Libros prohibidos

Ao longo da historia existiron miles de libros prohibidos polas autoridades de certos países e aínda que o contexto cambiou a través dos anos, ler un libro que foi censurado pode resultar interesante e facernos reflexionar moito.

A derradeira semana de setembro celébrase en diferentes puntos do mundo a Semana dos Libros Prohibidos, na que se pretende destacar o sinsentido da censura, polo subxectiva que pode ser e por intentar manipular o pensamento e a opinión pública en favor de determinadas ideoloxías políticas, relixiosas ou morais.

Na biblioteca queríamos manifestar o noso rexeitamento á censura e o noso máximo apoio á liberdade de expresión recollendo nun punto da sala unha selección dos máis famosos libros prohibidos, no que podedes ver os motivos que motivaron estas prohibicións no caso de cada un deles. Descubriredes auténticas barbaridades!

Por exemplo, sabiades que o conto de Carrapuchiña vermella foi censurado porque a nena levaba no seu cesto viño para a súa avoa? Ou que Alicia no país das marabillas foi prohibido porque o goberno chinés consideraba unha inmoralidade que un animal falara ou fixera cousas propias dos seres humanos?

Se queres coñecer máis historias sobre os libros prohibidos visita a nosa sección especial!