Bookcrossing

Súmate ao pracer de viaxar coa imaxinación. Viaxa cos libros!

Dende a Biblioteca Rego da Balsa poñemos en marcha un punto de Bookcrossing para promover o hábito de ler e fomentar o intercambio de experiencias arredor ao pracer da lectura. Le, comenta e comparte!

Que é Bookcrossing?

Bookcrossing é a práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan outras persoas, que despois farán o mesmo. A idea é liberar libros “na xungla” para que sexan encontrados por outr@s e sigan circulando e atravesando tempo e espazo.
Esta iniciativa non coñece límites xeográficos e a súa meta, simplemente, é converter o mundo nunha biblioteca.

Nesta sección especial da biblioteca atoparedes libros libros destinados a viaxar polo mundo e pasar por diferentes mans. Cólleos, leos e logo déixaos libres na nosa zona habilitada para que outra persoa poida pasar un anaco agradable coa súa lectura.

Ademais do punto Bookcrossing da biblioteca, poderedes ter máis libros liberados por nós noutros diferentes puntos do concello:

  • Mercado de abastos
  • Escola de Idiomas
  • Institutos de secundaria
  • Praias de Razo e Baldaio (en verán)
  • Casino 1889

Pero é máis, queremos saber que camiño segue este libro, que historia ten, cantos lugares visitou, que pegada deixou en quen o leu antes e despois de ti, e de seguro que a ti tamén che gustará sabelo. Seguirlle a pista ao libro é moi doado. Só tes que seguir estes pasos cando atopes un destes “libros viaxeiros”.

2015-04-13 16.54.41

Que fago se atopo un libro que me quero levar?

  1. Entra no sitio web de BookCrossing.
  2. Introduce o código BCID (na etiqueta adhesiva da cuberta do libro) no apartado que hai na cabeceira da web.
  3. Enche a entrada no diario e que non esquezas cumprir o apartado “RESEÑA” (neste campo comentarás que che pareceu o libro).
  4. Cando deixes o libro na zona deBookcrossing da Biblioteca, é importante que volvas acceder á web e abras o despregable do campo ESTADO e marques a opción DISPOÑIBLE para que o resto de usuarios saiban que poden acceder á súa lectura. Lembra o lema de Bookcrossing: Leme e pásame!
  5. Por último, se queres doar algún libro para a nosa campaña de Bookcrossing, podes deixalo na biblioteca.

Pertencer a BookCrossing é gratuíto, pero acéptanse doazóns para manter os servidores do sitio web.

Viaxemos cos libros!

A %d blogueros les gusta esto: