Os Contos de Lonxedetodo

Sabes que na biblioteca ademais de haber libros, películas, música, nenas e nenos paseando polos corredores… tamén temos uns visitantes moi pouco convencionais? Si, na biblioteca temos RATOS! Pero non calquera rato, non… na biblioteca temos unha familia de ratos viaxeiros aos que lles encanta ler e que veñen de visita de cando en vez a contarnos os seus contos favoritos.

Para quen non os coñezades, esta familia é a dos Ratiños de Lonxedetodo. Eles veñen á biblioteca durante o curso cada dúas semanas e nos deleitan coa mellor selección de historias, ofrecendo contacontos a nen@s de 3 a 8 anos.

Como lles gustan tanto os contos e nos recomendan tan boas lecturas, na biblioteca decidimos poñer todas esas recomendacións nunha sección especial, por se vés un día no que Fuco, Lilí, Carolina, Pillo ou Faifá andan de viaxe ou pola súa casiña de Lonxedetodo e non lles podes preguntar ti mesm@ polas súas lecturas preferidas.

Esta sección ten libros para público infantil e chámase Os contos de Lonxedetodo. Podes recoñecer estas lecturas porque están nun moble específico e levan un distintivo na portada coa cariña dun rato.