En inverno descubrimos a CARA B

Comezamos a semana presentando as actividades que vos imos presentar nos meses de febreiro e marzo na Biboioteca Rego da Balsa.

Este inverno queremos descubrir a cara B da cultura con actividades que destacan e difunden a labor de xéneros, artistas, creador@s, e ademais incentivar o debate sobre certos temas de gran interese e importancia, como o da muller e o concepto de igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade

cartaz-puntob

Por iso, ata finais de marzo prestaremos unha atención especial á figura da muller e a resaltar o seu papel nos ámbitos da cultura a ciencia e no progreso da sociedade en xeral. A muller será a protagonista das Xornadas Guerrilleiras, que se desenvolverán do 6 ao 11 de marzo, e que converterán a Biblio Rego da Balsa nun laboratorio de ideas, propostas e actividades feitas por mulleres pero que queren converterse nun reclamo tanto para mulleres coma para homes. A exposición colectiva “A muller a través da arte”, con obras de Alejandra Matínez, Laura Tova, Lara Pintos e Julia Aguiar; o obradoiro “Debuxando en igualdade”, o Faladoiro coas Guerrilleiras e un obradoiro de mural feminino son algunhas das propostas que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día da Muller.

Ademais, como buscamos coñecer a cara B en todos os aspectos, non podía faltar a da música, a aposta alternativa, que volverá a encher o noso auditorio cunha nova edición do Curruncho Pop, que arranca no inverno pero se prolongará durante a primavera. Nesta segunda edición contaremos con artistas coma Javier Colis e Psychofonía, o sábado 4 de marzo, e Víctor Coyote, o 18. Os convites estarán dispoñibles ao longo de toda a semana anterior e as reservas poden facerse, de balde, na biblioteca.

Contacontos, obradoiros, presentacións literarias, faladoiros, proxeccións e recitais completan a programación de inverno, na que continúan tamén o club de lectura, o club de lectura en francés en colaboración coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdain e a campaña #puntoB, a través das redes sociais, que xa vos presentamos na anterior entrada de blogue, e na que vos continuamos animando a participar.

ÚNETE Á CAMPAÑA #PUNTOB

Este mes de febreiro queremos difundir unha mensaxe importantísima e desexamos que colaboredes con nós na iniciativa para que todo o mundo vexa que desde Carballo reivindicamos a cultura, a  autenticidade e a loita contra as inxustizas.

Por iso, queremos que nos amosedes o voso Punto B. Non, non dicimos o G, dicimos o B!

Non sabedes o que é o #puntob? Pois o punto b non é senón esa cousa que te fai únic@ e especial, ese gusto, afección, libro, canción, frase ou pensamento… que outorga un matiz diferente á túa personalidade.

Co #puntob tamén queremos facer ver que o coñecemento nos fai sexys, deixando atrás a obxetivización coa que nos bombardean os medios de comunicación e as campañas de publicidade, e aproveitar incluso para denunciar aquilo da sociedade que non nos gusta ou vemos inxusto.

Así, a idea crave ou a mensaxe que queremos transmitir é que ler, pensar, cultivarnos é sexy. Outro dos obxectivos é fomentar o desenvolvemento da mente e o saber en contra do fomento do trivial, mundano e aparente, como podemos ver de forma cotiá nas redes sociais, internet e medios de comunicación.

16388049_1067034486763633_9043725325484535982_n

Nós pola nosa parte xa temos  o noso #puntob, e queremos compartilo con vós:

16387225_1065792090221206_607569693881006570_n
Lucía ten o seu #puntob en Bergantiños, a terra de Brañas, porque enriquece a súa vida e faina suspirar e soñar. Que che produce esa sensación? Comparte con nós o teu #puntob!
16387016_1068051786661903_7507490932489084492_n
Aprender a desfrutar de cada momento é o #puntob de Cristina. Tratar de vivir dunha forma sinxela, gozando coa brisa e o cheiro do mar, ou deleitarse co recendo da herba, escoitar como os ballóns das treboadas rompen no cristal nada máis deitarse a durmir… Cal é o teu #puntob? Compárteo con nós!
16425815_1066958846771197_6044984469758888084_n
O #puntob de Paula é a música, e síntese inspirada polas grandes figuras femininas da Historia que loitaron e seguen a loitar polos dereitos da muller e polas que poñen voz a aquelas que non a poden alzar. Cal é o teu #puntob? Compárteo con nós!

Como vedes, as nosas fotos están inspiradas na filosofía dos “Tres monos sabios” de «Non ver o Mal, non escoitar o Mal e non dicir o Mal». Con ela, renegamos da ignorancia, da censura. da superficialidade, do odio, das palabras ferintes, e apostamos polo respecto, a liberdade de expresión, a igualdade, as orixes, a vida sinxela, a fortaleza e a loita polas causas xustas. Estades dacordo cos nosos puntos B?

three-monkeys-1212621_1920

Queremos que vos sintades inspirad@s polas nosas aportacións e colaboredes compartindo o voso #puntob. Como facelo? Pois moi sinxelo:

Subide unha foto en branco e negro cunha frase que a acompañe ás vosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest), etiquetádenos e non esquezades poñer o hashtag #puntob.

**Lembrade que para que todo o mundo a poida ver deberedes facela pública na configuración de privacidade da rede social que empreguedes.

Ademais, para as mellores fotos temos preparados agasallos sorpresa. Non dubidedes e participade!

Porque o lado B das cousas non é sempre o raro, o negativo, o ilegal, o oculto, senón que pode ser o xusto, o especial, o que nos dá ledicia… Amosádenos o teu #puntob!