Chega o verán e con el o sol e as terraciñas, a praia e as lecturas sobre a area… Pero tamén chegan os festivais, os campamentos, as feiras medievais, os eventos ao aire libre… e na Biblioteca Rego da Balsa centos de ocasións para refrescarvos mañás e tardes deste trimestre caloroso (e se chove que chova)! Seguide lendo:

O verán comeza forte. Nas nosas instalacións continuamos cos contacontos para @s máis pequerrech@s da casa e para as súas familias, con historias para bebés de 0 a 3 anos, seredes quen de imaxinar un mundo diferente, cheo de cores e texturas… que máis se pode pedir que voltar á infancia con contos e cancións tan amenos coma os dos nosos contacontos #ABiblioConta? Atoparédelos o primeirosábado de xullo e agosto ás 11:30 h, e lembrade reservar praza chamando á biblioteca ou enviando un e-mail a biblioteca@carballo.org, pois esgótanse con facilidade!

O público adulto poderá gozar con actividades tan variadas como a proxección da curtametraxe “El último aliento”, que terá lugar o mércores 6 de xullo ás 19:00 h, onde se nos presentará a problemática na que pode derivar a contaminación e as dificultades económicas cun protagonista que vive illado na súa casa; pero tamén coa presentación literaria da obra de Geli Romero: “Otra oportunidad”, unha historia de amor e novos sendeiros que xorden durante o camiño de Santiago. Esta última cita terá lugar o venres 8, ás 20:00 h no noso auditorio.
Pero se o voso amor reside na literatura, a seguinte cita é imprescindible. Dende o 21 ao 24 de xullo (inclusives), na praza do Concello, estarán varios postos celebrando a “Praza dos Libros”, e a nosa Biblioteca Rego da Balsa non pode faltar! Poderedes atoparnos no noso posto e teremosvos preparadas varias sorpresas: préstamos e altas de usuari@s alí mesmo, e ata unha actividade-concurso para público infantil, para a que será preciso inscribirse dende o día anterior, dispoñible para nen@s a partir de 4 anos. Achegádevos, pois haberá moito que ver 🙂

Moit@s de vós fostes @s que nos pediron obradoiros de diversas materias, por iso temos preparados dous moi distintos pero súper creativos!
Despois da gran acollida que presentou a reserva de prazas para o “Obradoiro de iniciación á ilustración”, organizado pola Asociación Artística Creaformas e impartido por Mon Lendoiro, optouse por ampliar o espazo a dous grupos diferentes. Un deles é o dos venres 15, 22 e 29 de xullo, de 10:30 a 13:30 h; outro os sábados 16, 23 e 30 do mesmo mes, de 10:00 a 13:00 h. Comprácenos dicir que case están todos os ocos cubertos, pero aínda queda algún dispoñible. Apurade a anotarvos chamando ou enviando un e-mail á Biblioteca Rego da Balsa.
Por outra banda, en todos os martes e xoves de agosto (excepto o 16) e o 1 e 6 de setembro de 11:00 a 13:00 h, @s usuari@s que reserven praza chamando ou enviando un e-mail á Biblioteca Rego da Balsa, poderán gozar con “Hibridar o imaxinario”, un obradoiro de creación literaria impartido pola escritora local Rosalía Fernández Rial, contando ademáis cunha sesión maxistral levada a cabo polo poeta coruñés Paco Souto. Que máis se pode pedir? Todo isto é posible grazas á Asociación Escritoras-es Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Consellería de Cultura, e coa colaboración do Concello de Carballo. Correde a anotarvos, pois nunha actividade tan interesante as prazas non duran moito tempo baldeiras!
Se o voso é a séptima arte, en agosto traemosvos un filme ben interesante, “O club da calceta”, baseado na novela homónima de María Reimóndez. Unha historia onde seis mulleres comparten experiencias e frustracións das súas vidas e toman conciencia das súas situacións para superalas. Un filme que non podedes deixar de ver. Tremendamente recomendado, proxectarémolo o vindeiro 25 de agosto, ás 19:00 h! Para tódolos públicos e con entrada libre, non faltedes!

Con setembro chega o inicio do curso, e con el un faladoiro da Cruz Vermella o xoves 22 ás 20:00 h, no que @s voluntari@s desta asociación solidaria nos falarán de todo o traballo que realizan e nos informarán sobre aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma asociación. Coñecede os proxectos que a Cruz Vermella ten preparados para Carballo e animádevos a compartir solidariedade!
Neste mes tamén contaremos con outra presentación literaria, esta vez cun toque musical, pois Carlos Rego falaranos dun libro que recolle a historia dunha das bandas musicais máis innovadoras dos anos oitenta: “Derribos Arias. Licencia para aberrar”. Para moit@s seguramente será unha volta aos tempos mozos e para outr@s será todo un descubrimento. Venres 23 ás 19:30 h no noso auditorio!
E como non, este mes tamén contará coa súa proxección. O xoves 29 ás 19:00 h proxectaremos unha curtametraxe chamada “Boteime a andar”, de Pablo Lomba, a cal recibiu o premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, vide a descubrir o porqué deste galardón!
Por último, restanos comunicarvos que, coma en meses anteriores, @s amig@s da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continuarán levando a cabo o seu ciclo de “Sábados de literatura francófona”, uns clubs de lectura en francés para público adulto e os cales recomendamos enormemente!

Xa sabedes a que citas ides asistir? Costa decidirse… Por qué non a todas! Agardámosvos!