Igualdade

A biblioteca cre na non discriminación por ningunha razón, pero unha causa na que está totalmente involucrada é a do feminismo, que pretende a igualdade de xénero e sexual para todas as persoas.

Por iso, creamos unha sección especial dedicada á recopilación de materiais que reflicten a variedade de manifestacións, identidades e orientacións sexuais, e tamén poñer en valor as aportacións das tantas mulleres que ao longo da historia influíron na ciencia, nas artes ou na cultura e contibuíron ao desenvolvemento da humanidade, moitas veces ignoradas e non recoñecidas.

Na sección de Igualdade poderedes atopar biografías, ensaios ou novelas que versan sobre o colectivo LGTBI ou sobre a influencia que o patriarcado ten sobre as nosas vidas, e coñeceremos as historias e aportacións de mulleres que escapan dos estereotipos, algunhas de ficción e outras que existen ou existiron. Coñeceremos música feita por mulleres, cine dirixido por mulleres e deconstruiremos os contos clásicos, dándolles unha reviravolta para desposuílos desa influencia omnipresente dos patróns de xénero.

Este materiais están dispoñibles para todas as idades, desde @s máis pequen@s da casa ata público adulto, polo que terán etiquetas ou “texuelos” de diferentes cores: azuis (0-7 anos), vermellos (7 a 9 anos), verdes (10 a 12 anos), amarelos (12 a 14 anos), verdes claros (15 a 17 anos) ou brancos (adultos).
Recoñeceralos polo distintivo que levan na portada, e que é a pegada dunha man en cor morada, simbolizando a pegada feminista que pretendemos deixar na cidadanía.

Con todo isto, queremos conseguir unha sociedade máis diversa e máis tolerante, onde cada quen se poida expresar libremente e poida explorar os límites da súa creatividade e ambición, sen que o xénero ou condición sexual inflúa para acadar a plenitude persoal que tod@s merecemos.

Queremos que cesen as violencias, queremos amar sen xuízos morais, queremos vivir e queremos ser libres!