cabeceira-wordpress

Setembro: un mes de novidades e sorpresas para tod@s

Actividades,Blog

Comezamos o curso académico con grandes sorpresas e cambios que farán que a vosa experiencia na biblioteca sexa máis intensa, máis proveitosa e máis divertida, que cheguedes ás vosas casas tras a vosa visita habitual pensando en volver ao día seguinte con moitísima ilusión e ganas por descubrir todo o que vos ofrecemos. Queremos que pasedes as xornadas con nós, rodead@s de libros, de historias, de películas, de música, de recursos informáticos, de faladoiros e das vosas familias e amigos, porque a biblioteca é un espazo onde desfrutar do mellor da vida!

8.png

Para comezar, desde o día 1 a biblioteca abre as súas portas en horario ininterrompido, de 10:30 a 20:30, de luns a venres. Os sábados continuamos con horario de mañá, de 10:00 a 13:00. Deste xeito, o horario de apertura da biblioteca viuse incrementado en 15 horas semanais! Non é estupendo?

marketing.png

Continuando, o día 8 de setembro quedaron ao voso dispor as instalacións da pranta superior da biblio, polo que tedes un amplísimo espazo multifunción para estudar, relaxarvos, ler, traballar, navegar pola rede ou escoitar música cos vosos auriculares. Ademais, agora teredes as seccións de Banda Deseñada Xuvenil, Banda Deseñada Adultos e Obras de Referencia nesa pranta. Dende logo, que mellor maneira de acompañar o noso mural sobre o cómic que a nosa colección de tebeos, cómics, banda deseñada e manga para a rapazada e os adultos? Nela atoparedes verdadeiros tesouros. Non os perdades!

E por suposto, non poden faltar as actividades! En setembro aínda quedan moitas cousas que ver, sentir, aprender e reflexionar, xa que nos vindeiros días agárdannos as seguintes citas:

xoves 22, ás 20:00 h, teremos a cita máis solidaria do mes, un faladoiro coa Cruz Vermella no noso auditorio, no que poderemos coñecer os proxectos desta entidade na nosa vila e informarnos de todas aquelas dúbidas que teñamos sobre a mesma: como é o funcionamento interno, que temos que facer se queremos ser voluntari@s… O fabuloso equipo desta organización estará dispoñible para nós ese día, aproveitade!

faladoiro-cruz-vermella

Para o público máis musical, o venres 23, ás 19:30 h, voltaremos atrás no tempo coa presentación “Derribos Arias. Licencia para aberrar”, de Carlos Rego, na que faremos percorrido pola historia dunha das bandas máis innovadoras do panorama musical dos oitenta. Unha oportunidade para que o público xuvenil coñeza máis sobre a nosa música e outra para que @s adult@s poidamos rememorala.

presentacion-derribos-arias

proxección da curtametraxe “E boteime a andar”, de Pablo Lomba, o xoves 29 ás 19:00 h, será a encargada de pechar as actividades deste mes. Un documental moi interesante cargado de morriña, no que diferentes persoas nos contarán a súa experiencia sobre a emigración galega, unha situación que se volve a repetir na nosa época. Este filme, gañador do premio á mellor realización na II Edición do Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, ten moito que ensinarnos, non perdades a oportunidade de velo!

e-boteime-a-andar

Tamén vos lembramos que @s compañeir@s do Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain continúan cos seus “Sábados de Literatura Francófona”, un club de lectura sobre o que podedes indagar máis poñéndovos en contacto coa mesma asociación.

Xa sabedes a que citas ides acudir? Aquí vos agardamos, porque co comezo do curso, nós tamén nos activamos!