NOVIDADES NA LUDOTECA!

Blog,Cousas da Ludo,Infantil,Ludoteca

En setembro mudamos o funcionamento da Ludoteca Municipal co fin de poder ofertar un servizo de máis calidade para as familias que acoden a ela.

Deste xeito, comezarán a realizarse actividades programadas para goce d@s máis pequen@s da casa, nas que se fomentarán valores como a tolerancia e o respecto á diversidade, o compañeirismo, o coidado do medio, etc. e tamén se traballarán destrezas nalgunhas propostas, como a motricidade fina, para ofrecer un soporte de aprendizaxe dinámico fóra da educación formal.

Para conseguir un óptimo funcionamento e realización destas propostas é preciso realizar unha preinscrición d@s nen@s que asistirán a cada unha das actividades programadas da Ludoteca, xa que existe un número de prazas limitado. A forma de realizar esta inscrición será presencialmente no mostrador da Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un e-mail a biblioteca@carballo.gal.

Deste xeito, a actividade semanal da ludoteca será a seguinte:

· Luns, mércores e venres: a ludoteca abrirá no horario habitual, sen límite de idade e cun aforo limitado de 15 nen@s coas súas familias.

· Martes e xoves: a ludoteca abrirá as súas portas para realizar as actividades guiadas programadas cos cativos de 3 a 8 anos preinscritos no horario establecido para as mesmas.

Puntualmente, tamén ofertaremos actividades con inscrición para nen@s menores de 3 anos, recollidas dentro do programa Apego, das que vos iremos informando proximamente.

Pouco a pouco irémosvos contando todas as propostas lúdicas que vos ofreceremos nos vindeiros meses, pero queremos sorprendervos, así que non deixedes de informarvos a través das nosas redes (facebook, twitter, instagram…) para coñecelas e solicitar a praza a tempo! Agardámosvos!

Advertisements

Xornadas Guerrilleiras! 

Actividades,Blog

Chega á Biblioteca Rego da Balsa o mes máis guerrilleiro, e con el presentámosvos un programa completo de actividades moi interesantes para todos os públicos. Este mes queremos conmemorar o Día Internacional da Muller dun xeito significativo. Faladoiros, obradoiros e exposicións son algunhas das actividades que vos ofreceremos este mes.

Faladoiro: o día 8 de marzo, celebrarase o Faladoiro coas Guerrilleiras, un encontro de intercambio de ideas e experiencias, que terá como convidadas a Tenente de Alcalde Milagres Lantes, a poeta Rosalía Fernandez Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez. Falaremos de temas como a loita pola igualdade social de homes e mulleres, a reivindicación da figura da muller traballadora en todos os ámbitos e décadas e a loita contra a violencia de xénero. Afondaremos na importancia do feminismo, da igualdade, así como a temática da muller na literatura e na actualidade.

Exposicións: durante todo o mes de marzo poderedes visitar unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, chamada “A muller a través da arte”.

En relación con esta iniciativa, queremos destacar 365 mujeres ilustradas, un proxecto no que ilustradoras de todo o mundo colaboran retratando os 365 días do ano a mulleres que deixaron aportes destacados na humanidade. Agora, anque todas as referentes xa están seleccionadas, as 365 para todo o ano, séguense sumando ilustradoras de todo o mundo para realizar os seus retratos. Se queres participar nesta iniciativa infórmate aquí: https://unpastiche.org/…/365-mujeres-ilustradas-proyecto-v…/

Obradoiros: @s pequen@s da casa poderán participar nun obradoiro no que se inspirarán nas figuras femininas máis destacadas para realizar debuxos, aprendendo ao mesmo tempo a importancia de mulleres coma Rosalía de Castro. Tamén contaremos cun obradoiro, impartido por Alexandra Martínez, no cal se realizará un mural sobre a muller. Unha oportunidade para descubrir a vosa faceta artística coa axuda dunha profesional, e deixarnos a vosa pegada guerrilleira! Lembrade que ambas actividades teñen límite de prazas e que é necesario estar inscrito para poder participar. Ademais, os alumnos dos institutos participarán  no obradoiro “Sen Diferenzas”, no que poderán reflexionar sobre a influencia dos estereotipos á hora de decantarse por unha profesión ou outra. O alumnado dos colexios é o destinatario dos talleres “Igualando Carballo” e do concurso “A historia das mulleres de Carballo”, no que se lle convidará a investigar sobre a traxectoria de destacadas carballesas.

Información: a Cruz Vermella tamén se sumará a este programa co estand informativo que colocará na biblioteca o vindeiro martes.

Contacontos: as ratiñas de lonxedetodo, Carolina e Lilí Gruyére visitaránnos na biblioteca para contar aos mais pequen@s contos moi interesantes e divertidos.

Comezamos marzo con moita forza e queremos que nos acompañedes nas nosas xornadas guerrilleiras ! Agardámosvos!

guerrilleiras

 

En inverno descubrimos a CARA B

Actividades,Blog

Comezamos a semana presentando as actividades que vos imos presentar nos meses de febreiro e marzo na Biboioteca Rego da Balsa.

Este inverno queremos descubrir a cara B da cultura con actividades que destacan e difunden a labor de xéneros, artistas, creador@s, e ademais incentivar o debate sobre certos temas de gran interese e importancia, como o da muller e o concepto de igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade

cartaz-puntob

Por iso, ata finais de marzo prestaremos unha atención especial á figura da muller e a resaltar o seu papel nos ámbitos da cultura a ciencia e no progreso da sociedade en xeral. A muller será a protagonista das Xornadas Guerrilleiras, que se desenvolverán do 6 ao 11 de marzo, e que converterán a Biblio Rego da Balsa nun laboratorio de ideas, propostas e actividades feitas por mulleres pero que queren converterse nun reclamo tanto para mulleres coma para homes. A exposición colectiva “A muller a través da arte”, con obras de Alejandra Matínez, Laura Tova, Lara Pintos e Julia Aguiar; o obradoiro “Debuxando en igualdade”, o Faladoiro coas Guerrilleiras e un obradoiro de mural feminino son algunhas das propostas que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día da Muller.

Ademais, como buscamos coñecer a cara B en todos os aspectos, non podía faltar a da música, a aposta alternativa, que volverá a encher o noso auditorio cunha nova edición do Curruncho Pop, que arranca no inverno pero se prolongará durante a primavera. Nesta segunda edición contaremos con artistas coma Javier Colis e Psychofonía, o sábado 4 de marzo, e Víctor Coyote, o 18. Os convites estarán dispoñibles ao longo de toda a semana anterior e as reservas poden facerse, de balde, na biblioteca.

Contacontos, obradoiros, presentacións literarias, faladoiros, proxeccións e recitais completan a programación de inverno, na que continúan tamén o club de lectura, o club de lectura en francés en colaboración coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdain e a campaña #puntoB, a través das redes sociais, que xa vos presentamos na anterior entrada de blogue, e na que vos continuamos animando a participar.

Nadal 2016

Actividades,Blog

Xa estamos en decembro, quentando motores para as festas máis familiares e entrañables do ano: o Nadal!

Achéganse as cenas de traballo, o reencontros coas amizades que viven lonxe, as comidas suculentas ao redor dos nosos seres queridos, as panxoliñas, os agasallos e as caras de sorpresa e ilusión d@s máis pequen@s. As tradicións de toda a vida fan que o Nadal sexa unha época do ano para compartir e desfrutar ao máximo.

Na biblioteca tamén festexamos estas datas, e por iso temos preparado para vós un menú de actividades para Nadal que vai facer que o desfrutades aínda máis!

CARTAZ NADAL.png

Teremos os nosos habituais faladoiros, pero con temáticas propias das datas de Nadal, como o faladoiro a cargo de Galileo Nenos,  unha compañía dedicada á fabricación de xoguetes e xogos tradicionais para público de todas as idades,  que nos contarán todo o que hai que saber sobre a tradición galega no eido dos xogos e xoguetes, farannos unha demostración do que fan e deixarannos probar os seus produtos. Tamén teremos á Fundación Amigos de Galicia, quen nos contarán todo o traballo solidario que fan recopilando tapóns de plástico para recadar fondos en axuda de nenos e nenas que o precisan, e coñeceremos varios casos aos que atenden desinteresadamente.

Tampouco poden faltar as presentacións literarias,  nas que teremos con nós a Mónica Noya, presentando  Ex Vita Vite, un libro ben especial con documental incluído que fai un percorrido polo mundo do viño en Galicia. Abofé que en Nadal non debe faltar o bo viño! Outro convidado para presentar a súa obra literaria é Luís Pirucha, autor de Sanxenxo que nos visitará para darnos a coñecer a súa traxectoria, da que xa contamos con tres libros que mesturan relato, pintura e poesía. Ben interesante para agasallar!

Continuamos por suposto con actividades para a rapazada. Como sabemos que @s nen@s son @s grandes protagonistas deste época do ano, teremos para el@s contacontos, obradoiros de manualidades e música, xa que estarán con nós @s amig@s de Geriatros Carballo tocando coa pandeireta panxoliñas que deleitarán e emocionarán a todo o mundo, sexa cal sexa a súa idade. Non hai lugar para o aburrimento!

E ademais de todo isto, os compañeiros da asociación Senda Nova coa colaboración das escolas de Carballo e Coristanco prepararon unha exposición moi especial dedicada a unha figura máxica indispensable no Nadal galego: o Apalpador. “O Apalpador imaxinado” inclúe unha colección de láminas elaboradas polo alumnado destas escolas, nas que retratan ao Apalpador. O propio homenaxeado aceptou o noso convite para vir inaugarar a exposición, así que nos esquezades, o día 13 de decembro á tarde estreamos exposición co mesmísimo Apalpador, que virá saudar ademais a todos os nenos e nenas que veñan por aquí e queiran pedirlle algún agasallo especial para Noiteboa a tan ilustre convidado!

Pois nada máis que queda felicitarvos as festas e desexarvos un Nadal estupendo e un comezo de ano aínda mellor, pero sempre… na biblioteca!

FELICES FESTAS!

Outono NON-STOP

Actividades,Blog

Entramos na recta final de 2016, pero non pensedes que a chuvia, o frío e as nubes van conseguir que na biblioteca paremos o ritmo, moi ao contrario!

Os meses de outubro, novembro e decembro veñen ateigadiños de cousas que facer, aprender e gozar na biblioteca. Voltarán os faladoiros, as presentacións literarias, os obradoiros, exposicións e proxeccións. Voltarán os contacontos, as visitas escolares e a música… en definitiva, volverá todo iso que fai que a vosa biblioteca sexa un referente cultural na comarca e parte do estranxeiro! 😀

Contaremos coas actividades clásicas da biblioteca, que sabemos que son un éxito asegurado:

Faladoiros, que versarán estes meses sobre temas tan diversos como artesanía  e reciclaxe, tradición cultural e musical galega ou literatura erótica.

arume

Presentacións literarias a cargo de diferentes escritor@s da nosa contorna, como Paco Souto, Susana Sánchez ou Jesús Huertas.

presentacion-y-ahora-vendemos

Proxeccións de temas de interese, como o da memoria histórica ou os desfiuzamentos.

Proxección unha muller que pasa e silencio.png

Obradoiros: Artísticos, coa colaboración da Asociación Crea Formas, que estará dirixido a xente nova, e tamén de contacontos para maiores. Tamén celebraremos Samaín e o Día das Bibliotecas cos seus respectivos obradoiros, que farán as delicias d@s máis pequen@s. Ademais, un novo ano colaboramos co FIOT acollendo o seu obradoiro “Pequepresentadores”, no que a rapazada poderá saber como é o traballo dos xornalistas.

anuncio-obradoiroOBRADOIRO SAMAIN.png

Contacontos: En novembro voltarán os nosos amigos máis divertidos e listos de Lonxedetodo para contarnos todas as aventuras que viviron estes meses sen vernos, tanto nas visitas escolares como nas sesións dos mércores, que seguirán sendo dobres e cada dúas semanas. Xa sabedes que requiren que recollades o convite a semana antes na biblioteca. Ademais, virán tamén nos visitarán as nosas amigas da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain para ofrecernos “Raconte-moi une histoire: contos enfrancés con sabor a outono”, no que como ben indica o seu título, nos deleitarán con preciosas historias de temática de outono na lingua gala. Estes encontros con diferentes linguas encántanlles a@s cativ@s! E como non, que sería un Samaín sen algunha historia arrepiante? Na biblioteca poderedes festexar esta festa tradicional da man de A Trastenda dos Contos e o seu espectáculo “Contos de medo que deixan durmir”, un paseo pola nosa tradición mística cheo de sorpresas. Non dubidedes en informarvos na biblioteca para poder conseguir o voso sitio!

contos de medo que deixan durmir.png

Pois isto non é todo, xa que ademais das actividades habituais da biblioteca teremos novidades que non podedes perder, como por exemplo o novo ciclo de contacontos “Avoas e avós contan”, no que os avós e avoas máis intrépidos, visitarannos para contarnos as súas historias, as que lles contaban a el@s de pequen@s ou mesmo as que inventan el@s mesm@s. Porque xa sabemos que as persoas maiores gardan moitas sorpresas que están desexando ser redescobertas polas novas xeracións!

avoas e avós contan.png

Sabedes que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e ademais celebramos o noso segundo aniversario? Pois ese día non podedes faltar, xa que teremos preparada para vós una exposición fotográfica dos mellores momentos destes dous anos de vida, e os rapaces e rapazas poderán facer de médicos dos nosos libros máis enfermiños no obradoiro “Hospital de Libros”.

En novembro comprácenos anunciar unha xornada chea de actividades encamiñadas a conectar co noso interior, coa nosa parte máis espiritual, para acadar o noso benestar e autocoñecemento. Esta xornada chamarase “Mañá consciente”, e abarcará experiencias de ioga para toda a familia, obradoiros de percusión consciente e poesía e un concerto de mantras. Apuntádeo na axenda, será o sábado 12 de novembro. Non tedes escusa para non vir!

MañáConsciente.png

Si, si, sabemos que é moita información, é unha oferta de lecer moi extensa, polo que vos deixamos o cartaz ao voso dispor para que o poidades consultar sempre que o precisedes ou incluso descargalo, parécevos?

Comezade o outono con tanta forza coma nós!

 

Setembro: un mes de novidades e sorpresas para tod@s

Actividades,Blog

Comezamos o curso académico con grandes sorpresas e cambios que farán que a vosa experiencia na biblioteca sexa máis intensa, máis proveitosa e máis divertida, que cheguedes ás vosas casas tras a vosa visita habitual pensando en volver ao día seguinte con moitísima ilusión e ganas por descubrir todo o que vos ofrecemos. Queremos que pasedes as xornadas con nós, rodead@s de libros, de historias, de películas, de música, de recursos informáticos, de faladoiros e das vosas familias e amigos, porque a biblioteca é un espazo onde desfrutar do mellor da vida!

8.png

Para comezar, desde o día 1 a biblioteca abre as súas portas en horario ininterrompido, de 10:30 a 20:30, de luns a venres. Os sábados continuamos con horario de mañá, de 10:00 a 13:00. Deste xeito, o horario de apertura da biblioteca viuse incrementado en 15 horas semanais! Non é estupendo?

marketing.png

Continuando, o día 8 de setembro quedaron ao voso dispor as instalacións da pranta superior da biblio, polo que tedes un amplísimo espazo multifunción para estudar, relaxarvos, ler, traballar, navegar pola rede ou escoitar música cos vosos auriculares. Ademais, agora teredes as seccións de Banda Deseñada Xuvenil, Banda Deseñada Adultos e Obras de Referencia nesa pranta. Dende logo, que mellor maneira de acompañar o noso mural sobre o cómic que a nosa colección de tebeos, cómics, banda deseñada e manga para a rapazada e os adultos? Nela atoparedes verdadeiros tesouros. Non os perdades!

E por suposto, non poden faltar as actividades! En setembro aínda quedan moitas cousas que ver, sentir, aprender e reflexionar, xa que nos vindeiros días agárdannos as seguintes citas:

xoves 22, ás 20:00 h, teremos a cita máis solidaria do mes, un faladoiro coa Cruz Vermella no noso auditorio, no que poderemos coñecer os proxectos desta entidade na nosa vila e informarnos de todas aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma: como é o funcionamento interno, que temos que facer se queremos ser voluntari@s… O fabuloso equipo desta organización estará dispoñible para nós ese día, aproveitade!

faladoiro-cruz-vermella

Para o público máis musical, o venres 23, ás 19:30 h, voltaremos atrás no tempo coa presentación “Derribos Arias. Licencia para aberrar”, de Carlos Rego, na que faremos percorrido pola historia dunha das bandas máis innovadoras do panorama musical dos oitenta. Unha oportunidade para que o público xuvenil coñeza máis sobre a nosa música e outra para que @s adult@s poidamos rememorala.

presentacion-derribos-arias

proxección da curtametraxe “E boteime a andar”, de Pablo Lomba, o xoves 29 ás 19:00 h, será a encargada de pechar as actividades deste mes. Un documental moi interesante cargado de morriña, no que diferentes persoas nos contarán a súa experiencia sobre a emigración galega, unha situación que se volve a repetir na nosa época. Este filme, gañador do premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, ten moito que ensinarnos, non perdades a oportunidade de velo!

e-boteime-a-andar

Tamén vos lembramos que @s compañeir@s do Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continúan cos seus “Sábados de Literatura Francófona”, un club de lectura sobre o que podedes indagar máis poñéndovos en contacto coa mesma asociación.

Xa sabedes a que citas ides acudir? Aquí vos agardamos, porque co comezo do curso, nós tamén nos activamos!

Praza dos libros 2016

Blog

Os días 21, 22, 23 e 24 de xullo celebramos a festa dos libros, da cultura, das letras, da creatividade, da música e do pan, todo nun!

Un novo ano, e desta vez xa van once, celebrouse a Praza dos Libros, unha feira na que librarías, autor@s, escritor@s, músic@s, biblioteca e visitantes puideron desfrutar de catro xornadas ateigadas de actividades creativas, presentacións literarias, concertos, sorteos e moito máis en convivencia coa habitual feira carballesa nun enclave tan significativo como o xardín municipal de Carballo.

0praza_libros

Por suposto, a Biblioteca de Carballo non podía faltar! Estivemos con vós todos estes días, ofrecendo servizos como información, consulta de fondos e catálogo, préstamo, alta de socios… e organizando actividades, como obradoiros artísticos e concursos.

Queredes facer unha retrospectiva de todo o que nos ofreceu a Praza dos Libros? Perfecto, comezamos!

O xoves 21 arrancou a aventura. Xa ás 11 da mañá estabamos preparados para abrir as portas da nosa caseta.

O público infantil desfrutou  da animación a cargo de Anxo Moure na feira coa súa Burroteca e os contos de animais que lles contou a@s nen@s que por alí pasaron.

Ás 12:30 celebrouse o acto de inauguración, no que tomaron a palabra  o alcalde Evencio Ferrero e o concelleiro de Cultura e Deportes Marcos Trigo, para dar paso ao convidado e pregoeiro Xosé Lois “O Carrabouxo”, quen dedicou unhas verbas do máis emotivo a esta feira e á nosa vila, sempre coa retranca que caracteriza a este viñetista que leva máis de 30 anos sacándonos un sorriso. Ademais, dedicou o seu último libro de viñetas “Veña Carrabouxo!” a@s usuari@s da biblioteca, xa que poderedes desfrutar del e levalo en préstamo.

Para pechar tan bonito acto, a Banda de Gaitas de Carballo puxo a guinda do pastel coa súa música tradicional.

A tarde do xoves trouxo de novo a Anxo Moure, pero desta quenda veu co seu “Teatro na mochila”, unha función de contacontos para público infantil moi emocionante e tamén divertida que xiraba entorno ao amor pola natureza e os libros.

A continuación chegou o momento das presentacións literarias, nas que se presentaron a biografía do exfutbolista do R. C. Deportivo da Coruña Donato escrita por Héctor Pose, e na que participaron o autor e o propio Donato. Por suposto, Donato tivo o detalle de dedicarnos un dos exemplares.

Agora mesmo na #prazadoslibros, Héctor Pose e Donato presentando a biografía do ex futbolista do Deportivo da Coruña. Imperdible!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Mentres María Canosa presenta DisParo na carpa da #prazadoslibros , Donato firma copias da súa biografía.

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

A última cita da xornada veu da man da televisiva María Canosa, a escritora que veu presentar a súa última novela, “DisParo”, publicada pola editorial Embora. A verdade é que ten unha pinta estupenda!

13775596_879475828852834_422038907259867414_n

A segunda xornada da feira comezou coa celebración do obradoiro creativo “Todos con Sanxo!”, no que participaron nenos e nenas de máis de 4 anos realizando un retrato feito con plastilina da mascota da Biblioteca Rego da Balsa, o esquío Sanxo. Ademais, Sabela, a nena que fixo o retrato mellor elaborado foi gañadora dun premio sorpresa. A verdade é que o veredicto non foi cousa sinxela, xa que tod@s o fixeron estupendamente, e Sanxo quedou fantásticamente retratado por tod@s e cada un d@s nen@s participantes!

Xa á tarde tivemos unha nova cita coas actividades para nen@s, desta vez con Vaioviravai, un concerto infantil a partir do libro-disco “As andanzas de Paio”. Foi divertidísimo, e aprendemos un lote de cousas sobre animais, as cores ou as estacións do ano. Ademais tivemos a visita do teixugo Paio, que estivo sacando fotos con tod@s @os nen@s que quixeron saudalo!

Na quenda de presentacións literarias, tivemos con nós ao fisterrán Modesto Fraga, co seu libro “Adagio por outono”, unha homenaxe a aqueles poetas italianos que, no século XIII, foron quen de rachar coa tradición e situar á muller no centro da súa lírica, e ao sentimento amoroso no cerne da súa revolución estética e da súa esperanza.

Modesto Fraga

CL23C10F1

Fonte: La Voz de Galicia

A segunda e última presentación do venres foi a de Rosalía Fernández Rial. A poeta carballesa agasallou a tod@s @s presentes cun recital-concerto coa música de Serxio Moreira para presentarnos Contra-acción, o seu último traballo.

Seguimos na #PrazadosLibros con Contra-Acción da #poeta carballesa Rosalía Fernández Rial e coa música de Serxio Moreira… Pasádevos!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Chegando ao ecuador da Praza dos libros, a xornada do sábado 23 comezou con toda a forza, xa que se celebrou unha das sesións do Obradoiro de ilustración a cargo de Mon Lendoiro, da Asociación artística Crea Formas, e organizado pola Biblioteca Rego da Balsa.

A mañá continuou con outro convidado de honra: O físico, profesor e presentador de televisión Jorge Mira, que veu presentarnos “A que altura está o ceo?”, un libro de divulgación científica que comeza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o universo. Ademais, este libro está escrito en colaboración con María Canosa, que nos visitou dous días antes.

Agora mesmo, na #PrazadosLibros, estamos na presentación literaria de ¿A que altura está o ceo?, de Jorge Mira

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Xa á tarde, a rapazada puido gozar de “A música das árbores”, un concerto e animación con Servando Barreiro a partir do libro-disco que leva o mesmo nome. Lembrade que o temos na biblioteca para levar en préstamo!

Desfrutamos co #concerto #infantil "A música das árbores" na #PrazadosLibros, vide que aínda estades a tempo!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Presentando libros tivemos dobre ración: por unha banda, María Lado veu presentar o poemario “oso, mamá,si?”, da editorial Xerais, o carballés Xurxo Chapela falounos do seu último traballo e álbum de recordos “Lémbrome”.

Xurxo Chapela

Para pechar a tardiña do sábado, tivemos a Lucía Aldao e María Lado co seu espectáculo musical, poético e humorístico AldaoLado. Unhas verdadeiras artistas están feitas estas dúas mulleres!

AldaoLado

E no último día non pensedes que houbo pouca cousa… todo o contrario! Foi un día ben especial, xa que durante o domingo, todas as persoas que mercaron un libro foron agasalladas cun pan de Carballo.

E que mellor maneira de acompañar un bo pan de Carballo que cun bo peixe ou marisco? O televisivo cociñeiro Benigno Campos presentou tamén con nós o seu último libro, “Peixes e mariscos. As novas receitas de Benigno Campos”.

00106510903997____1__640x640

E antes de xantar tamén vai de marabilla un vermú, non si? Pois na Praza dos libros tivemos sesión vermú a cargo de Sofía Espiñeira e a súa banda a partir do seu disco “Alá onde agroman as herbas”. Música fresca, con contido e ritmos variados.

A actuación de animación para público infantil veu o domingo da man de Olga Brañas e a súa banda, co concerto a partir do libro-disco Pitusa Semifusa. Encantounos! Como mostra, deixámosvos cun dos videoclips das cancións contidas neste éxito de Sonárbore.

Seguimos cara á tardiña coa presentación dos libros da colección Costa da Morte, de Edicións Embora, formado por: “Reválida de sexto”, de José Antonio Andrade Figueiras; “Coristanco. As súas parroquias”, de Evaristo Domínguez Rial; e “Lembranzas de Malpica”, de Xosé González Reyes. Moi boas lesturas para coñecer mellor a nosa zona xeográfica.

CL25C2F1

Fonte: La Voz de Galicia

 

A última cita do domingo, e para rematar a edición da Praza dos Libros 2016 foi a conversa arredor dos libros “A música dos seres vivos”, “Dende o conflito” e “En vías de extinción”, de María Reimóndez, onde a autora lucense asinou as súas obras. O acto de clausura correu a cargo de Canalé Cafuné, co seu inolvidable concerto.

E como o centro desta marbillosa feira foron os libros, as librarías locais e da zona estiveron presentes nas súas casetas para facer venta de todos estes títulos presentados e moitos máis. E por iso podemos estar tranquil@s, xa que a Praza dos Libros ten máis que asegurada a súa continuidade en edicións vindeiras porque, según os comerciantes, «as vendas mantéñense, o cal non está nada mal para ser uns días de sol, calor e praia» (Fonte: A Voz de Galicia). Querendo incentivar a compra de libros durante a feira, ademais do 10% de desconto en cada produto comprado, cada persoa recibiu un boleto de participación no sorteo dun lote de libros. Ao final de cada xornada facíase o sorteo, e estes foron os números premiados:

Para rematar, agradecervos a todas as persoas que vos achegastes a esta festa da cultura e a tod@s os que participastes  e colaborastes dalgún xeito na mesma.

O ano que vén voltaremos con máis azos!

Os nosos futuros #lectores tamén se pasan polo posto da #biblioteca na #PrazadosLibros!

A post shared by Biblioteca Rego da Balsa (@bibliocarballo) on

Actividades fresquiñas para este verán!

#ABiblioPréstame,Actividades,Blog

Chega o verán e con el o sol e as terraciñas, a praia e as lecturas sobre a area… Pero tamén chegan os festivais, os campamentos, as feiras medievais, os eventos ao aire libre… e na Biblioteca Rego da Balsa centos de ocasións para refrescarvos mañás e tardes deste trimestre caloroso (e se chove que chova)! Seguide lendo:

biblioOK

O verán comeza forte. Nas nosas instalacións continuamos cos contacontos para @s máis pequerrech@s da casa e para as súas familias, con historias para bebés de 0 a 3 anos, seredes quen de imaxinar un mundo diferente, cheo de cores e texturas… que máis se pode pedir que voltar á infancia con contos e cancións tan amenos coma os dos nosos contacontos #ABiblioConta? Atoparédelos o primeirosábado de xullo e agosto ás 11:30 h, e lembrade reservar praza chamando á biblioteca ou enviando un e-mail a biblioteca@carballo.org, pois esgótanse con facilidade!

13533240_864637887003295_8660142919695487495_n

O público adulto poderá gozar con actividades tan variadas como a proxección da curtametraxe “El último aliento”, que terá lugar o mércores 6 de xullo ás 19:00 h, onde se nos presentará a problemática na que pode derivar a contaminación e as dificultades económicas cun protagonista que vive illado na súa casa; pero tamén coa presentación literaria da obra de Geli Romero: “Otra oportunidad”, unha historia de amor e novos sendeiros que xorden durante o camiño de Santiago. Esta última cita terá lugar o venres 8, ás 20:00 h no noso auditorio.

Pero se o voso amor reside na literatura, a seguinte cita é imprescindible. Dende o 21 ao 24 de xullo (inclusives), na praza do Concello, estarán varios postos celebrando a “Praza dos Libros”, e a nosa Biblioteca Rego da Balsa non pode faltar! Poderedes atoparnos no noso posto e teremosvos preparadas varias sorpresas: préstamos e altas de usuari@s alí mesmo, e ata unha actividade-concurso para público infantil, para a que será preciso inscribirse dende o día anterior, dispoñible para nen@s a partir de 4 anos. Achegádevos, pois haberá moito que ver 🙂

IMG_20150822_113050

Moit@s de vós fostes @s que nos pediron obradoiros de diversas materias, por iso temos preparados dous moi distintos pero súper creativos!

Despois da gran acollida que presentou a reserva de prazas para o “Obradoiro de iniciación á ilustración”, organizado pola Asociación Artística Creaformas e impartido por Mon Lendoiro, optouse por ampliar o espazo a dous grupos diferentes. Un deles é o dos venres 15, 22 e 29 de xullo, de 10:30 a 13:30 h; outro os sábados 16, 23 e 30 do mesmo mes, de 10:00 a 13:00 h. Comprácenos dicir que case están todos os ocos cubertos, pero aínda queda algún dispoñible. Apurade a anotarvos chamando ou enviando un e-mail á Biblioteca Rego da Balsa.

Por outra banda, en todos os martes e xoves de agosto (excepto o 16) e o 1 e 6 de setembro de 11:00 a 13:00 h, @s usuari@s que reserven praza chamando ou enviando un e-mail á Biblioteca Rego da Balsa, poderán gozar con “Hibridar o imaxinario”, un obradoiro de creación literaria impartido pola escritora local Rosalía Fernández Rial, contando ademáis cunha sesión maxistral levada a cabo polo poeta coruñés Paco Souto. Que máis se pode pedir? Todo isto é posible grazas á Asociación Escritoras-es Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Consellería de Cultura, e coa colaboración do Concello de Carballo. Correde a anotarvos, pois nunha actividade tan interesante as prazas non duran moito tempo baldeiras!

Se o voso é a séptima arte, en agosto traemosvos un filme ben interesante, “O club da calceta”, baseado na novela homónima de María Reimóndez. Unha historia onde seis mulleres comparten experiencias e frustracións das súas vidas e toman conciencia das súas situacións para superalas. Un filme que non podedes deixar de ver. Tremendamente recomendado, proxectarémolo o vindeiro 25 de agosto, ás 19:00 h! Para tódolos públicos e con entrada libre, non faltedes!

el-club-de-la-calceta

Con setembro chega o inicio do curso, e con el un faladoiro da Cruz Vermella o xoves 22 ás 20:00 h, no que @s voluntari@s desta asociación solidaria nos falarán de todo o traballo que realizan e nos informarán sobre aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma asociación. Coñecede os proxectos que a Cruz Vermella ten preparados para Carballo e animádevos a compartir solidariedade!

Neste mes tamén contaremos con outra presentación literaria, esta vez cun toque musical, pois Carlos Rego falaranos dun libro que recolle a historia dunha das bandas musicais máis innovadoras dos anos oitenta: “Derribos Arias. Licencia para aberrar”. Para moit@s seguramente será unha volta aos tempos mozos e para outr@s será todo un descubrimento. Venres 23 ás 19:30 h no noso auditorio!

E como non, este mes tamén contará coa súa proxección. O xoves 29 ás 19:00 h proxectaremos unha curtametraxe chamada “Boteime a andar”, de Pablo Lomba, a cal recibiu o premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, vide a descubrir o porqué deste galardón!

Por último, restanos comunicarvos que, coma en meses anteriores, @s amig@s da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continuarán levando a cabo o seu ciclo de “Sábados de literatura francófona”, uns clubs de lectura en francés para público adulto e os cales recomendamos enormemente!

fondopantalla3

Xa sabedes a que citas ides asistir? Costa decidirse… Por qué non a todas! Agardámosvos!

Semana do Libro: 2º Concurso #ABiblioPréstame

#ABiblioPréstame,Blog

Comezamos a Semana do Libro convocando a 2ª edición do Concurso #ABiblioPréstame!

Como o ano pasado, queremos celebrar a Semana do Libro dun xeito especial, polo que vos propoñemos que participedes no noso concurso #ABibliopréstame. En que consiste? Moi sinxelo!

É un concurso fotográfico a través das redes sociais Twitter, Instagram e Pinterest, no que só tedes que sacarvos unha foto co voso libro preferido, o que mellor vos representa, ou o que polo seu título ou portada reflicte o voso estado de ánimo e personalidade… Pode ser un selfie ou autorretrato, ou pode ser unha foto normal, pero sempre ten que ir acompañada do cancelo ou hashtag #ABiblioPréstame.

Deberedes subir as vosas fotos á vosa conta de Twitter, Instagram ou Pinterest, anque se non tedes, non vos preocupedes, podédesnolo dicir e subirémolo ao voso nome ás contas da biblioteca 🙂 Poderedes participar tantas veces como desexedes!

untitled-infographic

Á hora de outorgar o premio valoraranse positivamente a orixinalidade das publicacións, que sexan autorretratos fotográficos e o número de publicacións (a máis número máis posibilidades).

O prazo límite para presentar as vosas candidaturas é ata o día 24 deste mes.

A persoa gañadora recibirá un premio sorpresa!

Consultade as bases completas:

Lembramos a anterior edición do concurso coa gañadora, Zaira, que participou na nosa conta de Twitter cunha fotografía, que, a pesar de non ser un selfie, gañou pola súa orixinalidade e polo entrañable da mesma. Zaira recibiu o seu regalo (un paquete de libros de diferente xénero e temática) e posou ben contenta con el.

Sin título20150428_112243

Esperamos que vos animedes a participar e honrar ao Libro, que tantas alegrías nos da diariamente e sen o que non poderiamos vivir. Lembrade que ademais o sábado 23 será o Día do Libro e na biblioteca celebrarémolo cun obradoiro de Bookfolding. Non sabedes o que é o bookfolding? Pois non perdades o noso post dedicado a esta actividade que fixemos hai uns meses no blogue. Anotádevos, xa que as prazas son limitadas!

bookfolding.png

Celebremos xunt@s a Semana do Libro!

En primavera brotan… as actividades!

Actividades,Blog

Comezamos semana e trimestre con forza e moitas ganas de contarvos todo o que nos agardará estes vindeiros meses na biblioteca Rego da Balsa, porque esta primavera non só florece a natureza, senón tamén as actividades!

Pois ben, teremos as actividades que ata agora viñamos celebrando: faladoiros, presentacións literarias, contacontos, concursos… pero tamén haberá novidades: obradoiros, proxeccións cinematográficas ou concertos, que farán que vos namoredes cada día máis da vosa biblioteca.

Ademais, abril e maio non son uns meses calquera, xa que son os meses do Libro e as Letras Galegas, e teremos mostras bibliográficas, obradoiros e moitas máis actividades relacionadas coa figura do homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Manuel María.

En canto a temáticas, falaremos de literatura, cociña, ilustración, cultura urbana, banda deseñada, e mesmo tatuaxes! Unha inmensa variedade de temas, que interesará a todo tipo de idades e perfís. De seguro que atoparás algo deseñado para ti!

Descargade o cartaz para este trimestre, seguídenos en Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Youtube e non perdades nin unha das nosas actividades!