Chega á Biblioteca Rego da Balsa o mes máis guerrilleiro, e con el presentámosvos un programa completo de actividades moi interesantes para todos os públicos. Este mes queremos conmemorar o Día Internacional da Muller dun xeito significativo. Faladoiros, obradoiros e exposicións son algunhas das actividades que vos ofreceremos este mes.
Faladoiro: o día 8 de marzo, celebrarase o Faladoiro coas Guerrilleiras, un encontro de intercambio de ideas e experiencias, que terá como convidadas a Tenente de Alcalde Milagres Lantes, a poeta Rosalía Fernandez Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez. Falaremos de temas como a loita pola igualdade social de homes e mulleres, a reivindicación da figura da muller traballadora en todos os ámbitos e décadas e a loita contra a violencia de xénero. Afondaremos na importancia do feminismo, da igualdade, así como a temática da muller na literatura e na actualidade.
Exposicións: durante todo o mes de marzo poderedes visitar unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, chamada “A muller a través da arte”.
En relación con esta iniciativa, queremos destacar 365 mujeres ilustradas, un proxecto no que ilustradoras de todo o mundo colaboran retratando os 365 días do ano a mulleres que deixaron aportes destacados na humanidade. Agora, anque todas as referentes xa están seleccionadas, as 365 para todo o ano, séguense sumando ilustradoras de todo o mundo para realizar os seus retratos. Se queres participar nesta iniciativa infórmate aquí: https://unpastiche.org/…/365-mujeres-ilustradas-proyecto-v…/
Obradoiros: @s pequen@s da casa poderán participar nun obradoiro no que se inspirarán nas figuras femininas máis destacadas para realizar debuxos, aprendendo ao mesmo tempo a importancia de mulleres coma Rosalía de Castro. Tamén contaremos cun obradoiro, impartido por Alexandra Martínez, no cal se realizará un mural sobre a muller. Unha oportunidade para descubrir a vosa faceta artística coa axuda dunha profesional, e deixarnos a vosa pegada guerrilleira! Lembrade que ambas actividades teñen límite de prazas e que é necesario estar inscrito para poder participar. Ademais, os alumnos dos institutos participarán no obradoiro “Sen Diferenzas”, no que poderán reflexionar sobre a influencia dos estereotipos á hora de decantarse por unha profesión ou outra. O alumnado dos colexios é o destinatario dos talleres “Igualando Carballo” e do concurso “A historia das mulleres de Carballo”, no que se lle convidará a investigar sobre a traxectoria de destacadas carballesas.
Información: a Cruz Vermella tamén se sumará a este programa co estand informativo que colocará na biblioteca o vindeiro martes.
Contacontos: as ratiñas de lonxedetodo, Carolina e Lilí Gruyére visitaránnos na biblioteca para contar aos mais pequen@s contos moi interesantes e divertidos.
Comezamos marzo con moita forza e queremos que nos acompañedes nas nosas xornadas guerrilleiras ! Agardámosvos!