Novo ano, novas lecturas

Blog,Novidades,Recomendamos

Xa está aquí 2017, un novo ano que promete novas experiencias, novas aprendizaxes e novas emocións! A biblioteca quere contribuír a que comecedes a acumular todos eses momentos e sensacións inéditos, con novas sorpresas en forma de lecturas, música e cine para todos os gustos, idades e personalidades.

Durante este último mes fomos recibindo novidades marabillosas que estivemos catalogando arreo, xa que queriamos que as tiverades dispoñibles para entrada de 2017, e así o conseguimos.

E non pensedes que son tres ou catros libriños… máis de 400 exemplares dos máis diversos formatos, temáticas e seccións vos agardan nas seccións de novidades da biblioteca!

Unha gran parte destas novidades está constituída polo Premio María Moliner, organizado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que nos foi outorgado polo proxecto de animación á lectura levado a cabo durante o pasado 2016. A verdade é que foi un lote de máis de 150 exemplares dos títulos máis novedosos e especiais, edicións únicas de clásicos da literatura e decenas de contos premiados polas súas historias e ilustracións nos mellores certames literarios… un verdadeiro tesouro que tedes ao voso dispor a partires de hoxe mesmo!

Consultade o boletín de novidades (é descargable e imprimible desde o noso Issuu) que confeccionamos para vós, onde poderedes ver todas as novas incorporacións do catálogo para este inverno. Como sabedes, podédelas levar en préstamo se sodes soci@s!

Desfrutádeas!

Advertisements

Unha biblioteca de conto! (Edición xuvenil)

13 a 17 anos,Blog,Recomendamos

Hai un tempo vos ofrecemos unha guía de lectura ben interesante dedicada a libros de contos para adultos, lembrádela?

Pois agora tócalle a quenda ao público xuvenil, xa que á rapazada tamén lle gusta o mundo da historia curta. Xa deixaron un pouquiño atrás os contos infantís (anque nunca haxa idade para abandonalos de todo, non si?) e están nunha época da súas vidas na que buscan un tipo de literatura dedicada a el@s, unha literatura coa que identificarse.

Tamén sabemos que a adolescencia é un momento crítico que marcará os hábitos lectores no resto da vida, e en moitos casos ocorre que a xente nova abandona a lectura por falta de tempo debido ás cargas académicas ou por outros tipos de entretemento. Ese é o motivo de que recomendemos para os rapaces e rapazas unha lectura breve pero intensa, que faga que se enganchen e vexan a lectura como unha forma máis de lecer, que lles faga rir, soñar, pensar e sobre todo, desexar coller outro libro no momento de rematar o anterior.

O mundo da contística está ateigado de nomes de gran sona que escriben as súas historias para un público xuvenil, desde os irmáns Grimm, Guy de Maupassant, Agustín Fernández Paz ou Ramón Caride. E as temáticas son do máis variado, desde a fantasía, pasando polo drama ou a crítica social, anque as historias de medo e intriga son as que máis atraen á xente nova.

Para que vexades que a boa literatura non trata soamente de libros de cincocentas páxinas e que en pouquiñas palabras pódese dicir moito, deixámosvos a guía de lectura para público xuveil que elaboramos. Todos os exemplares que figuran na mesma están dispoñibles na nosa biblioteca, así que non agardedes máis e levádeos en préstamo!

Novidades literarias Xullo ’16

#Blog,Blog,Recomendamos

Comeza xullo, un mes de sol, praia e festa. O verán está máis forte ca nunca e vemos a vida con máis ilusión e alegría que en calquera outra época do ano.

E cal é o complemento perfecto para este mes? Pois unha boa lectura! Un bo libro é o acompañante perfecto para os días de praia ou de relax no campo. É o noso mellor amigo para cando fai tanta calor que un prefire quedar na casa tranquilamente. Ata é un alivio ao aburrimento e a carraxe para cando os mosquitos non nos deixan durmir pola noite!

Na Biblioteca Rego da Balsa temos un verdadeiro arsenal de novos títulos para amenizar o voso verán: novela de adultos, contos para pequech@s, banda deseñada para público xuvenil e libros de información de todas as materias imaxinables estarán agardándovos na biblio.

Queredes botarlle un ollo ás novidades antes de achegarvos e ir elixindo xa a vosa próxima lectura? Deixámosvos o boletín de novidades con todo detallado. Tamén podedes visitar o noso perfil de Issuu para consultalo e ver outras guías de lectura de diferentes temáticas.

 Comezade o mes de xullo con moita enerxía acompañad@s da mellor lectura!

En San Xoán… Meigas fóra!

Blog,Recomendamos

San Xoán é unha festividade moi importante para a nosa vila, pero tamén para Galicia en xeral, pois recolle gran parte da nosa tradición e das nosas crenzas e do folklore da nosa terra.

1127H1

É unha xornada máxica, unha noite na que os espíritus danzan co lume ao noso carón, unha noite na que as casas se enchen de fiuncho para escorrentar a mala sorte e as ánimas con intencións nada positivas, un amencer no que as herbas potencian as súas propiedades curativas coa lúa para transmitírnolas a través da pel.

Nunha noite tan mística, o que non podemos esquecer son as meigas, eses seres, unhas veces máis benévolos ca outras, que contan coa conexión coa natureza e a sabiduría precisa para realizar conxuros de toda clase: feitizos que atraen amores ou rompen co mal sino, meigallos que curan a alma ou enchen o corpo de bóchegas, remedios para o mal de ollo ou para un esguince… Son seres que merecen unha homenaxe, pois como contan as lendas e di a xente… Habelas hainas! Queredes coñecer as que rondan a nosa biblioteca? Seguide lendo!

Entre @s nen@s de 4 a 7 anos atoparedes meigas como “A bruxa amorodo”, “As bruxas esbrúxulas” ou “A bruxa regañadentes”, entre outras, con problemas tan curiosos como o de non saber rir ou non saber voar… pero para todos eles atoparán a súa solución! E como hai meigas boas, tamén poderán escoitar as cancións para a paz de “A bruxa Discordia”, nun audiolibro de Mamá Cabra e Carmen Gil.

Na sección de 7 a 12 anos poderemos ler historias sobre unha chea de bruxas, entre elas “A bruxa sen curuxa” ou “Unha bruxa na casa”. Pero non soamente serán problemas cotiáns, pois con “Kika Superbruja”, en libros ou DVD, aprenderedes mil cousas, dende a cultura chinesa ata os exipcios, pasando por persoeiros tan ilustres como “Leonardo da Vinci” ou vivindo aventuras no mesmo Amazonas, sempre acompañada polo seu dragón Héctor. E se o voso son as aventuras, o que non podedes deixar escapar é a colección de Witch, na sección de banda deseñada de infantil, pois estas bruxiñas si que viven experiencias alucinantes!

Pola súa banda, o público xuvenil, poderá gozar con historias de intriga como a de “As meigas de Lupa”, con CD, ou cheas de fantasía, coma “Fedorenta, unha meiga porcallenta” ou a serie “A guerra das bruxas”, formada por tres libros apaixoantes.

Por último, os adultos tamén teñen unha serie fantástica coa que disfrutar, “La hora de las brujas”, chea de intriga, na que trece xeracións de mulleres con capacidades extraordinarias e poderes sobrenaturais teñen un extraño vínculo cun espíritu que está ao seu servizo. Queredes saber máis? Levádea emprestada!

E para que profundicedes nos materiais tan máxicos que temos nas nosas instalacións, deixámosvos unha guía de San Xoán a continuación!

Ademais, como sabedes San Xoán é o patrón de Carballo, e sendo as nosas grandes festas, non van faltar opcións de lecer durante todos este día na nosa vila. Mirade o programa das festas!

Pasade un San Xoán como se merece e desfrutade ao máximo!

Unha biblioteca de conto!

Blog,Recomendamos

Comeza o bo tempo e xa comezan a apetecer cousas frescas, as enchentes de comida do Entroido xa quedan atrás, e agora tocan cousas lixeiriñas, por iso pensamos que vos apetecería tamén unha lectura lixeira, pero igualmente intensa.

Porque en poucas palabras pódese dicir moito, e os contos non son soamente para nenos, fixemos un recopilatorio de libros de contos e relatos curtos para adultos de estilos do máis variado.

Un bo relato pódevos tocar a fibra máis sentimental, pode desencadear unha reflexión do máis profundo ou pode sacarvos unha gargallada escandalosa. É como unha pequena pílula que pode activar en vós o mesmo que un libro de cincocentas páxinas.

Dende logo, conseguir transmitir tanto con tan pouco non é labor sinxela, pero quen o logra deixa pegada nos lectores. Por iso os máis grandes literatos da Historia cultivaron o xénero maxistralmente: Kafka, Poe, Chéjov, Maupassant, Horacio Quiroga, Cheever, Dorothy Parker, Emilia Pardo Bazán, Katherine Mansfield ou Isabelle Eberhardt son só algúns dos máis soados relatistas da Literatura. Ademais, na nosa terra temos grandes mestres do relato curto: a xa mencionada Pardo Bazán, Suso Lista, Ánxel Fole ou Arantza Portabales son exemplos do talento que temos en Galicia.

Deixámosvos unha guía de lectura cos mellores libros relatos de autores galegos, nacionais e internacionais, para que sempre teñades un conto acompañándovos estes días soleados!

Porque as Bibliotecas de Carballo son de conto!

Visita “O meu mundo”

4 a 7 anos,Blog,de-0-a-3-de-4-a-7-anos,Infantil,Recomendamos

Cantas veces @s nen@s se enfrontan a problemas da vida cotiá que nin sequera os papás e as mamás son quen de solucionar con pacencia e comprensión? A chegada dun novo irmaciño, quitar os cueiros, contar mentiras ou a morte dun familiar ou amig@ son exemplos de momentos cruciais na vida d@s nen@s, e non hai nada máis terapéutico cun bo conto para poder superalos.

Por iso, temos para vós unha sección que contén libros relacionados coas emocións, os valores, a autoestima, os hábitos e demáis asuntos da vida coitá que afectan á rapazada.

Esta sección chámase “O meu mundo”, e podédela atopar nas zonas para bebés de 0 a 3 anos e na zona para nen@s de 4 a 7 anos de idade.

A continuación deixámosvos unha guía de lectura con recomendacións de libros pertencentes a esta sección. Podédela descargar e consultala cando queirades. E non esquezades que na biblioteca vos podemos axudar e asesorar con máis títulos!

Visitade “O meu mundo”!

Un Samaín de medo e libros!

#ABiblioPréstame,Actividades,Blog,Recomendamos

Estamos nunca época do ano  que nos encanta: o Samaín! Ao contrario do que moitos pensan, esta festividade non é propiedade exclusiva das culturas anglosaxonas, senón que tanto esta coma outras culturas a tomaron emprestada dos celtas. Si, si, os nosos ancestros!

O Samhain é a festividade de orixe celta máis importante do período pagán que dominou Europa ata a súa conversión ao cristianismo, na que a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro servía como celebración da fin da tempada de colleitas e era considerada como o «Ano Novo Celta», que comezaba coa estación escura. É tanto unha festa de transición (o paso dun ano a outro) como de apertura ao outro mundo. A súa etimoloxía é gaélica e significa ‘fin do verán‘.

Os antigos celtas crían que a liña que une este mundo co Outro Mundo estreitábase coa chegada do Samhain, permitindo aos espíritos (tanto benévolos como malévolos) pasar a través. Os devanceiros familiares eran convidados e homenaxeados mentres que os espíritos daniños eran afastados. Crese que o uso de disfraces e máscaras débese á necesidade de escorrentar aos espíritos malignos. O seu propósito era adoptar a aparencia dun espírito maligno para evitar ser danado.

Como ben sabedes, esta festa foi adoptada por diferentes culturas e países, sobre todo anglosaxóns como Canadá, Estados Unidos, Irlanda ou Reino Unido, e, en menor medida, noutros lugares como España e Latinoamérica, renomeándoa como Halloween.

En Samaín as historias de medo e terror están tamén invadindo a biblioteca… En calquera recuncho no que miredes haberá música que ambientará as vosas noites de aquelarres, as películas máis terroríficas para as noites de treboada e sobre todo os grandes clásicos da literatura gótica e de intriga e misterio, tamén as novidades do xénero, e por suposto, banda deseñada coas viñetas máis escuras que vos poidades imaxinar… Hai Samaín para todas as idades e para todos os medos…

20151027_104900 20151027_104400 20151027_104936

20151027_104910(2)  20151027_104050 20151027_104927

E como hai para todas as idades e gustos, elaboramos para vós unhas guías de lectura con recomendacións por idades dos materiais máis terroríficos e misteriosos. Botádelles un ollo!

2 3 4 5

A relación de títulos que recomendamos nas guías son os seguintes:

Ata 7 anos:

  • A casiña de chocolate (AUDIOCONTO). Galaxia.
  • Imagina una noche. Sarah L. Thompson. Juventud.
  • Verlioka. Patacrúa & Magicomora. OQO.
  • Raquel ten medo. Agustín Fernández Paz. Xerais.
  • O gran libro dos medos do rato pequeno. Emily Gravett. Patasdepeixe.
  • Onde viven os monstros. Maurice Sendak. Kalandraka.
  • Corre, corre, cabaciña. Eva Mejuto & André Letria. OQO.
  • Que medo, mamá Raquel! Agustín Fernández Paz. Xerais.
  • La sombra de Laura. Vicente Muñoz Puelles. Algar.

De 7 a 12 anos:

  • Xela volveuse vampira!! (Libro+CD). Fina Casalderrey. Edicións B.
  • A pantasma de Canterville. Oscar Wilde. Embora.
  • A noite de Samaín. Pepe Carreiro. Toxosoutos.
  • Intriga en Luxor. Bjorn Sortland. Edelvives.
  • El ataúd del vampiroThomas Brezina. SM.
  • Ada Goth y el fantasma del ratón. Chris Riddell. Edelvives.
  • Escarlatina, a cociñeira defunta. Ledicia Costas. Xerais.
  • As bruxas. Roald Dahl. Xerais.
  • Donde viven los monstruos. DVD.

Xuvenil:

  • Historias de miedo (1, 2 e 3). Alvin Schwartz. Everest.
  • A capela maldita. Mario Franco. Toxosoutos.
  • La sombra del gato y otros relatos de terror. Concha López Narváez. Alfaguara Obradoiro.
  • Cuentos de terror de los objetos malditos. Chris Priestley. SM.
  • El día de los inocentes. Richie Tankersley Cusick. Gaviota.
  • Donde surgen las sombras. David Lozano Garbala. Gran Angular.
  • En tierra de nadie: El amanecer de Reeker. DVD.

Adultos:

  • O corazón do negror. Joseph Conrad. Faktoría K.
  • Frankenstein. Mary Shelley. Edicións B.
  • No confíes en Peter Pan. John Verdon. Círculo de lectores.
  • La dama de blanco. Wilkie Collins. DeBolsillo.
  • El chico de la casa en llamas. Tim Wynne-Jones. Edelvives.
  • Drácula. Bram Stoker. Círculo de lectores.
  • A la sombra del maestro: cuentos clásicos. Edgar Allan Poe. Mosaico.
  • Halloween 4. DVD.
  • Sweeney Todd. DVD.

Trick

Por suposto, estades invitados a achegarvos a tarde do venres 30 e celebrar Samaín con nós, xa que decoraremos a biblioteca coa vosa axuda, e como non, teremos unha sección dedicada aos disfraces, onde vos poderedes sacar fotos no noso photocall coas máscaras e antifaces que temos preparados para vós. Tamén na Ludoteca haberá sorpresas para @s máis pequen@s de 17:30 a 19:30. Non podedes faltar, entre tod@s faremos deste Samaín unha auténtica diversión terrorífica!

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas. Demos, trasgos e diaños. Pantasmas, vampiros, gatos negros, caveiras, casas encantadas, espíritos malignos e non tanto, misterios sen resolver… todo isto e moito máis teredes na vosa biblioteca este Samaín! 🎃👻👹💀 #ABiblioPréstame