Novo ano, novas lecturas

Blog,Novidades,Recomendamos

Xa está aquí 2017, un novo ano que promete novas experiencias, novas aprendizaxes e novas emocións! A biblioteca quere contribuír a que comecedes a acumular todos eses momentos e sensacións inéditos, con novas sorpresas en forma de lecturas, música e cine para todos os gustos, idades e personalidades.

Durante este último mes fomos recibindo novidades marabillosas que estivemos catalogando arreo, xa que queriamos que as tiverades dispoñibles para entrada de 2017, e así o conseguimos.

E non pensedes que son tres ou catros libriños… máis de 400 exemplares dos máis diversos formatos, temáticas e seccións vos agardan nas seccións de novidades da biblioteca!

Unha gran parte destas novidades está constituída polo Premio María Moliner, organizado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que nos foi outorgado polo proxecto de animación á lectura levado a cabo durante o pasado 2016. A verdade é que foi un lote de máis de 150 exemplares dos títulos máis novedosos e especiais, edicións únicas de clásicos da literatura e decenas de contos premiados polas súas historias e ilustracións nos mellores certames literarios… un verdadeiro tesouro que tedes ao voso dispor a partires de hoxe mesmo!

Consultade o boletín de novidades (é descargable e imprimible desde o noso Issuu) que confeccionamos para vós, onde poderedes ver todas as novas incorporacións do catálogo para este inverno. Como sabedes, podédelas levar en préstamo se sodes soci@s!

Desfrutádeas!

Advertisements

Nadal 2016

Actividades,Blog

Xa estamos en decembro, quentando motores para as festas máis familiares e entrañables do ano: o Nadal!

Achéganse as cenas de traballo, o reencontros coas amizades que viven lonxe, as comidas suculentas ao redor dos nosos seres queridos, as panxoliñas, os agasallos e as caras de sorpresa e ilusión d@s máis pequen@s. As tradicións de toda a vida fan que o Nadal sexa unha época do ano para compartir e desfrutar ao máximo.

Na biblioteca tamén festexamos estas datas, e por iso temos preparado para vós un menú de actividades para Nadal que vai facer que o desfrutades aínda máis!

CARTAZ NADAL.png

Teremos os nosos habituais faladoiros, pero con temáticas propias das datas de Nadal, como o faladoiro a cargo de Galileo Nenos,  unha compañía dedicada á fabricación de xoguetes e xogos tradicionais para público de todas as idades,  que nos contarán todo o que hai que saber sobre a tradición galega no eido dos xogos e xoguetes, farannos unha demostración do que fan e deixarannos probar os seus produtos. Tamén teremos á Fundación Amigos de Galicia, quen nos contarán todo o traballo solidario que fan recopilando tapóns de plástico para recadar fondos en axuda de nenos e nenas que o precisan, e coñeceremos varios casos aos que atenden desinteresadamente.

Tampouco poden faltar as presentacións literarias,  nas que teremos con nós a Mónica Noya, presentando  Ex Vita Vite, un libro ben especial con documental incluído que fai un percorrido polo mundo do viño en Galicia. Abofé que en Nadal non debe faltar o bo viño! Outro convidado para presentar a súa obra literaria é Luís Pirucha, autor de Sanxenxo que nos visitará para darnos a coñecer a súa traxectoria, da que xa contamos con tres libros que mesturan relato, pintura e poesía. Ben interesante para agasallar!

Continuamos por suposto con actividades para a rapazada. Como sabemos que @s nen@s son @s grandes protagonistas deste época do ano, teremos para el@s contacontos, obradoiros de manualidades e música, xa que estarán con nós @s amig@s de Geriatros Carballo tocando coa pandeireta panxoliñas que deleitarán e emocionarán a todo o mundo, sexa cal sexa a súa idade. Non hai lugar para o aburrimento!

E ademais de todo isto, os compañeiros da asociación Senda Nova coa colaboración das escolas de Carballo e Coristanco prepararon unha exposición moi especial dedicada a unha figura máxica indispensable no Nadal galego: o Apalpador. “O Apalpador imaxinado” inclúe unha colección de láminas elaboradas polo alumnado destas escolas, nas que retratan ao Apalpador. O propio homenaxeado aceptou o noso convite para vir inaugarar a exposición, así que nos esquezades, o día 13 de decembro á tarde estreamos exposición co mesmísimo Apalpador, que virá saudar ademais a todos os nenos e nenas que veñan por aquí e queiran pedirlle algún agasallo especial para Noiteboa a tan ilustre convidado!

Pois nada máis que queda felicitarvos as festas e desexarvos un Nadal estupendo e un comezo de ano aínda mellor, pero sempre… na biblioteca!

FELICES FESTAS!

Premios María Moliner 2016

Blog

Esta semana estamos encantad@s, xa que nos foi comunicado o fallo da Comisión de Valoración dos Premios da Campaña María Moliner de Animación á Lectura, e somos unha das bibliotecas agraciadas!

moliner

A Campaña de Animación á Lectura é un concurso dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes, a través da cal se premian os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas, co obxectivo de fomentar a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente entre nen@s e xente nova, que constitúen a base dos futuros lectores adultos. Realízase grazas á colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa Federación Española de Municipios e Provincias e, desde 2002, tamén coa Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sainz de Vicuña.

Con esta Campaña prémiase a 300 bibliotecas que reciben lotes de libros, seleccionados entre as novidades de cada ano e con especial atención aos títulos de carácter infantil e xuvenil. Esta selección de libros pretende ser así mesmo unha mostra da produción literaria e da ilustración actual. Desde 2002, os tres mellores proxectos reciben, ademais, premios en metálico que financia a Fundación Coca-Cola.

Con esta actuación incentívase aos municipios pequenos e desenvólvese un labor de promoción da lectura en lugares nos que moi habitualmente existe un difícil acceso ao libro. Este programa presenta unha gran importancia estratéxica, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside en municipios de menos de 50.000 habitantes, polo que esta iniciativa presenta un gran impacto no territorio. Nas últimas edicións, a resposta dos municipios foi moi positiva, presentándose ata a data máis de 11.800 proxectos por uns 2.300 municipios.

Deses 11.800 proxectos, o noso foi premiado cun deses galardóns, polo programa de actividades desenvolvido o pasado ano, que incluíu obradoiros, contacontos, concursos e diversas presentacións literarias.

O Premio María Moliner valora tamén a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, así como o esforzo realizado en función dos mesmos, os proxectos de extensión bibliotecaria, a colaboración con centros educativos e axentes culturais, así como os proxectos que fomentan a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.

A nosa é unha das 22 bibliotecas de Galicia que conseguiron o galardón, e unha das 300 de toda España, e por iso estamos orgullosísim@s e desexando continuar coa liña de traballo que levamos ata agora, xa que está dando bos froitos.

Non podemos agardar polo lote de libros que incorporaremos ao fondo da biblioteca en canto chegue. É un agasallo para nós, pero, sobre todo, para Carballo!

Porque Carballo o merece!

Estamos de aniversario!

Blog

O vindeiro luns 24 de outubro é o Día da Biblioteca, unha festividade xa especial para as nosas instalacións, pero aínda máis sabendo que se cumprirán dous anos dende a nosa apertura. Dous anos cheos de situacións que nos fixeron medrar a nivel persoal e profesional e que queremos lembrar e compartir con vós cunha exposición que recollerá unha pequena mostra dos momentos que vivimos, só un anaquiño de todo aquilo que fixemos e desfrutamos na nosa querida biblioteca. Esta mesma exposición estará dispoñible para o público a partir deste luns, e poderedes ser partícipes da mesma anotando os vosos sentimentos, ideas, opinións… ou etiquetándovos nas fotos cun rotulador especial que vos deixaremos no mostrador. Pero para ir abrindo un pouco o apetito, deixámosvos a continuación un pequeno resumo de todo o que vivimos nestes dous anos e de como o vivimos as bibliotecarias…

A mediados do outono de 2014 abriamos as portas da Biblioteca Rego da Balsa, un tanto nerviosas, procurando que todo estivese organizado da mellor maneira posible para @s nos@s futur@s usuari@s, sen saber todo o que nos agardaba no tempo vindeiro. A xornada de apertura foi espectacular, a nosa querida biblioteca encheuse de xente que se sorprendía coa distribución dun espazo tan necesario no noso concello, coas baldas cheas de literatura e saber, preparado para ser emprestado para a casa.

Moit@s coñecían un novo modelo de biblioteca que antes non imaxinaban, un espazo diáfano, destinado a diferentes funcións, entre elas o estudo pero tamén o ocio, un lugar onde desfrutar c@s amig@s dunha boa lectura ou consultar algunhas das obras de coñecemento cando os traballos de clase o requerían. Tamén, aínda que xa era posible na outra biblioteca, era máis visible o servizo de préstamo de audiovisuais.

O público infantil quedaba abraiado coa nosa mascota, Sanxo, e cos sillóns colgantes para ler tranquilamente un bo conto. Os mozos e mozas atopaban un lugar onde consultar datos nos nosos ordenadores ou ben compartir a wifi pública para os seus intereses. Pouco a pouco, a biblioteca foi facéndose máis coñecida entre as persoas de todas as idades. Resta falar da afección pola lectura do xornal do día, máis apaixoada aínda por parte d@s máis maiores!

Pouco a pouco, a biblioteca foi medrando, pasamos a contar con máis de 1.000 usuari@s nos primeiros meses, cifra que se incrementaría en máis de 3.500 na actualidade. Pero todo isto non sería posible sen vós, por iso tentamos ofertarvos sempre actividades de lecer que poidesen ser do voso interese: conferencias, obradoiros, proxeccións, faladoiros… nos que tod@s coñecemos temas tan interesantes como a impresión en 3D, bloggers de moda ou de cociña, a problemática existente para visualizar a nosa lingua e tradición, os tattoos máis fermosos da nosa terra, concertos pop-rock, proxeccións de filmes de crítica social… E coñecemos asociacións como Asociación Amigos de los Perros de Carballo, Cruz Vermella ou a Asociación Cultural Arume. Tamén recibimos a escritor@s locais moi coñecid@s como Manuel Rivas ou Rosalía Fernández Rial, e a outr@s que se están labrando un futuro na literatura, como por exemplo Álvaro Antelo ou Miriam Beizana.

As nenas e nenos tamén gozaron con concertos coma os de MaxicoSons, Brinca Vai  ou Magín Blanco, por citar algúns, e con innumerables contacontos, como, por exemplo, Comechíns ou os dos famosos Ratos de Lonxedetodo, Fuco e Lili Gruyére, que conquistaron os ouvidos do público máis esixente da casa. Non debemos esquecer tampouco o esforzo de moitos pais e nais e algúns nenos e nenas que se atreveron a narrarnos as súas historias favoritas, así como os contos que A Biblio Conta trouxo ao recuncho de Sanxo para agradar ás familias que quixeron escoitarnos.

Por outra banda, tamén é preciso citar os obradoiros que se realizaron para todas as idades e para todos os gustos: marcapáxinas de scrapbooking, cadáver exquisito, bookfolding con libros reciclados… e todos os que realizou a Asociación Creaformas, unidos polo fio común das diferentes expresións artísticas, con artistas locais como, por exemplo, Mon Lendoiro ou Teresa Candal.

Con todo isto, realizamos algún que outro concurso para poder premiar @s usuari@s máis orixinais que se atreveron a participar neles, ben nas edicións de Biblionamórame, aló polos meses de febreiro, ou ben noutros literarios, coma o da Praza dos Libros. Sen esquecernos do premio @s mellores usuari@s do ano… Quen serán @s afortunad@s deste? Sen dúbida é un decisión ben difícil de tomar, pois todas nós estamos moi agradecid@s da cordialidade e respeto con que nos tratades, e de que sexades lector@s empedernid@s, de que nos suxirades libros e actividades para facer da nosa biblioteca un lugar máis acolledor para tod@s, un lugar onde se xunten persoas de todas as idades e ideoloxías, un lugar onde compartir máis que literatura, onde compartir momentos.

23864482466_8e2d9dff27_z

Por estes dous anos, e moitos outros máis e mellores aínda… SAÚDE!

Outono NON-STOP

Actividades,Blog

Entramos na recta final de 2016, pero non pensedes que a chuvia, o frío e as nubes van conseguir que na biblioteca paremos o ritmo, moi ao contrario!

Os meses de outubro, novembro e decembro veñen ateigadiños de cousas que facer, aprender e gozar na biblioteca. Voltarán os faladoiros, as presentacións literarias, os obradoiros, exposicións e proxeccións. Voltarán os contacontos, as visitas escolares e a música… en definitiva, volverá todo iso que fai que a vosa biblioteca sexa un referente cultural na comarca e parte do estranxeiro! 😀

Contaremos coas actividades clásicas da biblioteca, que sabemos que son un éxito asegurado:

Faladoiros, que versarán estes meses sobre temas tan diversos como artesanía  e reciclaxe, tradición cultural e musical galega ou literatura erótica.

arume

Presentacións literarias a cargo de diferentes escritor@s da nosa contorna, como Paco Souto, Susana Sánchez ou Jesús Huertas.

presentacion-y-ahora-vendemos

Proxeccións de temas de interese, como o da memoria histórica ou os desfiuzamentos.

Proxección unha muller que pasa e silencio.png

Obradoiros: Artísticos, coa colaboración da Asociación Crea Formas, que estará dirixido a xente nova, e tamén de contacontos para maiores. Tamén celebraremos Samaín e o Día das Bibliotecas cos seus respectivos obradoiros, que farán as delicias d@s máis pequen@s. Ademais, un novo ano colaboramos co FIOT acollendo o seu obradoiro “Pequepresentadores”, no que a rapazada poderá saber como é o traballo dos xornalistas.

anuncio-obradoiroOBRADOIRO SAMAIN.png

Contacontos: En novembro voltarán os nosos amigos máis divertidos e listos de Lonxedetodo para contarnos todas as aventuras que viviron estes meses sen vernos, tanto nas visitas escolares como nas sesións dos mércores, que seguirán sendo dobres e cada dúas semanas. Xa sabedes que requiren que recollades o convite a semana antes na biblioteca. Ademais, virán tamén nos visitarán as nosas amigas da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain para ofrecernos “Raconte-moi une histoire: contos enfrancés con sabor a outono”, no que como ben indica o seu título, nos deleitarán con preciosas historias de temática de outono na lingua gala. Estes encontros con diferentes linguas encántanlles a@s cativ@s! E como non, que sería un Samaín sen algunha historia arrepiante? Na biblioteca poderedes festexar esta festa tradicional da man de A Trastenda dos Contos e o seu espectáculo “Contos de medo que deixan durmir”, un paseo pola nosa tradición mística cheo de sorpresas. Non dubidedes en informarvos na biblioteca para poder conseguir o voso sitio!

contos de medo que deixan durmir.png

Pois isto non é todo, xa que ademais das actividades habituais da biblioteca teremos novidades que non podedes perder, como por exemplo o novo ciclo de contacontos “Avoas e avós contan”, no que os avós e avoas máis intrépidos, visitarannos para contarnos as súas historias, as que lles contaban a el@s de pequen@s ou mesmo as que inventan el@s mesm@s. Porque xa sabemos que as persoas maiores gardan moitas sorpresas que están desexando ser redescobertas polas novas xeracións!

avoas e avós contan.png

Sabedes que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e ademais celebramos o noso segundo aniversario? Pois ese día non podedes faltar, xa que teremos preparada para vós una exposición fotográfica dos mellores momentos destes dous anos de vida, e os rapaces e rapazas poderán facer de médicos dos nosos libros máis enfermiños no obradoiro “Hospital de Libros”.

En novembro comprácenos anunciar unha xornada chea de actividades encamiñadas a conectar co noso interior, coa nosa parte máis espiritual, para acadar o noso benestar e autocoñecemento. Esta xornada chamarase “Mañá consciente”, e abarcará experiencias de ioga para toda a familia, obradoiros de percusión consciente e poesía e un concerto de mantras. Apuntádeo na axenda, será o sábado 12 de novembro. Non tedes escusa para non vir!

MañáConsciente.png

Si, si, sabemos que é moita información, é unha oferta de lecer moi extensa, polo que vos deixamos o cartaz ao voso dispor para que o poidades consultar sempre que o precisedes ou incluso descargalo, parécevos?

Comezade o outono con tanta forza coma nós!

 

Setembro: un mes de novidades e sorpresas para tod@s

Actividades,Blog

Comezamos o curso académico con grandes sorpresas e cambios que farán que a vosa experiencia na biblioteca sexa máis intensa, máis proveitosa e máis divertida, que cheguedes ás vosas casas tras a vosa visita habitual pensando en volver ao día seguinte con moitísima ilusión e ganas por descubrir todo o que vos ofrecemos. Queremos que pasedes as xornadas con nós, rodead@s de libros, de historias, de películas, de música, de recursos informáticos, de faladoiros e das vosas familias e amigos, porque a biblioteca é un espazo onde desfrutar do mellor da vida!

8.png

Para comezar, desde o día 1 a biblioteca abre as súas portas en horario ininterrompido, de 10:30 a 20:30, de luns a venres. Os sábados continuamos con horario de mañá, de 10:00 a 13:00. Deste xeito, o horario de apertura da biblioteca viuse incrementado en 15 horas semanais! Non é estupendo?

marketing.png

Continuando, o día 8 de setembro quedaron ao voso dispor as instalacións da pranta superior da biblio, polo que tedes un amplísimo espazo multifunción para estudar, relaxarvos, ler, traballar, navegar pola rede ou escoitar música cos vosos auriculares. Ademais, agora teredes as seccións de Banda Deseñada Xuvenil, Banda Deseñada Adultos e Obras de Referencia nesa pranta. Dende logo, que mellor maneira de acompañar o noso mural sobre o cómic que a nosa colección de tebeos, cómics, banda deseñada e manga para a rapazada e os adultos? Nela atoparedes verdadeiros tesouros. Non os perdades!

E por suposto, non poden faltar as actividades! En setembro aínda quedan moitas cousas que ver, sentir, aprender e reflexionar, xa que nos vindeiros días agárdannos as seguintes citas:

xoves 22, ás 20:00 h, teremos a cita máis solidaria do mes, un faladoiro coa Cruz Vermella no noso auditorio, no que poderemos coñecer os proxectos desta entidade na nosa vila e informarnos de todas aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma: como é o funcionamento interno, que temos que facer se queremos ser voluntari@s… O fabuloso equipo desta organización estará dispoñible para nós ese día, aproveitade!

faladoiro-cruz-vermella

Para o público máis musical, o venres 23, ás 19:30 h, voltaremos atrás no tempo coa presentación “Derribos Arias. Licencia para aberrar”, de Carlos Rego, na que faremos percorrido pola historia dunha das bandas máis innovadoras do panorama musical dos oitenta. Unha oportunidade para que o público xuvenil coñeza máis sobre a nosa música e outra para que @s adult@s poidamos rememorala.

presentacion-derribos-arias

proxección da curtametraxe “E boteime a andar”, de Pablo Lomba, o xoves 29 ás 19:00 h, será a encargada de pechar as actividades deste mes. Un documental moi interesante cargado de morriña, no que diferentes persoas nos contarán a súa experiencia sobre a emigración galega, unha situación que se volve a repetir na nosa época. Este filme, gañador do premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, ten moito que ensinarnos, non perdades a oportunidade de velo!

e-boteime-a-andar

Tamén vos lembramos que @s compañeir@s do Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continúan cos seus “Sábados de Literatura Francófona”, un club de lectura sobre o que podedes indagar máis poñéndovos en contacto coa mesma asociación.

Xa sabedes a que citas ides acudir? Aquí vos agardamos, porque co comezo do curso, nós tamén nos activamos!

E xurdiu “Atlántida” do Obradoiro de “Hibridar o Imaxinario”

Blog

ObradoiroAELG-RosaliaFRial-Carballo.jpg

Onte rematou o Obradoiro de creación literaria “Hibridar o Imaxinario” impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial e da man da Escola de Escritores-as da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Contando co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e da Consellaría de Cultura e o respaldo do Concello de Carballo para a súa realización,foi para a Biblioteca Rego da Balsa unha inmensa honra acoller este taller de creción poética.

collage_hibridando_o_imaxinario

Cunha posta en escea levada a cabo polos asistentes ao obradoiro, remataba así de forma oficial o mesmo, nunha reacreación viva da poesía emerxente que onte ademáis contou coa presenza de Paco Souto como autor convidado. Ao acto asistiron a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, Cesáreo Sánchez, o presidente da AELG, o alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Cultura e Deportes, Marcos Trigo Facal.

Os asistentes poideron desfrutar de contemplar o proceso creativo dunha posta en escea teatral derivada da expresión poética literaria e que foi representada polos mesmos que asistiron ao obradoiro, e que se desenvolviu en diferentes recunchos da biblioteca, facendo de ela un lugar vivo e dinámico.

Unha biblioteca de conto! (Edición xuvenil)

13 a 17 anos,Blog,Recomendamos

Hai un tempo vos ofrecemos unha guía de lectura ben interesante dedicada a libros de contos para adultos, lembrádela?

Pois agora tócalle a quenda ao público xuvenil, xa que á rapazada tamén lle gusta o mundo da historia curta. Xa deixaron un pouquiño atrás os contos infantís (anque nunca haxa idade para abandonalos de todo, non si?) e están nunha época da súas vidas na que buscan un tipo de literatura dedicada a el@s, unha literatura coa que identificarse.

Tamén sabemos que a adolescencia é un momento crítico que marcará os hábitos lectores no resto da vida, e en moitos casos ocorre que a xente nova abandona a lectura por falta de tempo debido ás cargas académicas ou por outros tipos de entretemento. Ese é o motivo de que recomendemos para os rapaces e rapazas unha lectura breve pero intensa, que faga que se enganchen e vexan a lectura como unha forma máis de lecer, que lles faga rir, soñar, pensar e sobre todo, desexar coller outro libro no momento de rematar o anterior.

O mundo da contística está ateigado de nomes de gran sona que escriben as súas historias para un público xuvenil, desde os irmáns Grimm, Guy de Maupassant, Agustín Fernández Paz ou Ramón Caride. E as temáticas son do máis variado, desde a fantasía, pasando polo drama ou a crítica social, anque as historias de medo e intriga son as que máis atraen á xente nova.

Para que vexades que a boa literatura non trata soamente de libros de cincocentas páxinas e que en pouquiñas palabras pódese dicir moito, deixámosvos a guía de lectura para público xuveil que elaboramos. Todos os exemplares que figuran na mesma están dispoñibles na nosa biblioteca, así que non agardedes máis e levádeos en préstamo!

Praza dos libros 2016

Blog

Os días 21, 22, 23 e 24 de xullo celebramos a festa dos libros, da cultura, das letras, da creatividade, da música e do pan, todo nun!

Un novo ano, e desta vez xa van once, celebrouse a Praza dos Libros, unha feira na que librarías, autor@s, escritor@s, músic@s, biblioteca e visitantes puideron desfrutar de catro xornadas ateigadas de actividades creativas, presentacións literarias, concertos, sorteos e moito máis en convivencia coa habitual feira carballesa nun enclave tan significativo como o xardín municipal de Carballo.

0praza_libros

Por suposto, a Biblioteca de Carballo non podía faltar! Estivemos con vós todos estes días, ofrecendo servizos como información, consulta de fondos e catálogo, préstamo, alta de socios… e organizando actividades, como obradoiros artísticos e concursos.

Queredes facer unha retrospectiva de todo o que nos ofreceu a Praza dos Libros? Perfecto, comezamos!

O xoves 21 arrancou a aventura. Xa ás 11 da mañá estabamos preparados para abrir as portas da nosa caseta.

O público infantil desfrutou  da animación a cargo de Anxo Moure na feira coa súa Burroteca e os contos de animais que lles contou a@s nen@s que por alí pasaron.

Ás 12:30 celebrouse o acto de inauguración, no que tomaron a palabra  o alcalde Evencio Ferrero e o concelleiro de Cultura e Deportes Marcos Trigo, para dar paso ao convidado e pregoeiro Xosé Lois “O Carrabouxo”, quen dedicou unhas verbas do máis emotivo a esta feira e á nosa vila, sempre coa retranca que caracteriza a este viñetista que leva máis de 30 anos sacándonos un sorriso. Ademais, dedicou o seu último libro de viñetas “Veña Carrabouxo!” a@s usuari@s da biblioteca, xa que poderedes desfrutar del e levalo en préstamo.

Para pechar tan bonito acto, a Banda de Gaitas de Carballo puxo a guinda do pastel coa súa música tradicional.

A tarde do xoves trouxo de novo a Anxo Moure, pero desta quenda veu co seu “Teatro na mochila”, unha función de contacontos para público infantil moi emocionante e tamén divertida que xiraba entorno ao amor pola natureza e os libros.

A continuación chegou o momento das presentacións literarias, nas que se presentaron a biografía do exfutbolista do R. C. Deportivo da Coruña Donato escrita por Héctor Pose, e na que participaron o autor e o propio Donato. Por suposto, Donato tivo o detalle de dedicarnos un dos exemplares.

Agora mesmo na #prazadoslibros, Héctor Pose e Donato presentando a biografía do ex futbolista do Deportivo da Coruña. Imperdible!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Mentres María Canosa presenta DisParo na carpa da #prazadoslibros , Donato firma copias da súa biografía.

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

A última cita da xornada veu da man da televisiva María Canosa, a escritora que veu presentar a súa última novela, “DisParo”, publicada pola editorial Embora. A verdade é que ten unha pinta estupenda!

13775596_879475828852834_422038907259867414_n

A segunda xornada da feira comezou coa celebración do obradoiro creativo “Todos con Sanxo!”, no que participaron nenos e nenas de máis de 4 anos realizando un retrato feito con plastilina da mascota da Biblioteca Rego da Balsa, o esquío Sanxo. Ademais, Sabela, a nena que fixo o retrato mellor elaborado foi gañadora dun premio sorpresa. A verdade é que o veredicto non foi cousa sinxela, xa que tod@s o fixeron estupendamente, e Sanxo quedou fantásticamente retratado por tod@s e cada un d@s nen@s participantes!

Xa á tarde tivemos unha nova cita coas actividades para nen@s, desta vez con Vaioviravai, un concerto infantil a partir do libro-disco “As andanzas de Paio”. Foi divertidísimo, e aprendemos un lote de cousas sobre animais, as cores ou as estacións do ano. Ademais tivemos a visita do teixugo Paio, que estivo sacando fotos con tod@s @os nen@s que quixeron saudalo!

Na quenda de presentacións literarias, tivemos con nós ao fisterrán Modesto Fraga, co seu libro “Adagio por outono”, unha homenaxe a aqueles poetas italianos que, no século XIII, foron quen de rachar coa tradición e situar á muller no centro da súa lírica, e ao sentimento amoroso no cerne da súa revolución estética e da súa esperanza.

Modesto Fraga

CL23C10F1

Fonte: La Voz de Galicia

A segunda e última presentación do venres foi a de Rosalía Fernández Rial. A poeta carballesa agasallou a tod@s @s presentes cun recital-concerto coa música de Serxio Moreira para presentarnos Contra-acción, o seu último traballo.

Seguimos na #PrazadosLibros con Contra-Acción da #poeta carballesa Rosalía Fernández Rial e coa música de Serxio Moreira… Pasádevos!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Chegando ao ecuador da Praza dos libros, a xornada do sábado 23 comezou con toda a forza, xa que se celebrou unha das sesións do Obradoiro de ilustración a cargo de Mon Lendoiro, da Asociación artística Crea Formas, e organizado pola Biblioteca Rego da Balsa.

A mañá continuou con outro convidado de honra: O físico, profesor e presentador de televisión Jorge Mira, que veu presentarnos “A que altura está o ceo?”, un libro de divulgación científica que comeza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o universo. Ademais, este libro está escrito en colaboración con María Canosa, que nos visitou dous días antes.

Agora mesmo, na #PrazadosLibros, estamos na presentación literaria de ¿A que altura está o ceo?, de Jorge Mira

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Xa á tarde, a rapazada puido gozar de “A música das árbores”, un concerto e animación con Servando Barreiro a partir do libro-disco que leva o mesmo nome. Lembrade que o temos na biblioteca para levar en préstamo!

Desfrutamos co #concerto #infantil "A música das árbores" na #PrazadosLibros, vide que aínda estades a tempo!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Presentando libros tivemos dobre ración: por unha banda, María Lado veu presentar o poemario “oso, mamá,si?”, da editorial Xerais, o carballés Xurxo Chapela falounos do seu último traballo e álbum de recordos “Lémbrome”.

Xurxo Chapela

Para pechar a tardiña do sábado, tivemos a Lucía Aldao e María Lado co seu espectáculo musical, poético e humorístico AldaoLado. Unhas verdadeiras artistas están feitas estas dúas mulleres!

AldaoLado

E no último día non pensedes que houbo pouca cousa… todo o contrario! Foi un día ben especial, xa que durante o domingo, todas as persoas que mercaron un libro foron agasalladas cun pan de Carballo.

E que mellor maneira de acompañar un bo pan de Carballo que cun bo peixe ou marisco? O televisivo cociñeiro Benigno Campos presentou tamén con nós o seu último libro, “Peixes e mariscos. As novas receitas de Benigno Campos”.

00106510903997____1__640x640

E antes de xantar tamén vai de marabilla un vermú, non si? Pois na Praza dos libros tivemos sesión vermú a cargo de Sofía Espiñeira e a súa banda a partir do seu disco “Alá onde agroman as herbas”. Música fresca, con contido e ritmos variados.

A actuación de animación para público infantil veu o domingo da man de Olga Brañas e a súa banda, co concerto a partir do libro-disco Pitusa Semifusa. Encantounos! Como mostra, deixámosvos cun dos videoclips das cancións contidas neste éxito de Sonárbore.

Seguimos cara á tardiña coa presentación dos libros da colección Costa da Morte, de Edicións Embora, formado por: “Reválida de sexto”, de José Antonio Andrade Figueiras; “Coristanco. As súas parroquias”, de Evaristo Domínguez Rial; e “Lembranzas de Malpica”, de Xosé González Reyes. Moi boas lesturas para coñecer mellor a nosa zona xeográfica.

CL25C2F1

Fonte: La Voz de Galicia

 

A última cita do domingo, e para rematar a edición da Praza dos Libros 2016 foi a conversa arredor dos libros “A música dos seres vivos”, “Dende o conflito” e “En vías de extinción”, de María Reimóndez, onde a autora lucense asinou as súas obras. O acto de clausura correu a cargo de Canalé Cafuné, co seu inolvidable concerto.

E como o centro desta marbillosa feira foron os libros, as librarías locais e da zona estiveron presentes nas súas casetas para facer venta de todos estes títulos presentados e moitos máis. E por iso podemos estar tranquil@s, xa que a Praza dos Libros ten máis que asegurada a súa continuidade en edicións vindeiras porque, según os comerciantes, «as vendas mantéñense, o cal non está nada mal para ser uns días de sol, calor e praia» (Fonte: A Voz de Galicia). Querendo incentivar a compra de libros durante a feira, ademais do 10% de desconto en cada produto comprado, cada persoa recibiu un boleto de participación no sorteo dun lote de libros. Ao final de cada xornada facíase o sorteo, e estes foron os números premiados:

Para rematar, agradecervos a todas as persoas que vos achegastes a esta festa da cultura e a tod@s os que participastes  e colaborastes dalgún xeito na mesma.

O ano que vén voltaremos con máis azos!

Os nosos futuros #lectores tamén se pasan polo posto da #biblioteca na #PrazadosLibros!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Agustín Fernández Paz: guía de lectura

Blog,Recomendamos

agustin_guia_rrss

Nace en Vilalba (Lugo), en 1947. É licenciado en Ciencias da Educación. Exerceu como mestre en diferentes centros escolares. Ademais do seu labor docente, traballou duramente pola renovación pedagóxica no ensino: foi membro do Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa e Coordinador Docente de Galego. Aínda que é coñecido principalmente pola súa faceta literaria, é tamén autor de numerosos traballos sobre pedagoxía, referidos principalmente á normalización lingüística do galego na escola, traballos que foi publicando en diferentes revistas especializadas. A súa obra foi traducida a varios idiomas.

FERNANDEZPAZ

Os libros de Agustín Fernández Paz obtiveron numerosos premios, tanto de ámbito galego como español (Lazarillo, Edebé Xuvenil, Barco de Vapor, Merlín, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas). Foi recoñecido dúas veces como o mellor autor do ano (en 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia; en 2007, pola Asociación Galega de Editores). Tamén obtivo en tres ocasións o premio ao mellor libro infantil do ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro “O único que queda é o amor” obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Cultura de España.

No ámbito internacional destacan os seus catro nomeamentos ao Astrid Lindgren Memorial Award (en 2008, 2009, 2010 e 2013). “O único que queda é o amor” foi incluído na IBBY Honour List en 2010, como ocorreu tamén con “Contos por palabras” en 1992 e con “Aire negro” en 2002. Esta última novela, “Aire negro”, foi incluída tamén no Catálogo White Ravens da International Youth Library de Munich en 2001, un recoñecemento que tamén mereceu “O meu nome é Skywalker” en 2004.

Contos por palabras foi considerado como un dos once títulos esenciais da LIJ española do século XX por un panel de expertos durante o primeiro Congreso de Lingua e Literatura para nenos e novos, celebrado en Santiago de Chile en 2010.

No ano 2011, outorgóuselle en Guadalaxara (México) o VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil, en recoñecemento á súa traxectoria literaria. E OEPLI acordou designalo como candidato español ao Premio Andersen 2012.

En xaneiro de 2013, foi investido como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Os seus libros son moi apreciados polos lectores infantís e xuvenís e todos eles coñecen numerosas edicións. Algúns, como “Cartas de inverno”, “Trece anos de Branca”  ou “As fadas verdes” superaron a fronteira dos cen mil exemplares vendidos.

Tedes dispoñible na biblioteca un recuncho dedicado a Agustín no que poderedes atopar todas as súas obras dispoñibles:

rincon_agustin

Descargádevos ou mirade en liña a guía de lectura de Agustín Fernández Paz da Biblioteca Rego da Balsa a través da nosa plataforma Issu e comprobade a dispoñibilidade a través do noso catálogo no Portal Meiga.