Seguimos “guerrilleando”

#Blog,Actividades

A principios do mes de marzo presentámosvos  o programa de actividades “Xornadas guerrilleiras”, un programa especial no que o obxectivo é resaltar o enfoque máis combativo e reivindicativo do Día Internacional da Muller. Con ese obxectivo, as Xornadas Guerrilleiras inclúen unha serie de propostas deseñadas para tod@s.

Na biblioteca desenvolvéronse boa parte das actividades programadas, entre elas a exposición “A muller a través da arte”, unha exposición colectiva de obras artísticas das artistas Laura Tova, Alexandra Martínez, Lara Pintos e Julia Aguiar, que estará aberta ata o 31 de marzo e a cal podedes desfrutar no segundo andar da biblioteca.

Tamén se realizaron dous obradoiros artísticos: “Debuxando a igualdade”, para nenos e nenas, e “Mural feminino”, unha proposta creativa realizada por un grupo de mozas e coordinado pola artista Alejandra Martínez durante a semana do 13 ao 19 de marzo.

IMG_1366 (1)

A partir de agora tamén podedes desfrutar de “Debuxando a Igualdade”, unha nova sección da biblioteca con todo tipo de publicacións e materiais relacionados co tema de igualdade de xénero e diversidade en xeral, que tamén responden ao espírito reivindicativo que trata de fomentar a biblioteca.

Outra das citas potentes do mes de marzo foi o “Faladoiro coas guerrilleiras”, que reuniu o día 8 de marzo á Tenente Alcalde Milagros Lantes, a poeta Rosalía Fernández Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez, autora do tema que dá nome ao faladoiro e ao programa. Foi un acto aberto de debate e de intercambio de experiencias, da que sen dúbida queremos unha segunda parte.

Na semana do 6 ao 10 de marzo desenvolveuse o obradoiro “Sen Diferenzas”, que convidou ao alumnado dos IES do concello a reflexionar sobre a influenza dos mandatos de xénero na elección da formación e da profesión, no que trataron de eliminar os estereotipos e os factores que inflúen nunha elección sesgada, propiciando unha toma de decisión máis libre, responsable, autónoma e axustada á realidade do mercado laboral.
Outra das intervencións de reflexión e formación propostas dende a área de Igualdade é o proxecto “Igualando Carballo”, destinado a alumnado de 4º de Primaria, que tratou dunha serie de actividades en cada un dos colexios do concello. Paralelamente convocouse o primeiro concurso “A historia das mulleres do Concello de Carballo”, orientado a que os rapaces e as rapazas investiguen sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso concello.

Hai que seguir traballando día a día pola igualdade de todo tipo. A igualdade ten que ser un obxetivo permanente!

guerrilleiras

Advertisements