencias de familias acolledoras. O obxectivo é sensibilizar á poboación sobre a importancia de preservar os dereitos dos nen@s, en especial o dereito a vivir nunha familia e todo o que iso leva aparellado, como o dereito a medrar nun ambiente de afecto e seguridade moral e material.
O xoves 1 de xuño, teremos unha cita co alumnado do IES Parga Pondal que realizará unha pequena exposición así como un concerto en colaboración cunha ONG.
FALADOIROS
O sábado 29 de abril, terá lugar o faladoiro “Familias acolledoras”. O acollemento familiar é un programa da Xunta de Galicia que desenvolve Cruz Vermella, e representa unha forma de coidado alternativo que prevé o Sistema de Protección á Infancia, baseado na solidariedade da cidadanía, e que permite que os nenos e as nenas que están separados dos seus proxenitores poidan medrar nun ambiente familiar estable durante un tempo determinado.
O xoves 8 de xuño teremos unha cita coa youtubeira e blogueira, Iria González Cabaleiro, artista local.
CONCERTOS
Aínda nos agardan dúas novas citas nesta segunda edicción do Curruncho pop. Para maio reservamos a Os amigos dos músicos, unha banda de Ourense formada por experimentados músicos que proveñen de grupos e tradicións diversas, de grupos como Niño y Pistola, Blood Filloas ou O Sonoro Maxín. E, como peche do Curruncho Pop, o 10 de xuño visitaranos JoserraRodríguez, unha das persoas que máis sabe de Bob Dylan en Galicia, contarános todo sobre o universal músico, e por suposto cancións en directo.
As entradas son de balde, pero por limitacións de espazo requírese a reserva previa a través de biblioteca@carballo.gal ou no número de teléfono 981 758 580 (máximo catro entradas por persoa).
A principios do mes de marzo presentámosvos o programa de actividades “Xornadas guerrilleiras”, un programa especial no que o obxectivo é resaltar o enfoque máis combativo e reivindicativo do Día Internacional da Muller. Con ese obxectivo, as Xornadas Guerrilleiras inclúen unha serie de propostas deseñadas para tod@s.
Na biblioteca desenvolvéronse boa parte das actividades programadas, entre elas a exposición “A muller a través da arte”, unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, que estará aberta ata o 31 de marzo e a cal podedes desfrutar no segundo andar da biblioteca.
Tamén se realizaron dous obradoiros artísticos: “Debuxando a igualdade”, para nenos e nenas, e “Mural feminino”, unha proposta creativa realizada por un grupo de mozas e coordinado pola artista Alejandra Martínez durante a semana do 13 ao 19 de marzo.
A partir de agora tamén podedes desfrutar de “Debuxando a Igualdade”, unha nova sección da biblioteca con todo tipo de publicacións e materiais relacionados co tema de igualdade de xénero e diversidade en xeral, que tamén responden ao espírito reivindicativo que trata de fomentar a biblioteca.
Outra das citas potentes do mes de marzo foi o “Faladoiro coas guerrilleiras”, que reuniu o día 8 de marzo á Tenente Alcalde Milagros Lantes, a poeta Rosalía Fernández Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez, autora do tema que dá nome ao faladoiro e ao programa. Foi un acto aberto de debate e de intercambio de experiencias, da que sen dúbida queremos unha segunda parte.
Na semana do 6 ao 10 de marzo desenvolveuse o obradoiro “Sen Diferenzas”, que convidou ao alumnado dos IES do concello a reflexionar sobre a influenza dos mandatos de xénero na elección da formación e da profesión, no que trataron de eliminar os estereotipos e os factores que inflúen nunha elección sesgada, propiciando unha toma de decisión máis libre, responsable, autónoma e axustada á realidade do mercado laboral.
Outra das intervencións de reflexión e formación propostas dende a área de Igualdade é o proxecto “Igualando Carballo”, destinado a alumnado de 4º de Primaria, que tratou dunha serie de actividades en cada un dos colexios do concello. Paralelamente convocouse o primeiro concurso “A historia das mulleres do Concello de Carballo”, orientado a que os rapaces e as rapazas investiguen sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso concello.
Hai que seguir traballando día a día pola igualdade de todo tipo. A igualdade ten que ser un obxetivo permanente!
Chega á Biblioteca Rego da Balsa o mes máis guerrilleiro, e con el presentámosvos un programa completo de actividades moi interesantes para todos os públicos. Este mes queremos conmemorar oDía Internacional da Muller dun xeito significativo. Faladoiros, obradoiros e exposicións son algunhas das actividades que vos ofreceremos este mes.
Faladoiro: o día 8 de marzo, celebrarase o Faladoiro coas Guerrilleiras, un encontro de intercambio de ideas e experiencias, que terá como convidadas a Tenente de Alcalde Milagres Lantes, a poeta Rosalía Fernandez Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez. Falaremos de temas como a loita pola igualdade social de homes e mulleres, a reivindicación da figura da muller traballadora en todos os ámbitos e décadas e a loita contra a violencia de xénero. Afondaremos na importancia do feminismo, da igualdade, así como a temática da muller na literatura e na actualidade.
Exposicións: durante todo o mes de marzo poderedes visitar unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, chamada “A muller a través da arte”.
En relación con esta iniciativa, queremos destacar 365 mujeres ilustradas, un proxecto no que ilustradoras de todo o mundo colaboran retratando os 365 días do ano a mulleres que deixaron aportes destacados na humanidade. Agora, anque todas as referentes xa están seleccionadas, as 365 para todo o ano, séguense sumando ilustradoras de todo o mundo para realizar os seus retratos. Se queres participar nesta iniciativa infórmate aquí: https://unpastiche.org/…/365-mujeres-ilustradas-proyecto-v…/
Obradoiros: @s pequen@s da casa poderán participar nun obradoiro no que se inspirarán nas figuras femininas máis destacadas para realizar debuxos, aprendendo ao mesmo tempo a importancia de mulleres coma Rosalía de Castro. Tamén contaremos cun obradoiro, impartido por Alexandra Martínez, no cal se realizará un mural sobre a muller. Unha oportunidade para descubrir a vosa faceta artística coa axuda dunha profesional, e deixarnos a vosa pegada guerrilleira! Lembrade que ambas actividades teñen límite de prazas e que é necesario estar inscrito para poder participar. Ademais, os alumnos dos institutos participarán no obradoiro “Sen Diferenzas”, no que poderán reflexionar sobre a influencia dos estereotipos á hora de decantarse por unha profesión ou outra. O alumnado dos colexios é o destinatario dos talleres “Igualando Carballo” e do concurso “A historia das mulleres de Carballo”, no que se lle convidará a investigar sobre a traxectoria de destacadas carballesas.
Información: a Cruz Vermella tamén se sumará a este programa co estand informativo que colocará na biblioteca o vindeiro martes.
Contacontos: as ratiñas de lonxedetodo, Carolina e Lilí Gruyére visitaránnos na biblioteca para contar aos mais pequen@s contos moi interesantes e divertidos.
Comezamos marzo con moita forza e queremos que nos acompañedes nas nosas xornadas guerrilleiras ! Agardámosvos!
Comezamos a semana presentando as actividades que vos imos presentar nos meses de febreiro e marzo na Biboioteca Rego da Balsa.
Este inverno queremos descubrir a cara B da cultura con actividades que destacan e difunden a labor de xéneros, artistas, creador@s, e ademais incentivar o debate sobre certos temas de gran interese e importancia, como o da muller e o concepto de igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade
Por iso, ata finais de marzo prestaremos unha atención especial á figura da muller e a resaltar o seu papel nos ámbitos da cultura a ciencia e no progreso da sociedade en xeral. A muller será a protagonista das Xornadas Guerrilleiras, que se desenvolverán do 6 ao 11 de marzo, e que converterán a Biblio Rego da Balsa nun laboratorio de ideas, propostas e actividades feitas por mulleres pero que queren converterse nun reclamo tanto para mulleres coma para homes. A exposición colectiva “A muller a través da arte”, con obras de Alejandra Matínez, Laura Tova, Lara Pintos e Julia Aguiar; o obradoiro “Debuxando en igualdade”, o Faladoiro coas Guerrilleiras e un obradoiro de mural feminino son algunhas das propostas que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día da Muller.
Ademais, como buscamos coñecer a cara B en todos os aspectos, non podía faltar a da música, a aposta alternativa, que volverá a encher o noso auditorio cunha nova edición do Curruncho Pop, que arranca no inverno pero se prolongará durante a primavera. Nesta segunda edición contaremos con artistas coma Javier Colis e Psychofonía, o sábado 4 de marzo, e Víctor Coyote, o 18. Os convites estarán dispoñibles ao longo de toda a semana anterior e as reservas poden facerse, de balde, na biblioteca.
Contacontos, obradoiros, presentacións literarias, faladoiros, proxeccións e recitais completan a programación de inverno, na que continúan tamén o club de lectura, o club de lectura en francés en colaboración coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdain e a campaña #puntoB, a través das redes sociais, que xa vos presentamos na anterior entrada de blogue, e na que vos continuamos animando a participar.