Biblioteca López Eirís

A Biblioteca Rego da Balsa é moi afortunada por moitos motivos: por ter un espazo estupendo para a súa igualmente estupenda comunidade de usuari@s, por poder ofertar unha morea de servizos culturais para vós…, pero ademais está especialmente agradecida por ter a sorte de custodiar e ser a depositaria dunha doazón incriblemente especial, polo completa e interesante que é.

En 2014, xusto cando abriamos as nosas portas, o actor e escenógrafo carballés Xoan Manuel Eirís (1952-2017) decidiu facernos unha doazón de parte da súa biblioteca privada. Era un conxunto de máis de 500 títulos sobre arte, historia e teatro que supuxeron unha gran aportación para a nosa colección, en cantidade, pero sobre todo, en calidade.

Xa en 2017, pouco antes do seu pasamento, deixounos outra parte da súa colección: máis de 2000 materiais que constitúen unha biblioteca de valor incalculable, non soamente polo valor das obras en si,  xa que se poden atopar exemplares de edicións limitadas e complicadas de adquirir a día de hoxe, sendo moitas delas adquiridas no estranxeiro, senón pola exquisitez da selección, que conforma un compendio de calidade excelente e reflicte á perfección as inquedanzas e intereses de López Eirís, un erudito especialmente no ámbito do teatro.

A colección percorre variadas temáticas relacionadas coas humanidades: socioloxía, culturas, biografías, mitoloxía e lendas, historia ou arte en todas as súas manifestacións (cine, pintura, arquitectura..), en distintos idiomas, formatos e edicións.

A meirande parte desta incrible biblioteca sen embargo se centra na disciplina artística que sempre tivo a López Eirís namorado e obsesionado: o teatro. Navegando entre as baldas que conforman esta colección podemos atoparnos libros sobre aspectos técnicos e teóricos do teatro: caracterización, escenografía, iluminación, vestiario, teoría da interpretación… pero sobre todo, atoparemos unha enorme recopilación de obras de teatro, desde os clásicos gregos e romanos, pasando polas grandes óperas, ata o teatro máis contemporáneo e transgresor. Infinidade de autores, de todo o mundo, pero poñendo un especial interese no teatro galego, con obras de Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro ou Manuel Lourenzo.

Este último, unido A Xoán Manuel López Eirís no profesional e no persoal, acudiu en 2018 á inauguración da exposición bibliográfica Biblioteca de Xoán Manuel López Eirís: o exlibris do teatro, que expoñía unha gran selección desta colección durante a edición do FIOT 2018. Na súa intervención falou sobre maquetas de varias obras que o propio López Eirís realizou e que lle obsequiou durante unha homenaxe, e que el mesmo doaría tamén ao Concello de Carballo. Ao acto asistiu a familia do actor e escenógrafo.

Outro grande autor de referencia para López Eirís era, como non podía ser doutro xeito, Shakespeare. Desta colección forma parte unha gran compilación do dramaturgo británico, integrada por centos de exemplares das súas obras, escritos na maior variedade de linguas e publicadas nas máis coidadas edicións. Unha verdadeira xoia para coleccionistas e admiradores do teatro e de Shakespeare.

Esta sección da biblioteca, por tratarse dun fondo de tanto valor, debe ser conservada e protexida para as vindeiras xeracións, polo que non se poderá levar en préstamo, pero sí poderá ser consultada en sala.

Unha parte dela está exposta no primeiro andar da biblioteca. Visitádenos e desfrutade de tan espectacular obsequio para o noso concello!

Xoán Manuel López Eirís naceu en Carballo en 1952, e foi un veterano do teatro galego independente. Aínda que desenvolviu a súa traxectoria profesional no sector da banca, Eirís participou a finais dos 70 na creación da Escola Dramática Galega e estivo vencellado durante anos a Casahamlet. Ademais, publicou varios traballos, entre os que destacan O teatro de ópera chino, e produciu en vídeo unha obra do seu amigo e compañeiro Manuel Lourenzo, Xograr de Outono 2018. O día que fixo a primeria cesión do seu fondo bibliográfico, fixo unha visita ás instalacións da biblioteca, na que manifestou: «Sempre fun da idea de que este tipo de cousas é mellor compartilas que telas na casa», e destacaba o seu orgullo polo nivel que acadou o Festival Internacional Outono de Teatro. Lourenzo acudiu con el a Carballo nesta primeira entrega.

A %d blogueros les gusta esto: