Unha biblioteca de conto! (Edición xuvenil)

13 a 17 anos,Blog,Recomendamos

Hai un tempo vos ofrecemos unha guía de lectura ben interesante dedicada a libros de contos para adultos, lembrádela?

Pois agora tócalle a quenda ao público xuvenil, xa que á rapazada tamén lle gusta o mundo da historia curta. Xa deixaron un pouquiño atrás os contos infantís (anque nunca haxa idade para abandonalos de todo, non si?) e están nunha época da súas vidas na que buscan un tipo de literatura dedicada a el@s, unha literatura coa que identificarse.

Tamén sabemos que a adolescencia é un momento crítico que marcará os hábitos lectores no resto da vida, e en moitos casos ocorre que a xente nova abandona a lectura por falta de tempo debido ás cargas académicas ou por outros tipos de entretemento. Ese é o motivo de que recomendemos para os rapaces e rapazas unha lectura breve pero intensa, que faga que se enganchen e vexan a lectura como unha forma máis de lecer, que lles faga rir, soñar, pensar e sobre todo, desexar coller outro libro no momento de rematar o anterior.

O mundo da contística está ateigado de nomes de gran sona que escriben as súas historias para un público xuvenil, desde os irmáns Grimm, Guy de Maupassant, Agustín Fernández Paz ou Ramón Caride. E as temáticas son do máis variado, desde a fantasía, pasando polo drama ou a crítica social, anque as historias de medo e intriga son as que máis atraen á xente nova.

Para que vexades que a boa literatura non trata soamente de libros de cincocentas páxinas e que en pouquiñas palabras pódese dicir moito, deixámosvos a guía de lectura para público xuveil que elaboramos. Todos os exemplares que figuran na mesma están dispoñibles na nosa biblioteca, así que non agardedes máis e levádeos en préstamo!

Advertisements

Novidades literarias Xullo ’16

#Blog,Blog,Recomendamos

Comeza xullo, un mes de sol, praia e festa. O verán está máis forte ca nunca e vemos a vida con máis ilusión e alegría que en calquera outra época do ano.

E cal é o complemento perfecto para este mes? Pois unha boa lectura! Un bo libro é o acompañante perfecto para os días de praia ou de relax no campo. É o noso mellor amigo para cando fai tanta calor que un prefire quedar na casa tranquilamente. Ata é un alivio ao aburrimento e a carraxe para cando os mosquitos non nos deixan durmir pola noite!

Na Biblioteca Rego da Balsa temos un verdadeiro arsenal de novos títulos para amenizar o voso verán: novela de adultos, contos para pequech@s, banda deseñada para público xuvenil e libros de información de todas as materias imaxinables estarán agardándovos na biblio.

Queredes botarlle un ollo ás novidades antes de achegarvos e ir elixindo xa a vosa próxima lectura? Deixámosvos o boletín de novidades con todo detallado. Tamén podedes visitar o noso perfil de Issuu para consultalo e ver outras guías de lectura de diferentes temáticas.

 Comezade o mes de xullo con moita enerxía acompañad@s da mellor lectura!

En San Xoán… Meigas fóra!

Blog,Recomendamos

San Xoán é unha festividade moi importante para a nosa vila, pero tamén para Galicia en xeral, pois recolle gran parte da nosa tradición e das nosas crenzas e do folklore da nosa terra.

1127H1

É unha xornada máxica, unha noite na que os espíritus danzan co lume ao noso carón, unha noite na que as casas se enchen de fiuncho para escorrentar a mala sorte e as ánimas con intencións nada positivas, un amencer no que as herbas potencian as súas propiedades curativas coa lúa para transmitírnolas a través da pel.

Nunha noite tan mística, o que non podemos esquecer son as meigas, eses seres, unhas veces máis benévolos ca outras, que contan coa conexión coa natureza e a sabiduría precisa para realizar conxuros de toda clase: feitizos que atraen amores ou rompen co mal sino, meigallos que curan a alma ou enchen o corpo de bóchegas, remedios para o mal de ollo ou para un esguince… Son seres que merecen unha homenaxe, pois como contan as lendas e di a xente… Habelas hainas! Queredes coñecer as que rondan a nosa biblioteca? Seguide lendo!

Entre @s nen@s de 4 a 7 anos atoparedes meigas como “A bruxa amorodo”, “As bruxas esbrúxulas” ou “A bruxa regañadentes”, entre outras, con problemas tan curiosos como o de non saber rir ou non saber voar… pero para todos eles atoparán a súa solución! E como hai meigas boas, tamén poderán escoitar as cancións para a paz de “A bruxa Discordia”, nun audiolibro de Mamá Cabra e Carmen Gil.

Na sección de 7 a 12 anos poderemos ler historias sobre unha chea de bruxas, entre elas “A bruxa sen curuxa” ou “Unha bruxa na casa”. Pero non soamente serán problemas cotiáns, pois con “Kika Superbruja”, en libros ou DVD, aprenderedes mil cousas, dende a cultura chinesa ata os exipcios, pasando por persoeiros tan ilustres como “Leonardo da Vinci” ou vivindo aventuras no mesmo Amazonas, sempre acompañada polo seu dragón Héctor. E se o voso son as aventuras, o que non podedes deixar escapar é a colección de Witch, na sección de banda deseñada de infantil, pois estas bruxiñas si que viven experiencias alucinantes!

Pola súa banda, o público xuvenil, poderá gozar con historias de intriga como a de “As meigas de Lupa”, con CD, ou cheas de fantasía, coma “Fedorenta, unha meiga porcallenta” ou a serie “A guerra das bruxas”, formada por tres libros apaixoantes.

Por último, os adultos tamén teñen unha serie fantástica coa que disfrutar, “La hora de las brujas”, chea de intriga, na que trece xeracións de mulleres con capacidades extraordinarias e poderes sobrenaturais teñen un extraño vínculo cun espíritu que está ao seu servizo. Queredes saber máis? Levádea emprestada!

E para que profundicedes nos materiais tan máxicos que temos nas nosas instalacións, deixámosvos unha guía de San Xoán a continuación!

Ademais, como sabedes San Xoán é o patrón de Carballo, e sendo as nosas grandes festas, non van faltar opcións de lecer durante todos este día na nosa vila. Mirade o programa das festas!

Pasade un San Xoán como se merece e desfrutade ao máximo!

Unha biblioteca de conto!

Blog,Recomendamos

Comeza o bo tempo e xa comezan a apetecer cousas frescas, as enchentes de comida do Entroido xa quedan atrás, e agora tocan cousas lixeiriñas, por iso pensamos que vos apetecería tamén unha lectura lixeira, pero igualmente intensa.

Porque en poucas palabras pódese dicir moito, e os contos non son soamente para nenos, fixemos un recopilatorio de libros de contos e relatos curtos para adultos de estilos do máis variado.

Un bo relato pódevos tocar a fibra máis sentimental, pode desencadear unha reflexión do máis profundo ou pode sacarvos unha gargallada escandalosa. É como unha pequena pílula que pode activar en vós o mesmo que un libro de cincocentas páxinas.

Dende logo, conseguir transmitir tanto con tan pouco non é labor sinxela, pero quen o logra deixa pegada nos lectores. Por iso os máis grandes literatos da Historia cultivaron o xénero maxistralmente: Kafka, Poe, Chéjov, Maupassant, Horacio Quiroga, Cheever, Dorothy Parker, Emilia Pardo Bazán, Katherine Mansfield ou Isabelle Eberhardt son só algúns dos máis soados relatistas da Literatura. Ademais, na nosa terra temos grandes mestres do relato curto: a xa mencionada Pardo Bazán, Suso Lista, Ánxel Fole ou Arantza Portabales son exemplos do talento que temos en Galicia.

Deixámosvos unha guía de lectura cos mellores libros relatos de autores galegos, nacionais e internacionais, para que sempre teñades un conto acompañándovos estes días soleados!

Porque as Bibliotecas de Carballo son de conto!

Visita “O meu mundo”

4 a 7 anos,Blog,de-0-a-3-de-4-a-7-anos,Infantil,Recomendamos

Cantas veces @s nen@s se enfrontan a problemas da vida cotiá que nin sequera os papás e as mamás son quen de solucionar con pacencia e comprensión? A chegada dun novo irmaciño, quitar os cueiros, contar mentiras ou a morte dun familiar ou amig@ son exemplos de momentos cruciais na vida d@s nen@s, e non hai nada máis terapéutico cun bo conto para poder superalos.

Por iso, temos para vós unha sección que contén libros relacionados coas emocións, os valores, a autoestima, os hábitos e demáis asuntos da vida coitá que afectan á rapazada.

Esta sección chámase “O meu mundo”, e podédela atopar nas zonas para bebés de 0 a 3 anos e na zona para nen@s de 4 a 7 anos de idade.

A continuación deixámosvos unha guía de lectura con recomendacións de libros pertencentes a esta sección. Podédela descargar e consultala cando queirades. E non esquezades que na biblioteca vos podemos axudar e asesorar con máis títulos!

Visitade “O meu mundo”!

30 de xaneiro, Día da Ilustración

Blog

Esta semana o mundo do Libro, a Banda Deseñada, e en xeral, as Artes están de celebración, xa que o vindeiro sábado será o Día da Ilustración en Galicia.

A elección desta data non é aleatoria ou casual, xa que coincide coa data de nacemento de Castelao, celebrando así unha das facetas desta importante figura da historia e da cultura galega. Castelao, ademais dun xenio das letras, foi tamén un xenio do lapis, e comezou a súa paixón polo debuxo e a ilustración sendo ben novo. E ben agradecidos que estamos, xa que as súas obras gozan dun equilibrio perfecto entre letra e imaxe, convertíndoo nun referente para comprender a historia moderna da nosa terra. Podedes consultar no noso catálogo os títulos dos que dispoñemos para que poidades levar en préstamo. E se queredes consultar a súa obra gráfica, propoñémosvos que visitedes o proxecto levado a cabo pola Universidade de Vigo que recolle un estudo minucioso sobre a obra gráfica deste galego ilustre. Fai clic aquí para consultalo.

pixlr_20160127152141589

A ilustración é algo máis que a “decoración” do libro, xa que nos ofrece un comentario gráfico do seu contido, un reflexo da sociedade na que apareceu o libro e, nalgúns casos, ata pode constituír principal motivo de interese.

Esta disciplina artística xa foi unha arte coñecida por exipcios, grecolatinos, bizantinos ou mozárabes desde épocas remotas, e na actualidade as técnicas utilizadas chegaron a tal perfección que os libros de hoxe poden chegar a ser verdadeiras obras de arte gráfica.

Por tod@s é coñecido o valor engadido que unha boa ilustración lle pode dar a unha obra, pero isto é aínda máis destacado cando falamos da literatura infantil, xa que é un xénero que non se pode explicar sen a ilustración. O mundo da ilustración de libros infantís está chea de recoñecidos e prolíficos homes e mulleres ao longo de toda a historia. Desde os clásicos, como Beatrix Potter ou Maurice Sendak, ata os máis contemporáneos, como Benjamin LacombeTom Schamp ou Ana Juan. Tamén na nosa terra temos grandes artistas que engalanan as historias infantís coas súas obras, como poden ser Dani Padrón, Paula Mayor ou Patricia Castelao, entre moitos outros que fan as delicias d@s máis pequen@s da casa.

pixlr_20160127201229478pixlr_20160127154838627IMG_20160127_154153

IMG_20160127_155538IMG_20160127_155238

Outro xénero que está intrínsecamente vencellado ao debuxo e diferentes técnicas de ilustración é o da Banda Deseñada. Porque que sería dun cómic sen imaxes? A este xénero pertencen títulos lexendarios mundialmente coñecidos que xa pertencen á memoria colectiva, como “Maus”, de Art Spiegelman ou “V de Vendetta” ilustrado por David Lloyd, pero tamén existen nov@s ilustrador@s que están a ter un gran éxito na actualidade e son todo un fenómeno de masas. En particular mencionaremos á nova corrente de españolas ilustradoras que están dando moitísimo que falar: Moderna de Pueblo, Monstruo Espagueti, Agustina Guerrero, Paula Bonet, Ana Oncina, Sara Herranz… E como non, en Galicia tampouco faltan artistas da viñeta, sendo o máximo exponente Miguelanxo Prado, do que temos varios dos seus títulos na biblioteca.

pixlr_20160127153306838pixlr_20160127151236823

IMG_20160127_201421IMG_20160127_155831

Na biblioteca temos preparada para vós unha exposición chulísima coa mellor selección de libros ilustrados, para que vexades que marabillas temos seleccionadas e celebremos tod@s o Día da Ilustración. Animádevos a visitala e desfrutade desta arte!

Ano novo, libros novos!

Blog,Novidades,Recomendamos

Benvid@s a 2016, querid@s usuari@s!

Como foron as festas de Noiteboa, Nadal e Noitevella? E sobre todo, tivestes moitos agasallos do Apalpador e dos Reis Magos?

Seguro que si, porque este ano fostes ben boíños, xa o sabemos nós… por iso, decidimos falar cos Reis Magos e co Apalpador para pedirlles que vos trouxesen algún detalliño tamén pola biblioteca! E sabedes que? Pois que as nosas peticións foron oídas, e neste novo ano poderedes desfrutar das mellores novidades editoriais grazas aos poderes máxicos do Nadal!

Recibimos de todo: libros, pelis, música e ata audiocontos, para @s máis pequen@s e para adultos. Aventuras, aprendizaxes básicas, ciencia-ficción, clásicos, animación, cociña, poesía, psicoloxía, música do máis variado, películas de estrea… todos os estilos, temáticas e xéneros imaxinables!

A que esperades para abrir os vosos agasallos e abraiarvos con todas as novidades que vos ofrece a biblioteca este novo ano? Para facervos a tarefa máis doada, elaboramos para vós unhas fantásticas guías por idades para que poidades consultar todos os títulos novos dos que dispoñemos. Podédelas descargar ou coller na propia biblioteca, xa que están á vosa disposición. E non esquezades que se buscades algunha obra en concreto podedes consultar no noso catálogo a súa dispoñibilidade!

Catálogo de novidades infantís para nen@s de 0 a 3 anos:

Para os bebés presentamos a colección Bebé Inteligente, da editorial Susaeta, unha colección de libros clasificada por idades, dende 0 a 24 meses, na que atoparedes a mellor selección de libros que estimularán a linguaxe, emocións e imaxinación d@s máis pequen@s da casa. Ademáis desta colección poderedes atopar outro tipo de títulos igualmente interesantes, e novas series de deuvedés que lles encantarán, como Dinotren, Unizoomi, Dora la Exploradora ou Babyskool.

Catálogo de novidades infantís para nen@s de 4 a 7 anos:

Para @s cativ@s de 4 a 7 anos temos un lote de cousiñas novas tamén, como os últimos libros de Os Bolechas, ou as series de debuxos de Bob Esponja ou Geronimo Stilton. Si, si, o mesmo Geronimo dos libros está en formato deuvedé, para que vivades todas as súas aventuras en movemento!

Tamén presentamos novos títulos da editorial La Fragatina, como Kiwi, O rei dos animais ou Só un reloxo, verdadeiras xoias pola súa coidada presentación e emocionantes historias, que desfrutaredes a tope tanto nen@s como maiores.

Para @s que busquedes que @s vos@s nen@s convivan nun ambiente plurilingüe e se afagan a idiomas como o inglés, temos para vós unha colección de contos infantís nesta lingua da editorial Sieteleguas.

Todo isto, as novidades en audiocontos e moito máis lles espera ao público de 4 a 7 aniños!

Catálogo de novidades infantís para nen@s de 7 a 12 anos:

Para @s nen@s xa máis grandiñ@s temos moitísimas novidades interesantes tamén!

Coleccións que rachan de éxito, como El Diario de Greg, El Diario de Nikki, Geronimo Stilton, Los Futbolísimos, Junie B. Jones, Las Crónicas de Narnia, Agus y los Monstruos ou a saga de cómic manga Keroro incorporan novos títulos ao noso catálogo.

Temos tamén novidades do máis intrigante, como Carmilla, ou coas que escacharás de risa, como El libro sin dibujos, xunto con libros informativos de calquera tema imaxinable. Ata poderás coñecer as aventuras do mediático chef Chicote e aprender algunha das súas receitas en Las suculentas aventuras de Chicote!

E na sección de audiovisuais non perdades a selección dos mellores filmes de animación, porque é un imprescindible. Tamén poderedes desfrutar en familia do xa clásico de manga de animación Dragon Ball, do que temos todas as temporadas!

Catálogo de novidades xuvenís para rapazada de 13 a 17 anos:

Para o público xuvenil temos tamén novas incorporacións en sagas como Divergente, Los juegos del hambre, El juego infinito, La caída de los reinos, Cazadores de sombras, Legend, Silber ou After, ademais de títulos tan especiais como Verdad o mentira, de Jimmy Liao, un artista cuxos libros son obras de arte cheas de sensibilidade e poesía, ou o novo título de Blue Jeans, Algo tan sencillo como tuitear te quiero, unha historia de amor irrepetible. Botádelle un ollo ao catálogo e alucinade con todas as novidades en galego e castelán que temos para vós!

Catálogo de novidades para adultos:

E non pensedes que soamente temos novidades para nen@s e moz@s. Para adultos hai títulos a esgalla para encher de lectura e lecer os primeiros meses do ano! As últimas triloxías de Dolores Redondo ou Ken Follett, o novo éxito editorial de Maxim Huerta, No me dejes, A saga Juego de Tronos, os interesantísimos libros que nos deixou Oliver Sacks antes de falecer o pasado agosto ou o máis novo de Diego Ameixeiras son só uns dos moitísimos títulos literarios que vos ofrecemos este xaneiro.

E non todo é literatura, xa que tamén tedes música, cine e banda deseñada, como os exitazos do momento Croqueta e Empanadilla ou Diario de una volátil, ademais de libros de información sobre cociña, saúde, festas tradicionais e mesmo exiptoloxía!

Por último, pero non por iso menos importante, temos que lembrarvos que 2016 será o ano no que se dedicará o Día das Letras Galegas a Manuel María, e por iso conseguimos para vós unha completísima colección de material deste ilustre autor da nosa terra. Son títulos do máis variado, para todos os públicos, e que farán que coñezades a perfección a súa vida e obra, que honramos este ano especialmente todos os galegos.

Queremos agradecer especialmente á Biblioteca da Deputación da Coruña e á Fundación Manuel María, por falar co Apalpador e os Reis Magos e facer posible que moitos destes materiais formen agora parte do noso fondo 😉

A que todas estas novidades son fantásticas? Pois non agardedes máis e consultádeas na biblioteca, levádeas para casa e desfrutade delas ao máximo! Toda a biblioteca está engalanada con estes marabillosos títulos por todas as súas estanterías. Non as perdas!

Xa sabedes: Ano novo, libros novos!

Un Samaín de medo e libros!

#ABiblioPréstame,Actividades,Blog,Recomendamos

Estamos nunca época do ano  que nos encanta: o Samaín! Ao contrario do que moitos pensan, esta festividade non é propiedade exclusiva das culturas anglosaxonas, senón que tanto esta coma outras culturas a tomaron emprestada dos celtas. Si, si, os nosos ancestros!

O Samhain é a festividade de orixe celta máis importante do período pagán que dominou Europa ata a súa conversión ao cristianismo, na que a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro servía como celebración da fin da tempada de colleitas e era considerada como o «Ano Novo Celta», que comezaba coa estación escura. É tanto unha festa de transición (o paso dun ano a outro) como de apertura ao outro mundo. A súa etimoloxía é gaélica e significa ‘fin do verán‘.

Os antigos celtas crían que a liña que une este mundo co Outro Mundo estreitábase coa chegada do Samhain, permitindo aos espíritos (tanto benévolos como malévolos) pasar a través. Os devanceiros familiares eran convidados e homenaxeados mentres que os espíritos daniños eran afastados. Crese que o uso de disfraces e máscaras débese á necesidade de escorrentar aos espíritos malignos. O seu propósito era adoptar a aparencia dun espírito maligno para evitar ser danado.

Como ben sabedes, esta festa foi adoptada por diferentes culturas e países, sobre todo anglosaxóns como Canadá, Estados Unidos, Irlanda ou Reino Unido, e, en menor medida, noutros lugares como España e Latinoamérica, renomeándoa como Halloween.

En Samaín as historias de medo e terror están tamén invadindo a biblioteca… En calquera recuncho no que miredes haberá música que ambientará as vosas noites de aquelarres, as películas máis terroríficas para as noites de treboada e sobre todo os grandes clásicos da literatura gótica e de intriga e misterio, tamén as novidades do xénero, e por suposto, banda deseñada coas viñetas máis escuras que vos poidades imaxinar… Hai Samaín para todas as idades e para todos os medos…

20151027_104900 20151027_104400 20151027_104936

20151027_104910(2)  20151027_104050 20151027_104927

E como hai para todas as idades e gustos, elaboramos para vós unhas guías de lectura con recomendacións por idades dos materiais máis terroríficos e misteriosos. Botádelles un ollo!

2 3 4 5

A relación de títulos que recomendamos nas guías son os seguintes:

Ata 7 anos:

  • A casiña de chocolate (AUDIOCONTO). Galaxia.
  • Imagina una noche. Sarah L. Thompson. Juventud.
  • Verlioka. Patacrúa & Magicomora. OQO.
  • Raquel ten medo. Agustín Fernández Paz. Xerais.
  • O gran libro dos medos do rato pequeno. Emily Gravett. Patasdepeixe.
  • Onde viven os monstros. Maurice Sendak. Kalandraka.
  • Corre, corre, cabaciña. Eva Mejuto & André Letria. OQO.
  • Que medo, mamá Raquel! Agustín Fernández Paz. Xerais.
  • La sombra de Laura. Vicente Muñoz Puelles. Algar.

De 7 a 12 anos:

  • Xela volveuse vampira!! (Libro+CD). Fina Casalderrey. Edicións B.
  • A pantasma de Canterville. Oscar Wilde. Embora.
  • A noite de Samaín. Pepe Carreiro. Toxosoutos.
  • Intriga en Luxor. Bjorn Sortland. Edelvives.
  • El ataúd del vampiroThomas Brezina. SM.
  • Ada Goth y el fantasma del ratón. Chris Riddell. Edelvives.
  • Escarlatina, a cociñeira defunta. Ledicia Costas. Xerais.
  • As bruxas. Roald Dahl. Xerais.
  • Donde viven los monstruos. DVD.

Xuvenil:

  • Historias de miedo (1, 2 e 3). Alvin Schwartz. Everest.
  • A capela maldita. Mario Franco. Toxosoutos.
  • La sombra del gato y otros relatos de terror. Concha López Narváez. Alfaguara Obradoiro.
  • Cuentos de terror de los objetos malditos. Chris Priestley. SM.
  • El día de los inocentes. Richie Tankersley Cusick. Gaviota.
  • Donde surgen las sombras. David Lozano Garbala. Gran Angular.
  • En tierra de nadie: El amanecer de Reeker. DVD.

Adultos:

  • O corazón do negror. Joseph Conrad. Faktoría K.
  • Frankenstein. Mary Shelley. Edicións B.
  • No confíes en Peter Pan. John Verdon. Círculo de lectores.
  • La dama de blanco. Wilkie Collins. DeBolsillo.
  • El chico de la casa en llamas. Tim Wynne-Jones. Edelvives.
  • Drácula. Bram Stoker. Círculo de lectores.
  • A la sombra del maestro: cuentos clásicos. Edgar Allan Poe. Mosaico.
  • Halloween 4. DVD.
  • Sweeney Todd. DVD.

Trick

Por suposto, estades invitados a achegarvos a tarde do venres 30 e celebrar Samaín con nós, xa que decoraremos a biblioteca coa vosa axuda, e como non, teremos unha sección dedicada aos disfraces, onde vos poderedes sacar fotos no noso photocall coas máscaras e antifaces que temos preparados para vós. Tamén na Ludoteca haberá sorpresas para @s máis pequen@s de 17:30 a 19:30. Non podedes faltar, entre tod@s faremos deste Samaín unha auténtica diversión terrorífica!

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas. Demos, trasgos e diaños. Pantasmas, vampiros, gatos negros, caveiras, casas encantadas, espíritos malignos e non tanto, misterios sen resolver… todo isto e moito máis teredes na vosa biblioteca este Samaín! 🎃👻👹💀 #ABiblioPréstame

Este verán será de Cine!! (1ª Parte)

#ABiblioPréstame,Blog,Recomendamos

Como ben sabedes, xullo e agosto están ateigados de actividades culturais para poder facer e desfrutar do verán sen esquecer todo o que nos pode ofrecer un bo libro, unha boa canción ou unha fantástica película.

Xa no blog vos presentamos a programación do Concello para este Verán Cultural, e, ademais dos concertos, o humor ou a danza, unha das ofertas máis atractivas é a do ciclo Noites de Cine, que durante os meses de xullo e agosto viaxará por diferentes lugares no municipio proxectando filmes para todo tipo de públicos, tanto ao aire libre como en recintos públicos para que tod@s poidades desfrutar do mellor cine de balde!

E falando de cine… na biblioteca contamos cunha amplísima selección de cine, con películas de diferentes xéneros que podedes levar en empréstito se sodes socios!

Esta semana queremos amosarvos o fondo cinematográfico que podemos ofrecer ao público adulto e xuvenil… Preparádevos, que veñen emocións fortes!

  IMG_20150723_111041IMG_20150723_111223IMG_20150723_111434

Comezamos cos clásicos, eses filmes que pasaron á historia do celuloide como obras mestras que permanecen na memoria colectiva e que nunca é mal momento para revisar. Cine de autor, a idade de ouro de Hollywood e moitos máis vos esperan na biblioteca!

IMG_20150723_110436IMG_20150723_111739IMG_20150723_110834

Ademais destes clásicos, dispoñemos dun amplísimo abano de películas dos máis diversos xéneros, épocas e nacionalidades.

Filmes de temática social, que espertarán en nós esa mirada crítica e concienciada sobre o mundo que nos rodea, ou dramáticas, que nos farán escapar algunha que outra bágoa, ou incluso algunha arrepiante e misteriosa … desas temos a varrer!

IMG_20150723_111923IMG_20150723_112048

Tamén poderedes experimentar intensas e emocionantes historias de amor na pel dos personaxes das máis románticas longametraxes, ou vivir momentos memorables da Historia como se estivésedes alí mesmo!

IMG_20150723_112618IMG_20150723_112329IMG_20150723_112829

E para @s que preferides deixar as cousas serias para a vida mesma e non vos queredes complicar, temos acción, aventuras, humor e fantasía, que lograrán que vos evadades da realidade e vexades o mundo cos ollos da imaxinación e a ilusión, sen perder o sorriso nin por un instante!

IMG_20150723_114103

E que pensades, que só temos cine estadounidense? Claro que non, temos cine español e, por suposto, cine galego! Na nosa terra faise moi bo cine e temos verdadeiros mestres do xénero, sen necesidade de ter que ir a outros lares. Por iso, ofrecémosvos varias coleccións e títulos interesantísimos que vos van sorprender, como A lingua das bolboretas, O soño dunha noite de San Xoán, Crebinsky ou o galardoadísimo filme de animación Engurras.

IMG_20150723_112917IMG_20150723_111537IMG_20150723_115004

Ademais do cine, na sección audiovisual para adulto@s e xuvenil, temos tamén un recunchiño para series e coleccións de documentais.

Xa sabedes que vivimos un momento glorioso para as series de televisión, que son todo un fenómeno de masas e que máis ca nunca espertan o noso interese, verdade? Pois tamén temos para vós algunha que outra serie para ofrecervos, como a que xa se pode considerar un clásico no xénero, Sexo en Nueva York. A nivel nacional tod@s coñecemos a Aída e as aventuras que acontecen á veciñanza de Esperanza Sur. Ou quen non viu centos de veces os episodios dos Simpsons ou Padre de Familia?

IMG_20150723_114606IMG_20150723_114832

E para os seareiros da natureza, os viaxes, os enigmas, o motor, a Arte ou a Historia tamén hai documentais para enriquecervos, entretervos e aprendervos. Xa vedes que hai para todos os gustos en Bibliocaraballo!

Pois non agardedes máis e achegádevos a buscar a vosa película para a fin de semana ou para un serán de relaxación estival. Vaivos ser difícil escoller entre tantas marabillas!

Seguide atentos ao blog, porque en breves teremos preparada unha visita virtual á zona audiovisual infantil, e veredes cantas películas temos para @s máis pequenos 😉

Porque o cine é o soño dunha noite de verán!

Carballo está de festa… e nós tamén!

#ABiblioPréstame,#Blog

Xa comezaron as actividades e actos que dan paso á festa da nosa vila, á festa de #SanXoán, unha celebración chea de #oportunidades lúdicas para fundirnos coa nosa #tradición, rodeados dun ambiente de #maxia e #misticismo.

 diante
San-Xoan-de-Carballo-2015

Nós tamén o celebraremos eses días, polo que é preciso avisarvos que o 24 e 25 deste mes permaneceremos pechados por ser festivos locais, pero voltaremos o 26 en horario habitual. Recordámosvos tamén que se necesitades facer algunha devolución podedes deixalas no noso buzón de entrada ou ben esperar ao día seguinte para taernos os materiais.

Por outra banda, para aquel@s que nos visitan na #ludoteca tamén vos avisamos que esta semana do 23 ao 26 se xuño, a mesma permanecerá pechada, pero verémosnos de novo nela o 29 co horario de sempre.

midsummer-142494_1280

Por todo isto, quixemos facervos unha selección de materiais especiais para estes días máxicos e recomendarvos libros que vos inspiren no mundo do sobrenatural, que vos axuden a levar a cabo os ritos para o amor, a saúde ou a abundancia en xeral, pero, sobre todo, que vos gusten e vos poidan resultar de interese.

Como seguro que xa sabedes, a noite do 23 ao 24 de xuño é máxica, durante a mesma, as portas do mundo dos vivos e dos mortos ábrense para que os espíritos poidan volver durante uns intres a ver aos vivos que deixaron atrás, por iso, como manda a tradición, é preciso deixar nas portas das nosas vivendas plantas que nos protexan do mal de ollo e dos espíritos, bruxas e demos que buscan facer o mal. Algunha desas plantas seguramente a coñeceredes, pois son o fiuncho, chuchamel (bilitroques ou alcroques), herba de San Xoán, romeu… Pero non todo son brux@s malvad@s, na nosa #biblioteca temos uns cantos bos que sabemos que vos poden arrincar máis ca un sorriso, por iso nos gusta recomendárvolos, animádevos a levar en #préstamo meig@s coma @s seguintes:20150622_115019

Pero as plantas galegas tamén teñen máis poder que o de evitar encontros indeseados, ademais tamén poden axudar a curar, sentirse mellor e ofrecernos enerxía e benestar. Así se demostra co rito que se fai nesta mesma noite, na que despois de recoller follas que vos indicamos a continuación, se deben meter en auga e deixalas toda a madrugada ao rocío desta noite. Despois de amencer, será preciso realizar o primeiro lavado de cara con esta auga, pois será a que nos outorgue a maxia para rexuvenecer e conseguir máis enerxía positiva.

11427711_880847172002972_8701203264008360969_n 4729987922_a49eff7c00_b

20150622_114410

Por último, tamén vos lembramos que Sanxo, o esquío máis molón de Carballo e a mascota da #biblioteca está de santo, posto que o seu nome deriva desta festa tan importante para o noso pobo. Él mesmo avisounos de que vos lembremos que esa noite tan especial tedes que ter moita ilusión e concentrarvos durante as #cachelas, pois é un momento ideal e máxico para pedir os desexos que vos rondan na cabeza durante todo o ano, é o momento no que o lume e as cinzas mesturan a fantasía coa realidade e a transforman deixándonos a esperanza de velos cumpridos. Xa pensastes o voso? Dende aquí desexámosvos un ano cheo de lecturas, películas e música apaixoantes 🙂

sanxo
flying-sparks-142486_640 20150622_115317