cabeceira-wordpress

Nadal 2016

Actividades,Blog

Xa estamos en decembro, quentando motores para as festas máis familiares e entrañables do ano: o Nadal!

Achéganse as cenas de traballo, o reencontros coas amizades que viven lonxe, as comidas suculentas ao redor dos nosos seres queridos, as panxoliñas, os agasallos e as caras de sorpresa e ilusión d@s máis pequen@s. As tradicións de toda a vida fan que o Nadal sexa unha época do ano para compartir e desfrutar ao máximo.

Na biblioteca tamén festexamos estas datas, e por iso temos preparado para vós un menú de actividades para Nadal que vai facer que o desfrutades aínda máis!

CARTAZ NADAL.png

Teremos os nosos habituais faladoiros, pero con temáticas propias das datas de Nadal, como o faladoiro a cargo de Galileo Nenos,  unha compañía dedicada á fabricación de xoguetes e xogos tradicionais para público de todas as idades,  que nos contarán todo o que hai que saber sobre a tradición galega no eido dos xogos e xoguetes, farannos unha demostración do que fan e deixarannos probar os seus produtos. Tamén teremos á Fundación Amigos de Galicia, quen nos contarán todo o traballo solidario que fan recopilando tapóns de plástico para recadar fondos en axuda de nenos e nenas que o precisan, e coñeceremos varios casos aos que atenden desinteresadamente.

Tampouco poden faltar as presentacións literarias,  nas que teremos con nós a Mónica Noya, presentando  Ex Vita Vite, un libro ben especial con documental incluído que fai un percorrido polo mundo do viño en Galicia. Abofé que en Nadal non debe faltar o bo viño! Outro convidado para presentar a súa obra literaria é Luís Pirucha, autor de Sanxenxo que nos visitará para darnos a coñecer a súa traxectoria, da que xa contamos con tres libros que mesturan relato, pintura e poesía. Ben interesante para agasallar!

Continuamos por suposto con actividades para a rapazada. Como sabemos que @s nen@s son @s grandes protagonistas deste época do ano, teremos para el@s contacontos, obradoiros de manualidades e música, xa que estarán con nós @s amig@s de Geriatros Carballo tocando coa pandeireta panxoliñas que deleitarán e emocionarán a todo o mundo, sexa cal sexa a súa idade. Non hai lugar para o aburrimento!

E ademais de todo isto, os compañeiros da asociación Senda Nova coa colaboración das escolas de Carballo e Coristanco prepararon unha exposición moi especial dedicada a unha figura máxica indispensable no Nadal galego: o Apalpador. “O Apalpador imaxinado” inclúe unha colección de láminas elaboradas polo alumnado destas escolas, nas que retratan ao Apalpador. O propio homenaxeado aceptou o noso convite para vir inaugarar a exposición, así que nos esquezades, o día 13 de decembro á tarde estreamos exposición co mesmísimo Apalpador, que virá saudar ademais a todos os nenos e nenas que veñan por aquí e queiran pedirlle algún agasallo especial para Noiteboa a tan ilustre convidado!

Pois nada máis que queda felicitarvos as festas e desexarvos un Nadal estupendo e un comezo de ano aínda mellor, pero sempre… na biblioteca!

FELICES FESTAS!

cartaz

Outono NON-STOP

Actividades,Blog

Entramos na recta final de 2016, pero non pensedes que a chuvia, o frío e as nubes van conseguir que na biblioteca paremos o ritmo, moi ao contrario!

Os meses de outubro, novembro e decembro veñen ateigadiños de cousas que facer, aprender e gozar na biblioteca. Voltarán os faladoiros, as presentacións literarias, os obradoiros, exposicións e proxeccións. Voltarán os contacontos, as visitas escolares e a música… en definitiva, volverá todo iso que fai que a vosa biblioteca sexa un referente cultural na comarca e parte do estranxeiro! 😀

Contaremos coas actividades clásicas da biblioteca, que sabemos que son un éxito asegurado:

Faladoiros, que versarán estes meses sobre temas tan diversos como artesanía  e reciclaxe, tradición cultural e musical galega ou literatura erótica.

arume

Presentacións literarias a cargo de diferentes escritor@s da nosa contorna, como Paco Souto, Susana Sánchez ou Jesús Huertas.

presentacion-y-ahora-vendemos

Proxeccións de temas de interese, como o da memoria histórica ou os desfiuzamentos.

Proxección unha muller que pasa e silencio.png

Obradoiros: Artísticos, coa colaboración da Asociación Crea Formas, que estará dirixido a xente nova, e tamén de contacontos para maiores. Tamén celebraremos Samaín e o Día das Bibliotecas cos seus respectivos obradoiros, que farán as delicias d@s máis pequen@s. Ademais, un novo ano colaboramos co FIOT acollendo o seu obradoiro “Pequepresentadores”, no que a rapazada poderá saber como é o traballo dos xornalistas.

anuncio-obradoiroOBRADOIRO SAMAIN.png

Contacontos: En novembro voltarán os nosos amigos máis divertidos e listos de Lonxedetodo para contarnos todas as aventuras que viviron estes meses sen vernos, tanto nas visitas escolares como nas sesións dos mércores, que seguirán sendo dobres e cada dúas semanas. Xa sabedes que requiren que recollades o convite a semana antes na biblioteca. Ademais, virán tamén nos visitarán as nosas amigas da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain para ofrecernos “Raconte-moi une histoire: contos enfrancés con sabor a outono”, no que como ben indica o seu título, nos deleitarán con preciosas historias de temática de outono na lingua gala. Estes encontros con diferentes linguas encántanlles a@s cativ@s! E como non, que sería un Samaín sen algunha historia arrepiante? Na biblioteca poderedes festexar esta festa tradicional da man de A Trastenda dos Contos e o seu espectáculo “Contos de medo que deixan durmir”, un paseo pola nosa tradición mística cheo de sorpresas. Non dubidedes en informarvos na biblioteca para poder conseguir o voso sitio!

contos de medo que deixan durmir.png

Pois isto non é todo, xa que ademais das actividades habituais da biblioteca teremos novidades que non podedes perder, como por exemplo o novo ciclo de contacontos “Avoas e avós contan”, no que os avós e avoas máis intrépidos, visitarannos para contarnos as súas historias, as que lles contaban a el@s de pequen@s ou mesmo as que inventan el@s mesm@s. Porque xa sabemos que as persoas maiores gardan moitas sorpresas que están desexando ser redescobertas polas novas xeracións!

avoas e avós contan.png

Sabedes que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e ademais celebramos o noso segundo aniversario? Pois ese día non podedes faltar, xa que teremos preparada para vós una exposición fotográfica dos mellores momentos destes dous anos de vida, e os rapaces e rapazas poderán facer de médicos dos nosos libros máis enfermiños no obradoiro “Hospital de Libros”.

En novembro comprácenos anunciar unha xornada chea de actividades encamiñadas a conectar co noso interior, coa nosa parte máis espiritual, para acadar o noso benestar e autocoñecemento. Esta xornada chamarase “Mañá consciente”, e abarcará experiencias de ioga para toda a familia, obradoiros de percusión consciente e poesía e un concerto de mantras. Apuntádeo na axenda, será o sábado 12 de novembro. Non tedes escusa para non vir!

MañáConsciente.png

Si, si, sabemos que é moita información, é unha oferta de lecer moi extensa, polo que vos deixamos o cartaz ao voso dispor para que o poidades consultar sempre que o precisedes ou incluso descargalo, parécevos?

Comezade o outono con tanta forza coma nós!

 

cabeceira-wordpress

Setembro: un mes de novidades e sorpresas para tod@s

Actividades,Blog

Comezamos o curso académico con grandes sorpresas e cambios que farán que a vosa experiencia na biblioteca sexa máis intensa, máis proveitosa e máis divertida, que cheguedes ás vosas casas tras a vosa visita habitual pensando en volver ao día seguinte con moitísima ilusión e ganas por descubrir todo o que vos ofrecemos. Queremos que pasedes as xornadas con nós, rodead@s de libros, de historias, de películas, de música, de recursos informáticos, de faladoiros e das vosas familias e amigos, porque a biblioteca é un espazo onde desfrutar do mellor da vida!

8.png

Para comezar, desde o día 1 a biblioteca abre as súas portas en horario ininterrompido, de 10:30 a 20:30, de luns a venres. Os sábados continuamos con horario de mañá, de 10:00 a 13:00. Deste xeito, o horario de apertura da biblioteca viuse incrementado en 15 horas semanais! Non é estupendo?

marketing.png

Continuando, o día 8 de setembro quedaron ao voso dispor as instalacións da pranta superior da biblio, polo que tedes un amplísimo espazo multifunción para estudar, relaxarvos, ler, traballar, navegar pola rede ou escoitar música cos vosos auriculares. Ademais, agora teredes as seccións de Banda Deseñada Xuvenil, Banda Deseñada Adultos e Obras de Referencia nesa pranta. Dende logo, que mellor maneira de acompañar o noso mural sobre o cómic que a nosa colección de tebeos, cómics, banda deseñada e manga para a rapazada e os adultos? Nela atoparedes verdadeiros tesouros. Non os perdades!

E por suposto, non poden faltar as actividades! En setembro aínda quedan moitas cousas que ver, sentir, aprender e reflexionar, xa que nos vindeiros días agárdannos as seguintes citas:

xoves 22, ás 20:00 h, teremos a cita máis solidaria do mes, un faladoiro coa Cruz Vermella no noso auditorio, no que poderemos coñecer os proxectos desta entidade na nosa vila e informarnos de todas aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma: como é o funcionamento interno, que temos que facer se queremos ser voluntari@s… O fabuloso equipo desta organización estará dispoñible para nós ese día, aproveitade!

faladoiro-cruz-vermella

Para o público máis musical, o venres 23, ás 19:30 h, voltaremos atrás no tempo coa presentación “Derribos Arias. Licencia para aberrar”, de Carlos Rego, na que faremos percorrido pola historia dunha das bandas máis innovadoras do panorama musical dos oitenta. Unha oportunidade para que o público xuvenil coñeza máis sobre a nosa música e outra para que @s adult@s poidamos rememorala.

presentacion-derribos-arias

proxección da curtametraxe “E boteime a andar”, de Pablo Lomba, o xoves 29 ás 19:00 h, será a encargada de pechar as actividades deste mes. Un documental moi interesante cargado de morriña, no que diferentes persoas nos contarán a súa experiencia sobre a emigración galega, unha situación que se volve a repetir na nosa época. Este filme, gañador do premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, ten moito que ensinarnos, non perdades a oportunidade de velo!

e-boteime-a-andar

Tamén vos lembramos que @s compañeir@s do Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continúan cos seus “Sábados de Literatura Francófona”, un club de lectura sobre o que podedes indagar máis poñéndovos en contacto coa mesma asociación.

Xa sabedes a que citas ides acudir? Aquí vos agardamos, porque co comezo do curso, nós tamén nos activamos!

CABECEIRA WORDPRESS

En primavera brotan… as actividades!

Actividades,Blog

Comezamos semana e trimestre con forza e moitas ganas de contarvos todo o que nos agardará estes vindeiros meses na biblioteca Rego da Balsa, porque esta primavera non só florece a natureza, senón tamén as actividades!

Pois ben, teremos as actividades que ata agora viñamos celebrando: faladoiros, presentacións literarias, contacontos, concursos… pero tamén haberá novidades: obradoiros, proxeccións cinematográficas ou concertos, que farán que vos namoredes cada día máis da vosa biblioteca.

Ademais, abril e maio non son uns meses calquera, xa que son os meses do Libro e as Letras Galegas, e teremos mostras bibliográficas, obradoiros e moitas máis actividades relacionadas coa figura do homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Manuel María.

En canto a temáticas, falaremos de literatura, cociña, ilustración, cultura urbana, banda deseñada, e mesmo tatuaxes! Unha inmensa variedade de temas, que interesará a todo tipo de idades e perfís. De seguro que atoparás algo deseñado para ti!

Descargade o cartaz para este trimestre, seguídenos en Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Youtube e non perdades nin unha das nosas actividades!

14 CITAS COA #ABIBLIOPRÉSTAME

#ABiblioPréstame,Blog
Actividades de Novembro e Decembro na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo

Actividades de Novembro e Decembro na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo

ACTIVIDADES INAGURAIS DE NOVEMBRO E DECEMBRO 

Obradoiros, nanas, concertos, masterclass, novas tecnoloxías, manualidades….todo ten cabida na Biblioteca. Presentámosvos este programa de actividades, todas elas de balde, e nas que será preciso inscribirse nalgunhas delas; podédelo facer na Biblioteca, a través do correo electrónico biblioteca@carballo.org ou no teléfono 981758580.

NOVEMBRO
  • OBRADOIRO DE IMPRESIÓN E ESCANEADO 3D. Marcos Saavedra. Vermislab. Con inscrición previa. +14 anos | Venres 7 |  19:00 h
  • A VIAXE DE NANO: CONTACONTOS PARA BEBÉS. Raquel Queizás. Con inscrición previa. Bebés de 0 a 3 anos |Mércores 12| 18:00h
  • PRESENTACIÓN LIBRO: EU ESTABA ALÍ. Afonso Eiré.  +14 anos | Xoves 20 |  19:00 h
  • MASTERCLASS: O SURF E A SÚA IMPLICACIÓN METEREOLÓXICA. ArtSurfCamp. Con inscrición previa. + 14 anos | Venres 21 |  19:00 h
  • ACTIVIDADE “PERROS Y LETRAS”:mellora das actividades lectoras coa cadela Linda.  Con inscrición previa. Entre 6 e 12 anos | Sábado 22 |  11:00 h
  • OBRADOIRO DE SCRAPBOOKING. personalización de cadernos, diarios e álbums. Patricia García. Con inscrición previa. + 12 anos | Martes 25 |  18:00 h
  • PRESENTACIÓN POEMARIO “A SEGUNDA LINGUA”. Yolanda Castaño. +14 anos | Xoves 27 |  19:00 h
DECEMBRO
  • OBRADOIRO DEMOSTRACIÓN DE BEATBOX. Carlos Gende “Xenderal”.  Con inscrición previa. +12 anos | Mércores 3 |  19:00 h
  • MASTERCLASS: INTRODUCCIÓN Á CREACIÓN DE OBXECTOS EN 3D ( Autocad e google sketchup). Diego Mosquera e Javimos Con inscrición previa. + 14 anos |Venres 5 | 19:00h
  • OBRADOIRO DE WASHI-TAPE. Patricia García. Con inscrición previa. + 12 anos | Martes 9 |  18:00 h
  • PRESENTACIÓN DA NOVELA “DENDE O CONFLITO”. María Reimondez.  +14 anos | Xoves 11 |  19:00 h
  • CONCERTO INFANTIL BRINCA VAI!  Paco Nogueiras . + 3 anos | Xoves 17 |  18:00 h
  • MASTERCLASS: COMUNICACIÓN sXXI: BLOGS, PRENSA DIXITAL E YOUTUBE”  Con inscrición previa.+14 anos | Venres19 |  19:00 h

PROGRAMA COMPLETO: Cartel_actividades_inaugurais_Biblioteca_nov-dec_2014