fruits that you need to try

FAINO TI MESMO: INTRODUCIÓN AO FOLDED BOOK ART

Actividades,Blog

Hoxe dedicamos o blog a un pasatempo en auxe, o Bookfolding. Non sabes o que é? Pois atent@, porque xa tes unha opción de lecer para os días de choiva que se aveciñan.

QUE É A TÉCNICA DENOMINADA “BOOKFOLDING”?

O Bookfolding ou Folded Book Art é a técnica de realizar figuras tridimensionais mediante o dobrado das follas dun libro. É unha forma divertida de reutilizar libros antigos e darlles outra finalidade converténdoos en obras de arte.

Esta figura tridimensional faise simplemente dobrando os dous cantos de cada páxina. Non é necesario ningún corte, pegado, ou material especial.

Podes elaborar desde as máis sinxelas e minimalistas figuras ata palabras, números ou incluso formas.

Materiais necesarios
  • Un libro axeitado. Recomendacións para elixir o mellor libro para o teu proxecto:
    • Asegúrate de que sexa firme, con tapa dura (preferible pero non imprescindible) e cunha columna sólida, que non teña páxinas caendo…
    • Asegúrate de que as follas non sexan moi finas.
    • Asegúrate de que ten suficientes follas. OLLO!!! O número de follas dun libro non se corresponde co número de páxinas. O número de follas será a metade do número de páxinas. Nós buscaremos un libro de 300 a 400 follas aproximadamente, ou sexa, un libro dunhas 600-800 páxinas.
    • Os libros con páxinas amareladas, bordos dourados ou de cores e incluso ilustracións poden engadir valor á aparencia da peza final.
Este libro ten 638 páxinas, pero nós computamos en follas, así que tería 319 follas.

IMG_20150903_132437

  • Procura non empregar libros valiosos. En rastros ou tendas de segunda man poderás atopar libros en venta a moi bos prezos. Pregunta na biblioteca se nos desfacemos dalgún libro e o podedes levar da sección “Liberamos”!
  • Unha regra que mida centímetros e milímetros.
  • Lapis ou bolígrafo.
  • Unha goma elástica.
  • Para realizar un modelo a medida (xa nun nivel máis avanzado da técnica) precisaremos ademais un ordenador co programa Adobe Photoshop e unha impresora.
Pasos e consellos a seguir para realizar unha figura sinxela

Cada persoa ten o seu método para esta técnica. En Internet poderás ver diferentes tutoriais, e probablemente ningún será igual ca o anterior. Nós tamén temos o noso, que é o que nos parece máis sinxelo 🙂

Elixe a figura que queres acadar. As formas xeométricas para comezar son as máis sinxelas, xa que haberá que seguir un mesmo patrón ao longo de todo o libro, dobrando as follas sempre ás mesmas alturas. Soamente con marcar os puntos de dobrez antes de comezar será suficiente.

Segundo a forma que se queira conseguir teremos que dobrar as follas en diferentes puntos. Por exemplo, se buscamos un diamante, dobraremos as dúas esquinas de maneira que conflúan nun mesmo punto, que marcaremos medindo coa regra e facendo un trazo ao longo do bordo vertical para seguir como guía; se buscamos un cilindro farase só unha dobrez paralela ao bordo da folla…

Fig. 1.- Exemplo de cómo marcar o punto de referencia para elaborar un diamante

IMG_20150902_130235

Establecer un punto de referencia pola parte de enriba e pola parte de abaixo (dous bordos horizontais) do libro (por exemplo, a 3 cm. do lombo) para non dobrar desde o “nacemento” da folla. Esa distancia variará dependendo tamén cal é a forma final desexada.

Fig. 2.- Exemplo de cómo marcar o punto de partida das dobreces

IMG_20150902_125128IMG_20150902_125212IMG_20150902_125151

Axúdate dunha goma elástica para ir  recollendo as follas que xa tes feitas para que non che molesten.

Fig.3.-  Goma elástica para facilitar o traballo

IMG_20150902_130740

É moi importante ter claro que por cada folla só se poden facer unha ou dúas dobreces, polo que se na nosa figura hai diferentes alturas, deberemos intercalalas para que queden unha cunha forma e outra coa outra. Cando se xunten a follas non se distinguirá que cada una vai dobrada dunha maneira e verase coma un todo uniforme.

Fig. 4.- Exemplo de figura con dous tipos de dobreces

3728069172_b731302389_b

É importante tamén ser consistente coas medidas, polo que precisaremos medir ben os nosos puntos de dobrez co fin de que non quede irregular.

Á hora de realizar a dobrez pódeste axudar coa mesma regra para que quede recta e o papel ben dobrado.

Fig 5.- Utiliza a regra para axudarte

IMG_20150902_175214 IMG_20150902_175230

Aplicacións

Podes expoñer as túas creacións como elementos decorativos de todo tipo: colócaas nunha balda, ponas na parede coma se foran un cadro, cólgaas do teito a modo de móbil ou faille un agasallo a alguén moi especial nunha data sinalada. Quedarás de marabilla!

9211582701_dbc1685443_b2087327264_3f30a736a0_o

Inspírate!

E para que te inspires e tomes ideas, convidámoste a que visites o noso taboleiro en Pinterest dedicado a esta técnica, onde verás marabillosas composicións que che farán querer estrearte e facer as túas propias obras de arte!

Tamén para que collas ideas e vexas como se fai na práctica, entra na nosa canle de Youtube e visita a lista de reprodución Folded Book Art, onde atoparás tutoriais en vídeo para que te fagas unha idea (a maioría están en inglés, pero son orientativos, o importante é que te fixes en como se desenvolven). Deixamos enlazados algún deles para que vaias abrindo boca e perdas o medo a comezar. Verás o sinxelo que pode ser!

Colgante decorativo con forma de diamante
A casiña das fadas
Podes incluso decorala!
Decora a túa casa cun adorno fantástico para Nadal
Ou bótalle imaxinación e modifícao para facer unha verdadeira escultura

A que o Folded Book Art é unha técnica ben orixinal cuns resultados chamativos e vistosos?

Pois anímate, ármate de paciencia e desfruta elaborando estas obras artísticas tan bonitas. Resulta un proceso moi relaxante e entretido!

E en canto vaias collendo algo de práctica podes ir aumentando a dificultade e facendo formas de animais, letras ou incluso palabras. Paréceche difícil? Non é tanto. Próximamente no blog darémosvos unhas pautas para que vós mesm@s elaboredes as vosas plantillas e fagades uns proxectos incribles.

Polo momento xa tes por onde empezar, así que ponte e comparte con nós as túas creacións!

abril e maio

Abril e Maio: Libros, Letras e ACTIVIDADES!

#ABiblioPréstame,Actividades,Blog

Como ben sabedes, estamos chegando ao fin do mes de maio, e queremos mirar atrás e recordar todas as actividades que tiveron lugar na #biblioteca nestes dous meses tan especiais. Por que tan especiais?

Pois para comezar, abril foi o #MesdoLibro, e veu cargadiño de cousas que ofrecer na biblioteca!

Tivemos espectáculos e contacontos para @s máis pequen@s, como a nova entrega no noso programa mensual “Pais e nais… Contan!”, que veu da man de Raquel Varela, ou “Comechíns”, o contacontos más divertido contado por Alba Bermúdez, da compañía Triatreros.

20150430_180701 2

Pero para a rapazada houbo aínda máis cousas: O “cadáver exquisito” foi un dos obradoiros máis interesantes dos que puideron desfrutar. Como? Que non sabedes que é iso do cadáver exquisito? Pois aquí tedes explicada toda a dinámica da actividade. Tomade nota e facédeo tamén en casa!

Untitled InfographicCollage

Ademais, o #DíadoLibro sacaron tódalas súas habilidades e creatividade para crear verdadeiras obras de arte en forma de marcapáxinas! Non o credes? Pois si, amig@s, @s nos@s artistas particulares eleboraron os seus propios marcapáxinas mediante a técnica de scrapbooking. Deixámosvos só unha mostra das súas creacións

Marca o teu libro 11189722_1606614682958695_509648687_n

Nesa mesma semana, a biblioteca organizou un concurso fotográfico, no que os participantes debían compartir nas redes sociais unha foto cun material da biblioteca que exemplificara o seu estado de ánimo, o seu libro favorito, ou incluso co que máis identificad@s se sentiran.

A gañadora dun fantástico lote de libros foi Zaira, unha usuaria da biblioteca que participou con dúas fotos inspiradoras e orixinais que a fixeron merecedora do premio.

concurso_biblionamorame#ABiblioPréstame

Para os adultos tivemos unha mesa redonda na que se facía un balance e retrospectiva dos 35 anos de autonomía en termos de Lingua e Cultura.

11156201_893993940639761_7706980093183130765_n

Tamén houbo un lugar preferente para o Deporte, xa que o día 30 presentouse o III Día do Pequebasket Galego, onde tamén se lles ofreceu a@s cativ@s un espectáculo de música e contos.

Xa no mes de maio tivemos actividades para o público infantil, con outra cita de “Pais e Nais… Contan!”, da man de Noelia Pérez e Ainhoa García, cun novo contacontos do programa “A Biblio Conta” onde tivemos a visitia de Don Ramón o bibliotecario e Frederick, e tamén co espectáculo da compañía TrinkeTrinke “Aventuras na cociña”, que foi un absoluto éxito. Pasárono en grande @s nos@s cativ@s!

featuringSin títulocollage

Xa estamos no mes das #LetrasGalegas, así que por suposto tiñamos que ofrecervos unha programación especial, non si?

No blog tedes un post que preparamos para o gran día, no que rendemos homenaxe a Xosé Fernando Filgueira Valverde e aos ilustres escritores en galego que levan engrandecendo a nosa lingua mediante os seus escritos.

Para falar de lingua tivemos como convidado especial ao científico máis televisivo da nosa terra, Jorge Mira, que reflexionou sobre o futuro da mesma. Tamén proxectamos o documental “Carballo opina sobre a Lingua” e presentamos unha nova canle, Irmandade TV, que comezou as súas emisións cun maratón televisivo e radiofónico de 12 horas onde a única protagonista foi a lingua galega.

Cartel_Faladoiro_Carballo_Jorge-Mira_7-5-15 55558a0c90299-ce5tv1mw0aaywe6

Os días do 11 ao 15 de maio celebramos a Semana do Libro e a Lectura, e na súa X edición escolleuse como lema “Da Ciencia á Ficción”, por elo na niblioteca fixemos un recuncho dedicado ás temáticas científica e literaria traballando en común ao longo da historia.

CARTAZbaixa collage_semana_ciencia_libro

E se pensabades que xa non podía haber máis cousas que facer en dous meses… estabades moi equivocados!

Porque a maiores da programación inicial, engadimos a presentación do documental reivindicativo OlygopolyOFF, que pretende acadar unha revolución cidadá que se enfronte ás grandes compañías enerxéticas.

proxecto_cartaz_galiza-carballo_media

E por último, pero non menos importante, tivemos a actuación estelar de Pablo Díaz na ludoteca!. Un #cantacontos para bebés que forma parte do movemento “Apego”, un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. Este programa foi tamén presentado na biblioteca Rego da Balsa e vai ser un exitazo!

Cartel_Cantacontos-Pablo-Diaz-Ludo-21-5-1511325178_899388173451648_557920421_n

Buff…!!! Pero que cantidade de actividades tivemos estes dous meses na biblioteca! De tódolos tipos e para tódolos públicos!

Queredes saber cales son as próximas? Pois seguídenos en tódalas redes sociais e non perderedes nin a primeira!

Continuará… 😉

#ABiblioPréstame máis que nunca!

Actividades,Blog

En maio e abril actividades mil e… de balde! Ofrecémosvos nestes meses outra tanda de opcións para o voso tempo de lecer: proxeccións cinematográficas con fondo (do Fondo Galego de Solidariedade); manualidades e exercicios creativos para liberar a vosa imaxinación; contacontos de Pais e Nais e da Biblioteca… e algunha cousiña máis que podedes ver no cartel primaveral que vos deixamos a continuación.

Cartel-BiblioCarballo-abril-maio-2015

Lembrade que existen actividades que precisan de inscrición previa; polo que para poder participar nelas teredes que poñervos en contacto co persoal da Biblioteca Rego da Balsa a través do teléfono: 981 758 580; ou ben no correo electrónico: biblioteca@carballo.org

Ven e participa! #ABiblioPréstame!