cabeceira-wordpress

En inverno descubrimos a CARA B

Actividades,Blog

Comezamos a semana presentando as actividades que vos imos presentar nos meses de febreiro e marzo na Biboioteca Rego da Balsa.

Este inverno queremos descubrir a cara B da cultura con actividades que destacan e difunden a labor de xéneros, artistas, creador@s, e ademais incentivar o debate sobre certos temas de gran interese e importancia, como o da muller e o concepto de igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade

cartaz-puntob

Por iso, ata finais de marzo prestaremos unha atención especial á figura da muller e a resaltar o seu papel nos ámbitos da cultura a ciencia e no progreso da sociedade en xeral. A muller será a protagonista das Xornadas Guerrilleiras, que se desenvolverán do 6 ao 11 de marzo, e que converterán a Biblio Rego da Balsa nun laboratorio de ideas, propostas e actividades feitas por mulleres pero que queren converterse nun reclamo tanto para mulleres coma para homes. A exposición colectiva “A muller a través da arte”, con obras de Alejandra Matínez, Laura Tova, Lara Pintos e Julia Aguiar; o obradoiro “Debuxando en igualdade”, o Faladoiro coas Guerrilleiras e un obradoiro de mural feminino son algunhas das propostas que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día da Muller.

Ademais, como buscamos coñecer a cara B en todos os aspectos, non podía faltar a da música, a aposta alternativa, que volverá a encher o noso auditorio cunha nova edición do Curruncho Pop, que arranca no inverno pero se prolongará durante a primavera. Nesta segunda edición contaremos con artistas coma Javier Colis e Psychofonía, o sábado 4 de marzo, e Víctor Coyote, o 18. Os convites estarán dispoñibles ao longo de toda a semana anterior e as reservas poden facerse, de balde, na biblioteca.

Contacontos, obradoiros, presentacións literarias, faladoiros, proxeccións e recitais completan a programación de inverno, na que continúan tamén o club de lectura, o club de lectura en francés en colaboración coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdain e a campaña #puntoB, a través das redes sociais, que xa vos presentamos na anterior entrada de blogue, e na que vos continuamos animando a participar.

cartaz

Outono NON-STOP

Actividades,Blog

Entramos na recta final de 2016, pero non pensedes que a chuvia, o frío e as nubes van conseguir que na biblioteca paremos o ritmo, moi ao contrario!

Os meses de outubro, novembro e decembro veñen ateigadiños de cousas que facer, aprender e gozar na biblioteca. Voltarán os faladoiros, as presentacións literarias, os obradoiros, exposicións e proxeccións. Voltarán os contacontos, as visitas escolares e a música… en definitiva, volverá todo iso que fai que a vosa biblioteca sexa un referente cultural na comarca e parte do estranxeiro! 😀

Contaremos coas actividades clásicas da biblioteca, que sabemos que son un éxito asegurado:

Faladoiros, que versarán estes meses sobre temas tan diversos como artesanía  e reciclaxe, tradición cultural e musical galega ou literatura erótica.

arume

Presentacións literarias a cargo de diferentes escritor@s da nosa contorna, como Paco Souto, Susana Sánchez ou Jesús Huertas.

presentacion-y-ahora-vendemos

Proxeccións de temas de interese, como o da memoria histórica ou os desfiuzamentos.

Proxección unha muller que pasa e silencio.png

Obradoiros: Artísticos, coa colaboración da Asociación Crea Formas, que estará dirixido a xente nova, e tamén de contacontos para maiores. Tamén celebraremos Samaín e o Día das Bibliotecas cos seus respectivos obradoiros, que farán as delicias d@s máis pequen@s. Ademais, un novo ano colaboramos co FIOT acollendo o seu obradoiro “Pequepresentadores”, no que a rapazada poderá saber como é o traballo dos xornalistas.

anuncio-obradoiroOBRADOIRO SAMAIN.png

Contacontos: En novembro voltarán os nosos amigos máis divertidos e listos de Lonxedetodo para contarnos todas as aventuras que viviron estes meses sen vernos, tanto nas visitas escolares como nas sesións dos mércores, que seguirán sendo dobres e cada dúas semanas. Xa sabedes que requiren que recollades o convite a semana antes na biblioteca. Ademais, virán tamén nos visitarán as nosas amigas da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain para ofrecernos “Raconte-moi une histoire: contos enfrancés con sabor a outono”, no que como ben indica o seu título, nos deleitarán con preciosas historias de temática de outono na lingua gala. Estes encontros con diferentes linguas encántanlles a@s cativ@s! E como non, que sería un Samaín sen algunha historia arrepiante? Na biblioteca poderedes festexar esta festa tradicional da man de A Trastenda dos Contos e o seu espectáculo “Contos de medo que deixan durmir”, un paseo pola nosa tradición mística cheo de sorpresas. Non dubidedes en informarvos na biblioteca para poder conseguir o voso sitio!

contos de medo que deixan durmir.png

Pois isto non é todo, xa que ademais das actividades habituais da biblioteca teremos novidades que non podedes perder, como por exemplo o novo ciclo de contacontos “Avoas e avós contan”, no que os avós e avoas máis intrépidos, visitarannos para contarnos as súas historias, as que lles contaban a el@s de pequen@s ou mesmo as que inventan el@s mesm@s. Porque xa sabemos que as persoas maiores gardan moitas sorpresas que están desexando ser redescobertas polas novas xeracións!

avoas e avós contan.png

Sabedes que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e ademais celebramos o noso segundo aniversario? Pois ese día non podedes faltar, xa que teremos preparada para vós una exposición fotográfica dos mellores momentos destes dous anos de vida, e os rapaces e rapazas poderán facer de médicos dos nosos libros máis enfermiños no obradoiro “Hospital de Libros”.

En novembro comprácenos anunciar unha xornada chea de actividades encamiñadas a conectar co noso interior, coa nosa parte máis espiritual, para acadar o noso benestar e autocoñecemento. Esta xornada chamarase “Mañá consciente”, e abarcará experiencias de ioga para toda a familia, obradoiros de percusión consciente e poesía e un concerto de mantras. Apuntádeo na axenda, será o sábado 12 de novembro. Non tedes escusa para non vir!

MañáConsciente.png

Si, si, sabemos que é moita información, é unha oferta de lecer moi extensa, polo que vos deixamos o cartaz ao voso dispor para que o poidades consultar sempre que o precisedes ou incluso descargalo, parécevos?

Comezade o outono con tanta forza coma nós!

 

cabeceira-wordpress

Setembro: un mes de novidades e sorpresas para tod@s

Actividades,Blog

Comezamos o curso académico con grandes sorpresas e cambios que farán que a vosa experiencia na biblioteca sexa máis intensa, máis proveitosa e máis divertida, que cheguedes ás vosas casas tras a vosa visita habitual pensando en volver ao día seguinte con moitísima ilusión e ganas por descubrir todo o que vos ofrecemos. Queremos que pasedes as xornadas con nós, rodead@s de libros, de historias, de películas, de música, de recursos informáticos, de faladoiros e das vosas familias e amigos, porque a biblioteca é un espazo onde desfrutar do mellor da vida!

8.png

Para comezar, desde o día 1 a biblioteca abre as súas portas en horario ininterrompido, de 10:30 a 20:30, de luns a venres. Os sábados continuamos con horario de mañá, de 10:00 a 13:00. Deste xeito, o horario de apertura da biblioteca viuse incrementado en 15 horas semanais! Non é estupendo?

marketing.png

Continuando, o día 8 de setembro quedaron ao voso dispor as instalacións da pranta superior da biblio, polo que tedes un amplísimo espazo multifunción para estudar, relaxarvos, ler, traballar, navegar pola rede ou escoitar música cos vosos auriculares. Ademais, agora teredes as seccións de Banda Deseñada Xuvenil, Banda Deseñada Adultos e Obras de Referencia nesa pranta. Dende logo, que mellor maneira de acompañar o noso mural sobre o cómic que a nosa colección de tebeos, cómics, banda deseñada e manga para a rapazada e os adultos? Nela atoparedes verdadeiros tesouros. Non os perdades!

E por suposto, non poden faltar as actividades! En setembro aínda quedan moitas cousas que ver, sentir, aprender e reflexionar, xa que nos vindeiros días agárdannos as seguintes citas:

xoves 22, ás 20:00 h, teremos a cita máis solidaria do mes, un faladoiro coa Cruz Vermella no noso auditorio, no que poderemos coñecer os proxectos desta entidade na nosa vila e informarnos de todas aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma: como é o funcionamento interno, que temos que facer se queremos ser voluntari@s… O fabuloso equipo desta organización estará dispoñible para nós ese día, aproveitade!

faladoiro-cruz-vermella

Para o público máis musical, o venres 23, ás 19:30 h, voltaremos atrás no tempo coa presentación “Derribos Arias. Licencia para aberrar”, de Carlos Rego, na que faremos percorrido pola historia dunha das bandas máis innovadoras do panorama musical dos oitenta. Unha oportunidade para que o público xuvenil coñeza máis sobre a nosa música e outra para que @s adult@s poidamos rememorala.

presentacion-derribos-arias

proxección da curtametraxe “E boteime a andar”, de Pablo Lomba, o xoves 29 ás 19:00 h, será a encargada de pechar as actividades deste mes. Un documental moi interesante cargado de morriña, no que diferentes persoas nos contarán a súa experiencia sobre a emigración galega, unha situación que se volve a repetir na nosa época. Este filme, gañador do premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, ten moito que ensinarnos, non perdades a oportunidade de velo!

e-boteime-a-andar

Tamén vos lembramos que @s compañeir@s do Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continúan cos seus “Sábados de Literatura Francófona”, un club de lectura sobre o que podedes indagar máis poñéndovos en contacto coa mesma asociación.

Xa sabedes a que citas ides acudir? Aquí vos agardamos, porque co comezo do curso, nós tamén nos activamos!

bag

Actividades fresquiñas para este verán!

#ABiblioPréstame,Actividades,Blog

Chega o verán e con el o sol e as terraciñas, a praia e as lecturas sobre a area… Pero tamén chegan os festivais, os campamentos, as feiras medievais, os eventos ao aire libre… e na Biblioteca Rego da Balsa centos de ocasións para refrescarvos mañás e tardes deste trimestre caloroso (e se chove que chova)! Seguide lendo:

biblioOK

O verán comeza forte. Nas nosas instalacións continuamos cos contacontos para @s máis pequerrech@s da casa e para as súas familias, con historias para bebés de 0 a 3 anos, seredes quen de imaxinar un mundo diferente, cheo de cores e texturas… que máis se pode pedir que voltar á infancia con contos e cancións tan amenos coma os dos nosos contacontos #ABiblioConta? Atoparédelos o primeirosábado de xullo e agosto ás 11:30 h, e lembrade reservar praza chamando á biblioteca ou enviando un e-mail a biblioteca@carballo.org, pois esgótanse con facilidade!

13533240_864637887003295_8660142919695487495_n

O público adulto poderá gozar con actividades tan variadas como a proxección da curtametraxe “El último aliento”, que terá lugar o mércores 6 de xullo ás 19:00 h, onde se nos presentará a problemática na que pode derivar a contaminación e as dificultades económicas cun protagonista que vive illado na súa casa; pero tamén coa presentación literaria da obra de Geli Romero: “Otra oportunidad”, unha historia de amor e novos sendeiros que xorden durante o camiño de Santiago. Esta última cita terá lugar o venres 8, ás 20:00 h no noso auditorio.

Pero se o voso amor reside na literatura, a seguinte cita é imprescindible. Dende o 21 ao 24 de xullo (inclusives), na praza do Concello, estarán varios postos celebrando a “Praza dos Libros”, e a nosa Biblioteca Rego da Balsa non pode faltar! Poderedes atoparnos no noso posto e teremosvos preparadas varias sorpresas: préstamos e altas de usuari@s alí mesmo, e ata unha actividade-concurso para público infantil, para a que será preciso inscribirse dende o día anterior, dispoñible para nen@s a partir de 4 anos. Achegádevos, pois haberá moito que ver 🙂

IMG_20150822_113050

Moit@s de vós fostes @s que nos pediron obradoiros de diversas materias, por iso temos preparados dous moi distintos pero súper creativos!

Despois da gran acollida que presentou a reserva de prazas para o “Obradoiro de iniciación á ilustración”, organizado pola Asociación Artística Creaformas e impartido por Mon Lendoiro, optouse por ampliar o espazo a dous grupos diferentes. Un deles é o dos venres 15, 22 e 29 de xullo, de 10:30 a 13:30 h; outro os sábados 16, 23 e 30 do mesmo mes, de 10:00 a 13:00 h. Comprácenos dicir que case están todos os ocos cubertos, pero aínda queda algún dispoñible. Apurade a anotarvos chamando ou enviando un e-mail á Biblioteca Rego da Balsa.

Por outra banda, en todos os martes e xoves de agosto (excepto o 16) e o 1 e 6 de setembro de 11:00 a 13:00 h, @s usuari@s que reserven praza chamando ou enviando un e-mail á Biblioteca Rego da Balsa, poderán gozar con “Hibridar o imaxinario”, un obradoiro de creación literaria impartido pola escritora local Rosalía Fernández Rial, contando ademáis cunha sesión maxistral levada a cabo polo poeta coruñés Paco Souto. Que máis se pode pedir? Todo isto é posible grazas á Asociación Escritoras-es Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Consellería de Cultura, e coa colaboración do Concello de Carballo. Correde a anotarvos, pois nunha actividade tan interesante as prazas non duran moito tempo baldeiras!

Se o voso é a séptima arte, en agosto traemosvos un filme ben interesante, “O club da calceta”, baseado na novela homónima de María Reimóndez. Unha historia onde seis mulleres comparten experiencias e frustracións das súas vidas e toman conciencia das súas situacións para superalas. Un filme que non podedes deixar de ver. Tremendamente recomendado, proxectarémolo o vindeiro 25 de agosto, ás 19:00 h! Para tódolos públicos e con entrada libre, non faltedes!

el-club-de-la-calceta

Con setembro chega o inicio do curso, e con el un faladoiro da Cruz Vermella o xoves 22 ás 20:00 h, no que @s voluntari@s desta asociación solidaria nos falarán de todo o traballo que realizan e nos informarán sobre aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma asociación. Coñecede os proxectos que a Cruz Vermella ten preparados para Carballo e animádevos a compartir solidariedade!

Neste mes tamén contaremos con outra presentación literaria, esta vez cun toque musical, pois Carlos Rego falaranos dun libro que recolle a historia dunha das bandas musicais máis innovadoras dos anos oitenta: “Derribos Arias. Licencia para aberrar”. Para moit@s seguramente será unha volta aos tempos mozos e para outr@s será todo un descubrimento. Venres 23 ás 19:30 h no noso auditorio!

E como non, este mes tamén contará coa súa proxección. O xoves 29 ás 19:00 h proxectaremos unha curtametraxe chamada “Boteime a andar”, de Pablo Lomba, a cal recibiu o premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, vide a descubrir o porqué deste galardón!

Por último, restanos comunicarvos que, coma en meses anteriores, @s amig@s da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continuarán levando a cabo o seu ciclo de “Sábados de literatura francófona”, uns clubs de lectura en francés para público adulto e os cales recomendamos enormemente!

fondopantalla3

Xa sabedes a que citas ides asistir? Costa decidirse… Por qué non a todas! Agardámosvos!

#ABiblioPréstame máis que nunca!

Actividades,Blog

En maio e abril actividades mil e… de balde! Ofrecémosvos nestes meses outra tanda de opcións para o voso tempo de lecer: proxeccións cinematográficas con fondo (do Fondo Galego de Solidariedade); manualidades e exercicios creativos para liberar a vosa imaxinación; contacontos de Pais e Nais e da Biblioteca… e algunha cousiña máis que podedes ver no cartel primaveral que vos deixamos a continuación.

Cartel-BiblioCarballo-abril-maio-2015

Lembrade que existen actividades que precisan de inscrición previa; polo que para poder participar nelas teredes que poñervos en contacto co persoal da Biblioteca Rego da Balsa a través do teléfono: 981 758 580; ou ben no correo electrónico: biblioteca@carballo.org

Ven e participa! #ABiblioPréstame!