CABECEIRA WORDPRESS

En San Xoán… Meigas fóra!

Blog,Recomendamos

San Xoán é unha festividade moi importante para a nosa vila, pero tamén para Galicia en xeral, pois recolle gran parte da nosa tradición e das nosas crenzas e do folklore da nosa terra.

1127H1

É unha xornada máxica, unha noite na que os espíritus danzan co lume ao noso carón, unha noite na que as casas se enchen de fiuncho para escorrentar a mala sorte e as ánimas con intencións nada positivas, un amencer no que as herbas potencian as súas propiedades curativas coa lúa para transmitírnolas a través da pel.

Nunha noite tan mística, o que non podemos esquecer son as meigas, eses seres, unhas veces máis benévolos ca outras, que contan coa conexión coa natureza e a sabiduría precisa para realizar conxuros de toda clase: feitizos que atraen amores ou rompen co mal sino, meigallos que curan a alma ou enchen o corpo de bóchegas, remedios para o mal de ollo ou para un esguince… Son seres que merecen unha homenaxe, pois como contan as lendas e di a xente… Habelas hainas! Queredes coñecer as que rondan a nosa biblioteca? Seguide lendo!

Entre @s nen@s de 4 a 7 anos atoparedes meigas como “A bruxa amorodo”, “As bruxas esbrúxulas” ou “A bruxa regañadentes”, entre outras, con problemas tan curiosos como o de non saber rir ou non saber voar… pero para todos eles atoparán a súa solución! E como hai meigas boas, tamén poderán escoitar as cancións para a paz de “A bruxa Discordia”, nun audiolibro de Mamá Cabra e Carmen Gil.

Na sección de 7 a 12 anos poderemos ler historias sobre unha chea de bruxas, entre elas “A bruxa sen curuxa” ou “Unha bruxa na casa”. Pero non soamente serán problemas cotiáns, pois con “Kika Superbruja”, en libros ou DVD, aprenderedes mil cousas, dende a cultura chinesa ata os exipcios, pasando por persoeiros tan ilustres como “Leonardo da Vinci” ou vivindo aventuras no mesmo Amazonas, sempre acompañada polo seu dragón Héctor. E se o voso son as aventuras, o que non podedes deixar escapar é a colección de Witch, na sección de banda deseñada de infantil, pois estas bruxiñas si que viven experiencias alucinantes!

Pola súa banda, o público xuvenil, poderá gozar con historias de intriga como a de “As meigas de Lupa”, con CD, ou cheas de fantasía, coma “Fedorenta, unha meiga porcallenta” ou a serie “A guerra das bruxas”, formada por tres libros apaixoantes.

Por último, os adultos tamén teñen unha serie fantástica coa que disfrutar, “La hora de las brujas”, chea de intriga, na que trece xeracións de mulleres con capacidades extraordinarias e poderes sobrenaturais teñen un extraño vínculo cun espíritu que está ao seu servizo. Queredes saber máis? Levádea emprestada!

E para que profundicedes nos materiais tan máxicos que temos nas nosas instalacións, deixámosvos unha guía de San Xoán a continuación!

Ademais, como sabedes San Xoán é o patrón de Carballo, e sendo as nosas grandes festas, non van faltar opcións de lecer durante todos este día na nosa vila. Mirade o programa das festas!

Pasade un San Xoán como se merece e desfrutade ao máximo!

Carballo está de festa… e nós tamén!

#ABiblioPréstame,#Blog

Xa comezaron as actividades e actos que dan paso á festa da nosa vila, á festa de #SanXoán, unha celebración chea de #oportunidades lúdicas para fundirnos coa nosa #tradición, rodeados dun ambiente de #maxia e #misticismo.

 diante
San-Xoan-de-Carballo-2015

Nós tamén o celebraremos eses días, polo que é preciso avisarvos que o 24 e 25 deste mes permaneceremos pechados por ser festivos locais, pero voltaremos o 26 en horario habitual. Recordámosvos tamén que se necesitades facer algunha devolución podedes deixalas no noso buzón de entrada ou ben esperar ao día seguinte para taernos os materiais.

Por outra banda, para aquel@s que nos visitan na #ludoteca tamén vos avisamos que esta semana do 23 ao 26 se xuño, a mesma permanecerá pechada, pero verémosnos de novo nela o 29 co horario de sempre.

midsummer-142494_1280

Por todo isto, quixemos facervos unha selección de materiais especiais para estes días máxicos e recomendarvos libros que vos inspiren no mundo do sobrenatural, que vos axuden a levar a cabo os ritos para o amor, a saúde ou a abundancia en xeral, pero, sobre todo, que vos gusten e vos poidan resultar de interese.

Como seguro que xa sabedes, a noite do 23 ao 24 de xuño é máxica, durante a mesma, as portas do mundo dos vivos e dos mortos ábrense para que os espíritos poidan volver durante uns intres a ver aos vivos que deixaron atrás, por iso, como manda a tradición, é preciso deixar nas portas das nosas vivendas plantas que nos protexan do mal de ollo e dos espíritos, bruxas e demos que buscan facer o mal. Algunha desas plantas seguramente a coñeceredes, pois son o fiuncho, chuchamel (bilitroques ou alcroques), herba de San Xoán, romeu… Pero non todo son brux@s malvad@s, na nosa #biblioteca temos uns cantos bos que sabemos que vos poden arrincar máis ca un sorriso, por iso nos gusta recomendárvolos, animádevos a levar en #préstamo meig@s coma @s seguintes:20150622_115019

Pero as plantas galegas tamén teñen máis poder que o de evitar encontros indeseados, ademais tamén poden axudar a curar, sentirse mellor e ofrecernos enerxía e benestar. Así se demostra co rito que se fai nesta mesma noite, na que despois de recoller follas que vos indicamos a continuación, se deben meter en auga e deixalas toda a madrugada ao rocío desta noite. Despois de amencer, será preciso realizar o primeiro lavado de cara con esta auga, pois será a que nos outorgue a maxia para rexuvenecer e conseguir máis enerxía positiva.

11427711_880847172002972_8701203264008360969_n 4729987922_a49eff7c00_b

20150622_114410

Por último, tamén vos lembramos que Sanxo, o esquío máis molón de Carballo e a mascota da #biblioteca está de santo, posto que o seu nome deriva desta festa tan importante para o noso pobo. Él mesmo avisounos de que vos lembremos que esa noite tan especial tedes que ter moita ilusión e concentrarvos durante as #cachelas, pois é un momento ideal e máxico para pedir os desexos que vos rondan na cabeza durante todo o ano, é o momento no que o lume e as cinzas mesturan a fantasía coa realidade e a transforman deixándonos a esperanza de velos cumpridos. Xa pensastes o voso? Dende aquí desexámosvos un ano cheo de lecturas, películas e música apaixoantes 🙂

sanxo
flying-sparks-142486_640 20150622_115317