Seguimos “guerrilleando”

#Blog,Actividades

A principios do mes de marzo presentámosvos  o programa de actividades “Xornadas guerrilleiras”, un programa especial no que o obxectivo é resaltar o enfoque máis combativo e reivindicativo do Día Internacional da Muller. Con ese obxectivo, as Xornadas Guerrilleiras inclúen unha serie de propostas deseñadas para tod@s.

Na biblioteca desenvolvéronse boa parte das actividades programadas, entre elas a exposición “A muller a través da arte”, unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, que estará aberta ata o 31 de marzo e a cal podedes desfrutar no segundo andar da biblioteca.

Tamén se realizaron dous obradoiros artísticos: “Debuxando a igualdade”, para nenos e nenas, e “Mural feminino”, unha proposta creativa realizada por un grupo de mozas e coordinado pola artista Alejandra Martínez durante a semana do 13 ao 19 de marzo.

IMG_1366 (1)

A partir de agora tamén podedes desfrutar de “Debuxando a Igualdade”, unha nova sección da biblioteca con todo tipo de publicacións e materiais relacionados co tema de igualdade de xénero e diversidade en xeral, que tamén responden ao espírito reivindicativo que trata de fomentar a biblioteca.

Outra das citas potentes do mes de marzo foi o “Faladoiro coas guerrilleiras”, que reuniu o día 8 de marzo á Tenente Alcalde Milagros Lantes, a poeta Rosalía Fernández Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez, autora do tema que dá nome ao faladoiro e ao programa. Foi un acto aberto de debate e de intercambio de experiencias, da que sen dúbida queremos unha segunda parte.

IMG_1188

Na semana do 6 ao 10 de marzo desenvolveuse o obradoiro “Sen Diferenzas”, que convidou ao alumnado dos IES do concello a reflexionar sobre a influenza dos mandatos de xénero na elección da formación e da profesión, no que trataron de eliminar os estereotipos e os factores que inflúen nunha elección sesgada, propiciando unha toma de decisión máis libre, responsable, autónoma e axustada á realidade do mercado laboral.
Outra das intervencións de reflexión e formación propostas dende a área de Igualdade é o proxecto “Igualando Carballo”, destinado a alumnado de 4º de Primaria, que tratou dunha serie de actividades en cada un dos colexios do concello. Paralelamente convocouse o primeiro concurso “A historia das mulleres do Concello de Carballo”, orientado a que os rapaces e as rapazas investiguen sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso concello.

Hai que seguir traballando día a día pola igualdade de todo tipo. A igualdade ten que ser un obxetivo permanente!

guerrilleiras

Xornadas Guerrilleiras! 

Actividades,Blog

Chega á Biblioteca Rego da Balsa o mes máis guerrilleiro, e con el presentámosvos un programa completo de actividades moi interesantes para todos os públicos. Este mes queremos conmemorar o Día Internacional da Muller dun xeito significativo. Faladoiros, obradoiros e exposicións son algunhas das actividades que vos ofreceremos este mes.

Faladoiro: o día 8 de marzo, celebrarase o Faladoiro coas Guerrilleiras, un encontro de intercambio de ideas e experiencias, que terá como convidadas a Tenente de Alcalde Milagres Lantes, a poeta Rosalía Fernandez Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez. Falaremos de temas como a loita pola igualdade social de homes e mulleres, a reivindicación da figura da muller traballadora en todos os ámbitos e décadas e a loita contra a violencia de xénero. Afondaremos na importancia do feminismo, da igualdade, así como a temática da muller na literatura e na actualidade.

Exposicións: durante todo o mes de marzo poderedes visitar unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, chamada “A muller a través da arte”.

En relación con esta iniciativa, queremos destacar 365 mujeres ilustradas, un proxecto no que ilustradoras de todo o mundo colaboran retratando os 365 días do ano a mulleres que deixaron aportes destacados na humanidade. Agora, anque todas as referentes xa están seleccionadas, as 365 para todo o ano, séguense sumando ilustradoras de todo o mundo para realizar os seus retratos. Se queres participar nesta iniciativa infórmate aquí: https://unpastiche.org/…/365-mujeres-ilustradas-proyecto-v…/

Obradoiros: @s pequen@s da casa poderán participar nun obradoiro no que se inspirarán nas figuras femininas máis destacadas para realizar debuxos, aprendendo ao mesmo tempo a importancia de mulleres coma Rosalía de Castro. Tamén contaremos cun obradoiro, impartido por Alexandra Martínez, no cal se realizará un mural sobre a muller. Unha oportunidade para descubrir a vosa faceta artística coa axuda dunha profesional, e deixarnos a vosa pegada guerrilleira! Lembrade que ambas actividades teñen límite de prazas e que é necesario estar inscrito para poder participar. Ademais, os alumnos dos institutos participarán  no obradoiro “Sen Diferenzas”, no que poderán reflexionar sobre a influencia dos estereotipos á hora de decantarse por unha profesión ou outra. O alumnado dos colexios é o destinatario dos talleres “Igualando Carballo” e do concurso “A historia das mulleres de Carballo”, no que se lle convidará a investigar sobre a traxectoria de destacadas carballesas.

Información: a Cruz Vermella tamén se sumará a este programa co estand informativo que colocará na biblioteca o vindeiro martes.

Contacontos: as ratiñas de lonxedetodo, Carolina e Lilí Gruyére visitaránnos na biblioteca para contar aos mais pequen@s contos moi interesantes e divertidos.

Comezamos marzo con moita forza e queremos que nos acompañedes nas nosas xornadas guerrilleiras ! Agardámosvos!

guerrilleiras

 

En inverno descubrimos a CARA B

Actividades,Blog

Comezamos a semana presentando as actividades que vos imos presentar nos meses de febreiro e marzo na Biboioteca Rego da Balsa.

Este inverno queremos descubrir a cara B da cultura con actividades que destacan e difunden a labor de xéneros, artistas, creador@s, e ademais incentivar o debate sobre certos temas de gran interese e importancia, como o da muller e o concepto de igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade

cartaz-puntob

Por iso, ata finais de marzo prestaremos unha atención especial á figura da muller e a resaltar o seu papel nos ámbitos da cultura a ciencia e no progreso da sociedade en xeral. A muller será a protagonista das Xornadas Guerrilleiras, que se desenvolverán do 6 ao 11 de marzo, e que converterán a Biblio Rego da Balsa nun laboratorio de ideas, propostas e actividades feitas por mulleres pero que queren converterse nun reclamo tanto para mulleres coma para homes. A exposición colectiva “A muller a través da arte”, con obras de Alejandra Matínez, Laura Tova, Lara Pintos e Julia Aguiar; o obradoiro “Debuxando en igualdade”, o Faladoiro coas Guerrilleiras e un obradoiro de mural feminino son algunhas das propostas que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día da Muller.

Ademais, como buscamos coñecer a cara B en todos os aspectos, non podía faltar a da música, a aposta alternativa, que volverá a encher o noso auditorio cunha nova edición do Curruncho Pop, que arranca no inverno pero se prolongará durante a primavera. Nesta segunda edición contaremos con artistas coma Javier Colis e Psychofonía, o sábado 4 de marzo, e Víctor Coyote, o 18. Os convites estarán dispoñibles ao longo de toda a semana anterior e as reservas poden facerse, de balde, na biblioteca.

Contacontos, obradoiros, presentacións literarias, faladoiros, proxeccións e recitais completan a programación de inverno, na que continúan tamén o club de lectura, o club de lectura en francés en colaboración coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdain e a campaña #puntoB, a través das redes sociais, que xa vos presentamos na anterior entrada de blogue, e na que vos continuamos animando a participar.

ÚNETE Á CAMPAÑA #PUNTOB

Blog

Este mes de febreiro queremos difundir unha mensaxe importantísima e desexamos que colaboredes con nós na iniciativa para que todo o mundo vexa que desde Carballo reivindicamos a cultura, a  autenticidade e a loita contra as inxustizas.

Por iso, queremos que nos amosedes o voso Punto B. Non, non dicimos o G, dicimos o B!

Non sabedes o que é o #puntob? Pois o punto b non é senón esa cousa que te fai únic@ e especial, ese gusto, afección, libro, canción, frase ou pensamento… que outorga un matiz diferente á túa personalidade.

Co #puntob tamén queremos facer ver que o coñecemento nos fai sexys, deixando atrás a obxetivización coa que nos bombardean os medios de comunicación e as campañas de publicidade, e aproveitar incluso para denunciar aquilo da sociedade que non nos gusta ou vemos inxusto.

Así, a idea crave ou a mensaxe que queremos transmitir é que ler, pensar, cultivarnos é sexy. Outro dos obxectivos é fomentar o desenvolvemento da mente e o saber en contra do fomento do trivial, mundano e aparente, como podemos ver de forma cotiá nas redes sociais, internet e medios de comunicación.

16388049_1067034486763633_9043725325484535982_n

Nós pola nosa parte xa temos  o noso #puntob, e queremos compartilo con vós:

16387225_1065792090221206_607569693881006570_n

Lucía ten o seu #puntob en Bergantiños, a terra de Brañas, porque enriquece a súa vida e faina suspirar e soñar. Que che produce esa sensación? Comparte con nós o teu #puntob!

16387016_1068051786661903_7507490932489084492_n

Aprender a desfrutar de cada momento é o #puntob de Cristina. Tratar de vivir dunha forma sinxela, gozando coa brisa e o cheiro do mar, ou deleitarse co recendo da herba, escoitar como os ballóns das treboadas rompen no cristal nada máis deitarse a durmir… Cal é o teu #puntob? Compárteo con nós!

16425815_1066958846771197_6044984469758888084_n

O #puntob de Paula é a música, e síntese inspirada polas grandes figuras femininas da Historia que loitaron e seguen a loitar polos dereitos da muller e polas que poñen voz a aquelas que non a poden alzar. Cal é o teu #puntob? Compárteo con nós!

Como vedes, as nosas fotos están inspiradas na filosofía dos “Tres monos sabios” de «Non ver o Mal, non escoitar o Mal e non dicir o Mal». Con ela, renegamos da ignorancia, da censura. da superficialidade, do odio, das palabras ferintes, e apostamos polo respecto, a liberdade de expresión, a igualdade, as orixes, a vida sinxela, a fortaleza e a loita polas causas xustas. Estades dacordo cos nosos puntos B?

three-monkeys-1212621_1920

Queremos que vos sintades inspirad@s polas nosas aportacións e colaboredes compartindo o voso #puntob. Como facelo? Pois moi sinxelo:

Subide unha foto en branco e negro cunha frase que a acompañe ás vosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest), etiquetádenos e non esquezades poñer o hashtag #puntob.

**Lembrade que para que todo o mundo a poida ver deberedes facela pública na configuración de privacidade da rede social que empreguedes.

Ademais, para as mellores fotos temos preparados agasallos sorpresa. Non dubidedes e participade!

Porque o lado B das cousas non é sempre o raro, o negativo, o ilegal, o oculto, senón que pode ser o xusto, o especial, o que nos dá ledicia… Amosádenos o teu #puntob!

 

 

Entre nais

#ABiblioPréstame,#Blog,Infantil

Cada mes visítanos na biblioteca o grupo de “Nais e Lactancia” de Carballo. Este grupo de nais está a realizar un curso sobre lactancia e postparto no Centro de Saúde de Carballo. 

O grupo de “Nais e Lactancia” reúnese regularmente na zona de infantil da biblioteca. Un espazo onde os bebés e as nais que optan pola lactación materna ou que estan embarazadas e que pensan decantarse por esa opción reúnense para compartir experiencias, vivencias e resolver todas as dúbidas que van  xurdindo no amplo e ás veces difícil camiño da maternidade nun ambiente cálido e próximo.

Tamén é un espazo de intercambio onde as nais con máis experiencia aconsellan ás menos expertas para tentar resolver as súas dúbidas e servir de apoio nos bos e nos malos momentos. 

E, por suposto, os papás tamén son benvidos a acudir ás reunións!

foto1

No último encontro acompañounas Yoli, profesora de Pilates, a cal lle impartiu unha charla explicativa da importancia que ten facer determinados exercicios antes e despois do parto. 

img_0329

A realización de exercicios de Pilates antes do parto ten múltiples beneficios. Unha das grandes vantaxes da práctica de Pilates é que contribúe a mellorar a postura corporal, que vai cambiando en cada trimestre, ademáis fortalécese a musculatura necesaria para soportar o aumento de peso a medida que o bebé vai desenvolvéndose. 

Tamén a práctica de Pilates resulta enormemente eficaz na prevención de dores de costas, tonifica e reforza as zonas de interese para a muller embarazada, como o abdome (os primeiros meses), as mamas (pectorales), os brazos, a zona da pelvis e as cadeiras. Ademais, exercítanse as pernas, o que favorece a activación da circulación sanguínea, aliviando a incómoda pesadez nas pernas, tan habitual nas últimas semanas.

fullsizerender

Outro aspecto moi interesante é o traballo de concienciación, activación e fortalecemento dos músculos do chan pélvico mediante exercicios de contracción e relaxación. Nestes exercicios trabállase específicamente esa zona pélvica, preparándoa para o parto e facilitando unha mellor recuperación post-parto. Calquera embarazada pode facer Pilates, salvo contraindicación médica. 

Na biblioteca dispoñedes dunha sección na zona de infantil chamada “Medrar”. Aquí atoparedes libros sobre maternidade, lactancia e crianza.

A continuación presentámosvos 10 libros sobre esta temática que poden resultar de moita axuda e resolver moitas dúbidas. Elixe o teu e desfruta desta etapa lendo e aprendendo á vez.

  1. Guía esencial del embarazo” –  Shaoni Hattacharya.

img_0351

Unha guía imprescindible para os futuros pais que será o seu acompañante durante a asombrosa viaxe que vai dende a concepción ao parto, e mesmo máis aló. Detalla os progresos da nai e o bebé mes a mes, e ofrece listas, datos e consellos útiles sobre o mundo do embarazo e a maternidade. Inclúe unha guía básica para axudar aos pais para orientarse polo camiño descoñecido que teñen ante si. Información práctica, asesoramento específico e coñecementos de primeira man para os pais primeirizos.

 2. “Un regalo para toda la vida: guía de la lactancia materna” – Carlos González.

img_0350

Existe algo máis propio dunha nai que dar o peito? Dende hai tempo sábese que a lactación é a mellor garantía de evitar enfermidades futuras, tanto para a nai como para o fillo, pero é que ademais o momento da toma constitúe un momento de absoluta comuñón entre nai e fillo que fai que se cren uns lazos que proporcionan ao neno unha gran seguridade. Carlos González, o creador do exitoso “Bícame moito”, fálanos neste novo libro das bondades de dar o peito ao teu fillo, tantas veces como el queira, a demanda e todo o tempo que ambos poidades.

3. “Vamos a ser padres” – Carlota Basil e Elisenda Roca.

51cn0oxyq-l-_sx327_bo1204203200_

“Vamos a ser padres” abarca desde a planificación do embarazo e os meses de xestación ata o posparto, pero trátase dunha guía diferente das que atoparás no mercado. Porque a escribiron dúas nais: unha xornalista que, á parte da súa, coñeceu moitas historias de embarazo, e unha xinecóloga que achega máis de trinta anos de experiencia á profesión. Porque che propoñen un encontro entre amigas: fálanche de ti a ti, responden a todas as túas preguntas de forma clara e rigorosa pero tamén con humor, fanche confidencias e, sobre todo, entenden como sente unha futura nai.

4. “Qué se puede esperar cuando se está esperando” – Ed. Medici.

img_0341

Este libro converteuse na Biblia das embarazadas con millóns de exemplares vendidos en todo o mundo. Con todo, non é tan recomendado polos xinecólogos ao carecer dunha perspectiva máis médica. Preséntase o embarazo mes a mes, todo o relacionado coa xestación, desde o momento en que se decide ter un bebé, ata o parto. Máis que un libro pódese considerar unha guía ou manual de consulta. É unha obra publicada en Estados Unidos e traducida ao español. Por tanto, hai que ter en conta as diferenzas no sistema sanitario e a cultura, entre outras cousas.

5. “Bésame mucho” – Carlos González.

img_0345

Este autor defende que a educación dos fillos ten que estar baseada no amor, o respecto e a liberdade. Unha postura totalmente oposta ás teorías conductistas e ríxidas que se seguen nos últimos anos. Neste libro, o pediatra Carlos González explica o por qué de moitos comportamentos infantís e aconsella ás nais que esquezan os tabús e consellos ou recomendacións de amigos e familiares. De maneira que, se o neno chora cólleo en brazos; se ten sono, dúrmeo no teu colo ou na túa cama. Aos nenos failles falta o contacto físico cos seus proxenitores e nos últimos anos, estáselles privando diso con frases como: Si o colles cando chora, está a manipularche?, Se ten sono, dórmese só?, non o collas en brazos, non ten fame, o que ten é vicio de estar pegado ao peito?. Nesta obra, o seu autor non dá consellos, nin che di como tes que facer as cousas. Só aconsella que sigas o teu instinto e que eduques con amor aos teus fillos.

6. “Dietas para embarazadas” Marta Anguera.

img_0342

Marta Anguera é dietista e nutricionista e neste libro expón con fórmulas simples que convén comer e que debe evitarse en cada período da xestación. No libro pódense atopar menús equilibrados e que dieta seguir para combater algunhas molestias normais no embarazo como a acidez de estómago, o estreñimiento, a diabetes gestacional ou a anemia. Unha das cousas que máis preocupa ás embarazadas é a súa alimentación. Este libro é perfecto para aquelas mulleres que teñan dúbidas sobre o que deben e o que non deben comer durante a xestación.

7. “Mamá a los 40” – Margarita Puig.

img_0343

Margarita Puig é unha coñecida xornalista española. Este libro mostra como un embarazo aos 40 xa non é un problema e prepara á muller para os cambios que terá o seu corpo e os coidados en canto a alimentación, sexo, cosmética e consellos para recuperar a figura despois do parto. É unha lectura amena e divertida na que conta anécdotas. Pero tamén, podes atopar información detallada sobre os teus dereitos no traballo, baixas laborais, prestacións sociais, etc.

 8. “Se me hace bola” –  Julio Basulto.

img_0354

Un enfoque diferente da alimentación infantil para que a hora da comida sexa un momento feliz para nenos e adultos. Que facer cando o noso fillo come menos do que quereríamos? Debemos demorar a incorporación de alimentos potencialmente alerxénicos? Como lidar coa atractiva e omnipresente oferta de alimentos superfluos e procesados? Que facer para previr a cada vez máis frecuente obesidade infantil?

9. “La biblia del embarazo” – Dra. Anne Dean.

img_0359

A biblia do embarazo é o resultado dunha investigación exhaustiva levada a cabo por expertos de distintos ámbitos e que trata todos os aspectos e etapas do embarazo, o alumeamento e a nova paternidade, con consideración aos aspectos máis prácticos e sen esquecer os sentimentos e as emocións.

10. “Crío a mi hijo“- Laurence Pernoud.

img_0355

As respostas de hoxe ás preguntas de cada día. O bebe acaba de nacer. Enternecidos e impresionados, os pais fanse miles de preguntas. Despois, a medida que o neno vai crecendo, xorden novos interrogantes. “Crío a mi hijo” é o compañeiro ideal durante os primeiros anos da infancia, desde o nacemento ata o final da educacion infantil. Todos os temas da vida diaria estan contemplados neste libro para os pais de hoxe.

Estes son algúns dos libros que che recomendamos. Non é necesario que os leas todos, o exceso de información adoita acabar en novas dúbidas e o embarazo é unha etapa na que hay que evitar a tensión e as preocupacións. 

As bibliotecas de Carballo en 2016

#ABiblioPréstame,#Blog,Blog

Xa hai case 2 anos da posta en marcha desta biblioteca, que xunto coa oferta que o Concello de Carballo xa viña ofrecendo coa Biblioteca Municipal e a Ludoteca,  supuxo un importante cambio que segue a manterse no tempo. Así o demostran os datos correspondentes ao ano pasado, que reflexan como continuamos gañando usuarios e cada vez nos aproximamos máis en número total á Biblioteca Municipal. Esta última conta con 4.294 visitantes rexistrados, cifra moi similar á de finais do 2015, mentres que os 3.616 cos que pechou o 2016 a biblioteca Rego da Balsa supoñen un incremento do 25 % con respecto aos 2.877 do ano anterior. O número total de usuarios entre os dous centros ronda os 8.000, unha cifra máis que destacada para unha poboación de pouco máis de 30.000 habitantes.

grafico_datos_bibliotecas_2016_800x460Un total de 1.350 persoas utilizan cada semana as tres bibliotecas municipais

Trátase, ademais, de usuarios activos posto que ao redor de mil persoas pasan cada semana pola biblioteca Rego da Balsa, mentres que outras 250 fano pola municipal, e 100 máis pola ludoteca. A esta elevada afluencia de persoas contribúe o programa de actividades que desenvolvemos principalmente nas instalacións de Rego da Balsa, que foron escenario o ano pasado dun total de 129 citas e que se beneficiaron tamén dun importante incremento do espazo útil. A apertura, meses atrás, da planta superior permitiunos duplicar o número de postos de lectura (de 58 a 128) e dotar de novas salas para a realización de actividades moi diversas.

O Concello tamén reforzou as instalacións aumentando os fondos dispoñibles. Á fronte deste ranking segue a Biblioteca Municipal, cun total de 32.588 exemplares, mentres que Rego da Balsa suma 15.422 (1.500 máis que hai un ano) e a Ludoteca, 1.862. Un fondo suficientemente amplo para que calquera carballés atope un bo motivo para deixarse conquistar polo san pracer da lectura.

Moitas grazas por acompañarnos neste último ano! Seguide visitándonos, nós seguiremos traballando arreo para que teñades nas Bibliotecas de Carballo os mellores servizos para todos os carballeses e carballesas.

 

Novo ano, novas lecturas

Blog,Novidades,Recomendamos

Xa está aquí 2017, un novo ano que promete novas experiencias, novas aprendizaxes e novas emocións! A biblioteca quere contribuír a que comecedes a acumular todos eses momentos e sensacións inéditos, con novas sorpresas en forma de lecturas, música e cine para todos os gustos, idades e personalidades.

Durante este último mes fomos recibindo novidades marabillosas que estivemos catalogando arreo, xa que queriamos que as tiverades dispoñibles para entrada de 2017, e así o conseguimos.

E non pensedes que son tres ou catros libriños… máis de 400 exemplares dos máis diversos formatos, temáticas e seccións vos agardan nas seccións de novidades da biblioteca!

Unha gran parte destas novidades está constituída polo Premio María Moliner, organizado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que nos foi outorgado polo proxecto de animación á lectura levado a cabo durante o pasado 2016. A verdade é que foi un lote de máis de 150 exemplares dos títulos máis novedosos e especiais, edicións únicas de clásicos da literatura e decenas de contos premiados polas súas historias e ilustracións nos mellores certames literarios… un verdadeiro tesouro que tedes ao voso dispor a partires de hoxe mesmo!

Consultade o boletín de novidades (é descargable e imprimible desde o noso Issuu) que confeccionamos para vós, onde poderedes ver todas as novas incorporacións do catálogo para este inverno. Como sabedes, podédelas levar en préstamo se sodes soci@s!

Desfrutádeas!

Nadal 2016

Actividades,Blog

Xa estamos en decembro, quentando motores para as festas máis familiares e entrañables do ano: o Nadal!

Achéganse as cenas de traballo, o reencontros coas amizades que viven lonxe, as comidas suculentas ao redor dos nosos seres queridos, as panxoliñas, os agasallos e as caras de sorpresa e ilusión d@s máis pequen@s. As tradicións de toda a vida fan que o Nadal sexa unha época do ano para compartir e desfrutar ao máximo.

Na biblioteca tamén festexamos estas datas, e por iso temos preparado para vós un menú de actividades para Nadal que vai facer que o desfrutades aínda máis!

CARTAZ NADAL.png

Teremos os nosos habituais faladoiros, pero con temáticas propias das datas de Nadal, como o faladoiro a cargo de Galileo Nenos,  unha compañía dedicada á fabricación de xoguetes e xogos tradicionais para público de todas as idades,  que nos contarán todo o que hai que saber sobre a tradición galega no eido dos xogos e xoguetes, farannos unha demostración do que fan e deixarannos probar os seus produtos. Tamén teremos á Fundación Amigos de Galicia, quen nos contarán todo o traballo solidario que fan recopilando tapóns de plástico para recadar fondos en axuda de nenos e nenas que o precisan, e coñeceremos varios casos aos que atenden desinteresadamente.

Tampouco poden faltar as presentacións literarias,  nas que teremos con nós a Mónica Noya, presentando  Ex Vita Vite, un libro ben especial con documental incluído que fai un percorrido polo mundo do viño en Galicia. Abofé que en Nadal non debe faltar o bo viño! Outro convidado para presentar a súa obra literaria é Luís Pirucha, autor de Sanxenxo que nos visitará para darnos a coñecer a súa traxectoria, da que xa contamos con tres libros que mesturan relato, pintura e poesía. Ben interesante para agasallar!

Continuamos por suposto con actividades para a rapazada. Como sabemos que @s nen@s son @s grandes protagonistas deste época do ano, teremos para el@s contacontos, obradoiros de manualidades e música, xa que estarán con nós @s amig@s de Geriatros Carballo tocando coa pandeireta panxoliñas que deleitarán e emocionarán a todo o mundo, sexa cal sexa a súa idade. Non hai lugar para o aburrimento!

E ademais de todo isto, os compañeiros da asociación Senda Nova coa colaboración das escolas de Carballo e Coristanco prepararon unha exposición moi especial dedicada a unha figura máxica indispensable no Nadal galego: o Apalpador. “O Apalpador imaxinado” inclúe unha colección de láminas elaboradas polo alumnado destas escolas, nas que retratan ao Apalpador. O propio homenaxeado aceptou o noso convite para vir inaugarar a exposición, así que nos esquezades, o día 13 de decembro á tarde estreamos exposición co mesmísimo Apalpador, que virá saudar ademais a todos os nenos e nenas que veñan por aquí e queiran pedirlle algún agasallo especial para Noiteboa a tan ilustre convidado!

Pois nada máis que queda felicitarvos as festas e desexarvos un Nadal estupendo e un comezo de ano aínda mellor, pero sempre… na biblioteca!

FELICES FESTAS!

Premios María Moliner 2016

Blog

Esta semana estamos encantad@s, xa que nos foi comunicado o fallo da Comisión de Valoración dos Premios da Campaña María Moliner de Animación á Lectura, e somos unha das bibliotecas agraciadas!

moliner

A Campaña de Animación á Lectura é un concurso dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes, a través da cal se premian os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas, co obxectivo de fomentar a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente entre nen@s e xente nova, que constitúen a base dos futuros lectores adultos. Realízase grazas á colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa Federación Española de Municipios e Provincias e, desde 2002, tamén coa Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sainz de Vicuña.

Con esta Campaña prémiase a 300 bibliotecas que reciben lotes de libros, seleccionados entre as novidades de cada ano e con especial atención aos títulos de carácter infantil e xuvenil. Esta selección de libros pretende ser así mesmo unha mostra da produción literaria e da ilustración actual. Desde 2002, os tres mellores proxectos reciben, ademais, premios en metálico que financia a Fundación Coca-Cola.

Con esta actuación incentívase aos municipios pequenos e desenvólvese un labor de promoción da lectura en lugares nos que moi habitualmente existe un difícil acceso ao libro. Este programa presenta unha gran importancia estratéxica, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside en municipios de menos de 50.000 habitantes, polo que esta iniciativa presenta un gran impacto no territorio. Nas últimas edicións, a resposta dos municipios foi moi positiva, presentándose ata a data máis de 11.800 proxectos por uns 2.300 municipios.

Deses 11.800 proxectos, o noso foi premiado cun deses galardóns, polo programa de actividades desenvolvido o pasado ano, que incluíu obradoiros, contacontos, concursos e diversas presentacións literarias.

O Premio María Moliner valora tamén a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, así como o esforzo realizado en función dos mesmos, os proxectos de extensión bibliotecaria, a colaboración con centros educativos e axentes culturais, así como os proxectos que fomentan a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.

A nosa é unha das 22 bibliotecas de Galicia que conseguiron o galardón, e unha das 300 de toda España, e por iso estamos orgullosísim@s e desexando continuar coa liña de traballo que levamos ata agora, xa que está dando bos froitos.

Non podemos agardar polo lote de libros que incorporaremos ao fondo da biblioteca en canto chegue. É un agasallo para nós, pero, sobre todo, para Carballo!

Porque Carballo o merece!

Estamos de aniversario!

Blog

O vindeiro luns 24 de outubro é o Día da Biblioteca, unha festividade xa especial para as nosas instalacións, pero aínda máis sabendo que se cumprirán dous anos dende a nosa apertura. Dous anos cheos de situacións que nos fixeron medrar a nivel persoal e profesional e que queremos lembrar e compartir con vós cunha exposición que recollerá unha pequena mostra dos momentos que vivimos, só un anaquiño de todo aquilo que fixemos e desfrutamos na nosa querida biblioteca. Esta mesma exposición estará dispoñible para o público a partir deste luns, e poderedes ser partícipes da mesma anotando os vosos sentimentos, ideas, opinións… ou etiquetándovos nas fotos cun rotulador especial que vos deixaremos no mostrador. Pero para ir abrindo un pouco o apetito, deixámosvos a continuación un pequeno resumo de todo o que vivimos nestes dous anos e de como o vivimos as bibliotecarias…

A mediados do outono de 2014 abriamos as portas da Biblioteca Rego da Balsa, un tanto nerviosas, procurando que todo estivese organizado da mellor maneira posible para @s nos@s futur@s usuari@s, sen saber todo o que nos agardaba no tempo vindeiro. A xornada de apertura foi espectacular, a nosa querida biblioteca encheuse de xente que se sorprendía coa distribución dun espazo tan necesario no noso concello, coas baldas cheas de literatura e saber, preparado para ser emprestado para a casa.

Moit@s coñecían un novo modelo de biblioteca que antes non imaxinaban, un espazo diáfano, destinado a diferentes funcións, entre elas o estudo pero tamén o ocio, un lugar onde desfrutar c@s amig@s dunha boa lectura ou consultar algunhas das obras de coñecemento cando os traballos de clase o requerían. Tamén, aínda que xa era posible na outra biblioteca, era máis visible o servizo de préstamo de audiovisuais.

O público infantil quedaba abraiado coa nosa mascota, Sanxo, e cos sillóns colgantes para ler tranquilamente un bo conto. Os mozos e mozas atopaban un lugar onde consultar datos nos nosos ordenadores ou ben compartir a wifi pública para os seus intereses. Pouco a pouco, a biblioteca foi facéndose máis coñecida entre as persoas de todas as idades. Resta falar da afección pola lectura do xornal do día, máis apaixoada aínda por parte d@s máis maiores!

Pouco a pouco, a biblioteca foi medrando, pasamos a contar con máis de 1.000 usuari@s nos primeiros meses, cifra que se incrementaría en máis de 3.500 na actualidade. Pero todo isto non sería posible sen vós, por iso tentamos ofertarvos sempre actividades de lecer que poidesen ser do voso interese: conferencias, obradoiros, proxeccións, faladoiros… nos que tod@s coñecemos temas tan interesantes como a impresión en 3D, bloggers de moda ou de cociña, a problemática existente para visualizar a nosa lingua e tradición, os tattoos máis fermosos da nosa terra, concertos pop-rock, proxeccións de filmes de crítica social… E coñecemos asociacións como Asociación Amigos de los Perros de Carballo, Cruz Vermella ou a Asociación Cultural Arume. Tamén recibimos a escritor@s locais moi coñecid@s como Manuel Rivas ou Rosalía Fernández Rial, e a outr@s que se están labrando un futuro na literatura, como por exemplo Álvaro Antelo ou Miriam Beizana.

As nenas e nenos tamén gozaron con concertos coma os de MaxicoSons, Brinca Vai  ou Magín Blanco, por citar algúns, e con innumerables contacontos, como, por exemplo, Comechíns ou os dos famosos Ratos de Lonxedetodo, Fuco e Lili Gruyére, que conquistaron os ouvidos do público máis esixente da casa. Non debemos esquecer tampouco o esforzo de moitos pais e nais e algúns nenos e nenas que se atreveron a narrarnos as súas historias favoritas, así como os contos que A Biblio Conta trouxo ao recuncho de Sanxo para agradar ás familias que quixeron escoitarnos.

Por outra banda, tamén é preciso citar os obradoiros que se realizaron para todas as idades e para todos os gustos: marcapáxinas de scrapbooking, cadáver exquisito, bookfolding con libros reciclados… e todos os que realizou a Asociación Creaformas, unidos polo fio común das diferentes expresións artísticas, con artistas locais como, por exemplo, Mon Lendoiro ou Teresa Candal.

Con todo isto, realizamos algún que outro concurso para poder premiar @s usuari@s máis orixinais que se atreveron a participar neles, ben nas edicións de Biblionamórame, aló polos meses de febreiro, ou ben noutros literarios, coma o da Praza dos Libros. Sen esquecernos do premio @s mellores usuari@s do ano… Quen serán @s afortunad@s deste? Sen dúbida é un decisión ben difícil de tomar, pois todas nós estamos moi agradecid@s da cordialidade e respeto con que nos tratades, e de que sexades lector@s empedernid@s, de que nos suxirades libros e actividades para facer da nosa biblioteca un lugar máis acolledor para tod@s, un lugar onde se xunten persoas de todas as idades e ideoloxías, un lugar onde compartir máis que literatura, onde compartir momentos.

23864482466_8e2d9dff27_z

Por estes dous anos, e moitos outros máis e mellores aínda… SAÚDE!